AGADIC

Centro Dramático Galego


tartufo_580x250

CDG Coproducións: Tartufo. Projeto NÓS/NOUS

De Molière

Ano: 2022

Tónan Quito, director

Tartufo é coma un lume

Eu contaba con toda a liberdade para escoller o que quería facer. Que podía ser? Dirixinme aos clásicos na procura dunha peza na que o reparto fose igual para todos. Son 16 alumnos. Deses, oito son actores e outros oito encárganse das outras funcións artísticas, desde a dirección á escenografía. E tres linguas: portugués, galego e francés. A min xa me gustaba Molière, pero nunca souben que peza en concreto me apetecía levar a cabo. Volvín ler algunas obras polas que sinto admiración e tamén Tartufo, que non coñecía. Descubrín que era unha boa obra para este proxecto. Entendín que todas as personaxes teñen o mesmo tipo de protagonismo. Aínda que unha lectura sumaria nos faga centrarnos máis na figura de Tartufo, o protagonista non é el. A protagonista é a casa onde Tartufo se atopa.

Trata dunha familia da alta sociedade. O pai, Orgon, está casado por segunda vez e lles concede aos fillos unha liberdade total. Déixase influenciar por alguén que atopa na igrexa e decide levalo para a casa para aloumiñar coma un can faldreiro, reafirmando o seu poder sobre o coitado. A familia recibe a esta persoa manipuladora e cínica, un falso devoto —Molière usa o pretexto da Igrexa, pero o que realmente lle interesa é o cinismo dos hipócritas que intentan sempre aproveitarse dos outros— pero a familia xa se atopa corrompida. Son todos uns manipuladores, fan calquera cousa para acadar o seu obxectivo. Cada un, á súa maneira, usa as mesmas ferramentas que Tartufo, só que este está máis habituado, trátase dun profesional. Polo tanto, unha das miñas preocupacións foi comprender que é o que Tartufo provoca na familia. Cando chega, o home destrúe toda a liberdade que existía na casa e o ambiente familiar. Existe o factor político do vello contra o novo, do conservadorismo contra a liberdade, e isto acontece xa na primeira escena na que Madame Pernelle, nai de Orgon, afirma: "Eu marcho desta casa porque nesta casa só existe a desorde!".

A única alteración que fixen pasou por transformar a personaxe do Valerio en Valeria. Non é algo novo para min. Os textos clásicos son escritos por homes e para homes. A pesar de atoparmos personaxes femininas incribles, elas son sempre menos. Eu quería personaxes para catro mulleres e só tiña para tres. Por iso, pensei que había unha boa oportunidade para unha Valeria e un casamento entre dúas mulleres. Deste xeito, cobra un maior sentido que o pai se opoña ao enlace, buscando o seu matrimonio con Tartufo. Vese así o conservadorismo existente que, para min, é o gran tema da obra. É dicir, Tartufo só existe, o problema só existe, porque o casamento está en perigo. E é porque o casamento está en perigo que acontece a obra.

Nesa casa ninguén é trigo limpo. Abunda a mesquindade e só Dora e Cleanto se salvan. Xa estamos habituados a que, nas comedias, sexa a criada quen di as verdades. Pero aquí ela, en certa forma, emerxe e faise co poder da casa. Hai aquí un "basta xa" da condición submisa. Molière maniféstase non só en relación á Igrexa (e por iso é censurado), senón tamén en relación ó clasismo da sociedade e ó papel da muller. Era o século XVII e el xa estaba a pensar nisto! E Cleanto é a única persoa lúcida e razoable, un espírito do futuro.

Esta obra é coma un lume. As lapas prenden axiña na primeira escena e van ardendo ata o fin. É moi inquietante. O ritmo da historia foi unha das cousas que máis vontade tiven de recrear, agrádame que sexa unha obra chea de barullo e confusión. Procurei todo aquilo que potencie a idea de oposición, como as lumaradas. Acompañoume sempre a imaxe de que a casa era un lume e un lugar de paso. É unha obra inestable ata o seu desenlace final. E é esta a inestabilidade á que eu quería asistir. Facer un texto deste tipo hoxe implica procurar o conflito.

A cuestión non é pensar que sentido teñen este textos, senón cal é o sentido que lles outorgan ás nosas vidas. É dicir, un texto é tan só un texto. Facer o Tartufo de Molière é tan só unha escusa para pensarmos no hoxe, nos métodos de traballo, nas nosas crenzas sobre o teatro, sobre o que vemos e o que non vemos.

Eu non coñecía este grupo. Quería escoitalos para comprender onde diverxemos, e en que punto esa discordancia podía resultar creativa. O primeiro que decidín foi que a obra non sería en inglés. Un idioma que nos une a todos? Non! Cada un vai falar a súa lingua. A peza está realizada en portugués, galego e francés. Temos o francés orixinal, contamos coa tradución de Manuel João Gomes <1987> que respecta o verso, a pesar de non rimar, e finalmente a versión galega <2019> que, sen ser unha reescritura porque aí está todo, emprega unha linguaxe máis contemporánea e coloquial. Resultou moi interesante pensar nesa cuestión da lingua e dos malentendidos no escenario. Por suposto que a propia obra tamén permite isto. É Molière e é comedia, e crea equívocos.

Este proxecto é moito máis sobre o que eles van facer do Molière que sobre o que vou facer eu. Realizar unha obra con 16 finalistas de catro escolas de arte dramático diferentes para ser representada en cada un dos lugares de orixe, pasa por facelos responsables e por comprender que queren facer eles con Molière, o que teñen que dicir eles como actores e creadores. Un actor é un creador máis, non propiamente un vehículo co que trasladar o que o director pensa ou o que pensaba o autor. Polo tanto, existe esa entrega de responsabilidade e unha exposición maior. Trátase do fin dunha etapa. O importante é amosar tamén as complexidades da nosa propia estrutura, como individuos, os uns cos outros. Coido que esta obra amosa isto moi ben.

Tónan Quito
xuño 2022
(en conversación con Maria João Guardão)


Bernardo Santo Tirso
Carlos Correia
Carolina Parreira
Haïthouni Hamada
João Maria Fialho
Marcos Fernández
Romane Buunk
Yaiza Portela


Texto: Molière
Dirección: Tónan Quito
Con: Bernardo Santo Tirso, Carlos Correia, Carolina Parreira, Haïthouni Hamada, João Maria Fialho, Marcos Fernández, Romane Buunk, Yaiza Portela
Tradución portugués: Manuel João Gomes
Tradución galego: Loli Ramos Duarte
Escenografía: Carlota González, María Torres Piñeiro
Vestiario: Hercule Bourgeat
Deseño de iluminación: Lucien Laborderie
Efectos de son e apoio ao deseño de iluminación: Afonso Lemos
Asistencia de dirección: Diego Chamizo Mora
Apoio voz e texto: João Henriques
Produción executiva: Miguel Mendes
Rexedor: João Gonçalo Limas
Colaboración: Axencia Galega das Industrias Culturais / Centro Dramático Galego, Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades / Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, École Nationale Supérieure Des Arts et Techniques du Théâtre, Instituto Politécnico de Lisboa / Escola Superior de Teatro e Cinema, Instituto Politécnico do Porto / Escola Superior de Música, Artes e Espetáculo, Les Célestins - Théâtre De Lyon, Teatro Nacional D. Maria II, Teatro Nacional S. João
Apoio: Institut français à Paris (no ámbito do programa Relance Export), Institut français du Portugal, Embaixada de Francia
Duración: 1h40
Proxecto financiado polo programa europeo Erasmus+ K2




AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal