De Xohana Torres
Ano: 2023
Gonçalo Guerreiro e María Torres, directores
A especulación urbanística, a depredación do medio natural ou o desarraigo son algúns dos temas arredor dos que xira Un hotel de primeira sobre o río, que desprega en tres actos a historia de Ruth, quen vive e traballa nun val afectado por un proxecto urbanístico para construír un hotel cunha área recreativa. O espectáculo narra a presión exercida sobre a protagonista para que renuncie ás súas terras, á súa casa, á súa historia e ás súas raíces,
evocando de xeito onírico e simbólico a dualidade entre a realidade e as fantasías da súa imaxinación.
Un hotel de primeira sobre o río é o resultado do diálogo do texto orixinal co teatro de movemento, a danza, a música e as artes visuais. Cunha coidada composición estética e unha rigorosa investigación sobre xestos e imaxes, a peza convídanos a abordar diferentes xeitos de vivir no ámbito rural e a cuestionar a xestión dos recursos naturais.
Vellas baladas e ritmos novos
Gonçalo Guerreiro e María Torres, directores
Adaptación
Mergullarnos na escrita de Xohana Torres e nos temas que atravesa a peza permitiunos entender mellor o contexto socio-cultural galego dos anos 60 e tomar consciencia da importancia do labor realizado pola autora, coidando e nutrindo a nosa lingua, tornándose referente en feminino e fonte de inspiración.
A riqueza teatral de Un hotel de primeira sobre o río está fortemente impregnada da obra poética de Xohana e iso fai que o desafío da adaptación sexa o de revisitar ambos universos desde unha perspectiva contemporánea e sen perder nunca de vista a acidez, a ironía e o drama.
A pesar das numerosas modificacións que a adaptación implicou, cremos non deixar fóra ningún dos matices que lle dan corpo e esencia ao texto. Mantivemos os personaxes estruturantes e respectamos a narrativa dramática, pero engadimos un punto de vista persoal sobre o activismo ecoloxista asociado ao movemento neorural a través dun novo personaxe: Silvia Ledo Limia.
Os parlamentos esenciais dos personaxes dos que prescindimos foron absorbidos no discurso doutros e sentimos aínda a necesidade de completar a escrita nalgúns dos personaxes existentes por cuestións de coherencia dramatúrxica, sempre tentando non romper o estilo persoal de Xohana Torres.
Onde hai asumidamente unha fractura clara é nos textos de Silvia. Estes teñen unha estrutura, un estilo e un vocabulario que pretende provocar os restantes textos da peza a través do seu contido urbano e coloquial. Grazas a estas diferenzas temporais e estilísticas, creamos unha relación directa entre a forma en como se interpretaba a ruralidade hai 55 anos e os puntos de vista actuais.
A nivel temático as pistas para percorrer foron claras. Limitámonos a continuar explorando os camiños trazados pola autora: a especulación urbanística, a sobreexplotación dos recursos naturais, a emigración, o feminismo, a posta en valor do traballo da xente do mar, o apego á terra e o éxodo rural. Todos e cada un destes temas continúan presentes na nosa sociedade hoxe en día, o que pon en valor o carácter visionario de Xohana, que anticipou as grandes crises e as temáticas protagonistas do século XXI.
Posta en escena
A nosa posta en escena pretende cuestionar o rural, o urbano, o progreso e a tradición de xeito que evoquen argumentos que favorezan o debate. Cremos que a cuestión do éxodo rural que estrutura o texto se agravou substancialmente desde que foi escrita a peza, polo que son precisas medidas contundentes para frealo. Coñecemos en primeira persoa o feito de abandonar unha grande metrópole en busca dunha vida achegada á natureza, mais entendemos que é igualmente lexítimo trocar o campo pola cidade na procura de estímulos novos e dun certo mimetismo protector. Paralelamente, o turismo non ten porque aniquilar a tradición e a cultura pode coexistir co lecer. A cuestión é encontrar modelos de xestión política consciente que respecten os ecosistemas, que prioricen as necesidades das persoas e o seu benestar. Esperamos que a nosa visión de Un hotel de primeira sobre o río axude a afondar no cuestionamento, no detalle e na argumentación.
Escenografía
A nosa práctica artística baséase nunha forte relación do corpo co espazo e o obxecto, onde o primeiro funciona como una figura que necesita un fondo do cal se poida destacar, asumindo unha herdanza directa das artes visuais. O elemento fundador é sempre un dispositivo escenográfico habitado polas referencias espaciais onde os corpos poidan existir. Dentro desta lóxica estrutural, a escenografía de Un hotel de primeira sobre o río xorde motivada pola concretización do mundo emocional da protagonista da peza, Ruth Soar, os seus medos, as súas fantasías, as súas angustias e as súas fraxilidades. O espazo escénico está deseñado de xeito que poña en risco o equilibrio e a estabilidade para levar as actrices e os actores a asumir unha consciencia permanente da relación da palabra co xesto e do perigo que representa estar en escena.
Iván Davila
Raquel Espada
Sofía Espiñeira
Merche Pérez
Nicolás Otero
Pablo Sánchez
Lidia Veiga
Ficha artística
Texto: Xohana Torres
Dirección e dramaturxia: Gonçalo Guerreiro e María Torres
Elenco: Iván Davila, Raquel Espada, Sofía Espiñeira, Merche Pérez, Nicolás Otero, Pablo Sánchez e Lidia Veiga
Equipo artístico
Textos complementarios: María Torres
Escenografía: Gonçalo Guerreiro
Vestiario e produción de arte: Carolina Díguele
Composición musical: Manuel Fonte Loureiro
Iluminación: Nacho Martín
Asistencia de produción: José Díaz
Asistencia de dirección en xira: Laura R. Duarte
Realizacións
Escenografía e attrezzo: Equipo técnico do CDG
Vestiario: Equipo técnico do CDG
Coordinación e corrección de textos | Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Fotografías e vídeos: Miramemira
Deseño gráfico: Trisquelia
Accesibilidade LSE: Lucía Marcos Sanz
Audiodescrición: Salomé Iglesias Gil
Programa accesible: FADEMGA-Plena Inclusión
Agradecementos:
José Manuel González Sanmartín, Roi Vidal, Isabel Novo Castro, María Paredes Rodríguez e familia de Xohana Torres.
Maio 2023
Vigo, Teatro Afundación
Xoves 4. Función.
Póvoa de Varzim (Portugal), Garrett Theatre
Sábado 6. Función.
Vimianzo, Casa da Cultura
Domingo 7. Función.
Lugo, Auditorio Municipal Gustavo Freire
Xoves 11. Función.
O Barco de Valdeorras, Teatro Municipal Lauro Olmo
Venres 12. Función.
Ourense, Teatro Principal
Martes 16. Función.
Narón, Pazo da Cultura
Venres 19. Función.
Sábado 20. Función.
A Coruña, Teatro Rosalía Castro
Domingo 21. Función.