AGADIC

Centro Dramático Galego


CDG Obras: Xardín suspenso

De Abel Neves

Ano: 2015

Cándido Pazó, director

Abel Neves

Poeta, romancista, ensaísta e, sobre todo, prolífico dramaturgo, Abel Neves está considerado un dos nomes máis relevantes da dramaturxia portuguesa contemporánea.

A súa abundante produción abrangue máis de 30 pezas teatrais publicadas e escenificadas como Anákis, Amadis, Touro, Terra, Medusa, Amo-te, Atlântico, Finisterrae, Arbor Mater, Lobo-Wolf, El Gringo, Inter-Rail, Supernova, Fénix e Kota-Kota, A Caminho do Oeste, Amor-Perfeito, Olhando o céu estou em todos os séculos, Provavelmente uma pessoa, Este Oeste Éden, Qaribó, Ubelhas- Mutantes e Transumantes, Vulcão, Querido Che, A visita, A mãe e o urso, Sallon Yé-Yé, Vulcão, Flor e Cinza, Clube dos pesimistas ou Atlântica.

Malia que Além as estrelas são a nossa casa e Nunca estive em Bagdad son, sen dúbida, os seus textos máis representados, recentemente tivo a oportunidade de ver sobre as táboas as súas obras Jardim suspenso (estreada polo Teatro Nacional Dona Maria II tras recibir en 2009 o prestixioso Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva), Flores para mim (a cargo de Teatro Meridional, 2011) e Sabe Deus pintar o Diabo (pola que a Companhia de Teatro de Braga recibiu da Sociedade Portuguesa de Autores o Premio Autores 2014 ao mellor texto portugués representado en 2013).

Ademais cultivou tamén xéneros como a poesía (Eis o Amor a Fame e a Morte e Quasi Stellar), a novela (Asas para que vos quero, Sentimental, Precioso, Cornos da Fonte Fria, Lisboa aos seus amores (Felizes e Aliança), entre outras) e o ensaio teatral (Algures entre a resposta e a interrogaçao). A súa obra, traducida a multitude de idiomas, foi publicada ou representada en Alemaña, Brasil, Escocia, España, Francia, Luxemburgo, Hungría e Romanía.


Cándido Pazó

Autor, director de escena, narrador oral e actor, comeza a súa actividade profesional en 1975. Vincúlase ao nacente movemento teatral de Vigo e de Galicia, sendo un dos "benxamíns" das xeracións xurdidas arredor dos primeiros encontros da histórica Mostra de Ribadavia. Membro fundador da compañía A Farándula, traballa en todos os seus espectáculos ata a disolución da agrupación viguesa en 1983.

Complementa o seu autodidactismo cunha formación fragmentaria na que cabe destacar o seu contacto parisiense con Philippe Gaulier, que marca claramente a súa poética e o seu concepto da posta en escena e a dirección de actores.

Logo dunha etapa de actor ou axudante de dirección en diversas compañías e no CDG, debuta como autor e director de escena con O melro branco (Premio Xeración Nós de Teatro Infantil, 1989), peza representada pola súa compañía Tranvía Teatro. A partir de entón, escribe, dirixe ou fai adaptacións para varias compañías, especialmente Ollomoltranvía (resultado da fusión da súa compañía con Ollomol en 1993) pero tamén en Teatro do Malbarate, Teatro do Xalgarete, Títeres Tanxarina, Teatro do Noroeste, Teatro do Atlántico, Talía Teatro, o Centro Dramático Galego ou Teatro de Adro.

Entre outros dos moitos espectáculos dos que foi autor ou director escénico destacan: Commedia, un xoguete para Goldoni (espectáculo de commedia dell’arte que recibe o premio Compostela 1993 ao mellor espectáculo, dirección e actor protagonista); Raíñas de pedra; Nau de amores, espectáculo montado a partir de textos de dezaseis obras de Gil Vicente e producida polo CDG; Nano, monólogo a partir de textos da novela Tic Tac de Suso de Toro, (Premio María Casares 1998 á mellor adaptación, dirección e actor protagonista); O bululú do linier (Premio María Casares 2000 ao mellor texto orixinal); ÑikiÑaque (Premio Max 2002 ao mellor texto orixinal en galego); Binomio de Newton; Bicos con lingua, escrito con outros autores (Premio María Casares 2004 ao mellor texto orixinal); García (Premio María Casares 2006 ao mellor texto orixinal); Emigrados (Premio Max 2008 ao mellor texto orixinal en galego); A piragua (producido polo CDG e Premio María Casares 2008 ao mellor texto orixinal); ou E ti quen vés sendo?

En 2008 fundou a compañía Abrapalabra Creacións Escénicas para presentar os espectáculos que el mesmo escribe, dirixe ou protagoniza, e coas que puxo en escena Memoria das Memorias dun neno labrego -adaptación do mítico libro de Xosé Neira Vilas para celebrar o 50 aniversario da súa primeira publicación-, Decamerón ou As do peixe (Premio María Casares 2014 ao mellor texto orixinal).

Formou parte dos dramaturgos europeos seleccionados para participaren no Maratón Europeo da Creación Teatral, dentro do programa de actividades da Capitalidade Cultural Europea de Bruxelas 2000, experiencia en que escribiu O último roedor (peza estreada pola compañía belga Canadair, baixo a dirección de Alain Wathieu).

Traballou tamén como guionista para series de televisión, como Pratos Combinados ou Mareas Vivas, entre outras. No campo da narración oral, alén das súas constantes actuacións en locais especializados, ten participado en numerosas programacións, eventos e festivais de Europa, África e América Latina.

Vén de recibir o Premio de Honra da Mostra Internacional de Ribadavia 2014 (Premio "Roberto Vidal Bolaño") pola súa traxectoria.


César Cambeiro: Alberto
Melania Cruz: Lucía
Rocío González: Paula
Luisa Merelas: Mariana
Santi Romay: Mateo
Ana Santos: Lucinda


Autoría: Abel Neves
Dirección: Cándido Pazó
Escenografía e figurinismo: Carlos Alonso
Composición musical: Manuel Riveiro
Iluminación: Afonso Castro
Maquillaxe: Martina Cambeiro
Produción: Fran Veiga
Asistente de dirección: Belén Pichel
Versión galega: Cándido Pazó e Manuel Guede Oliva
Caderno pedagóxico: Afonso Becerra de Becerreá
Prensa: Ana Rosales, Ana Miragaya (Comunicación Agadic)
Gabinete de imaxe e comunicación: Trisquelia


Abril

Narón, no Pazo da Cultura
Sábado 11. Función. 20.00 h

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 17. Función. 21.00 h

A Estrada, no Teatro Principal
Venres 24. Función. 21.00 h

Pontevedra, no Auditorio Sede Afundación Pontevedra
Mércores 29. Función. 20.30 h

Maio

Vigo, no Teatro Afundación Vigo
Mércores 6. Función. 20.30 h

Tui, no Teatro Municipal
Venres 8. Función. 21.30 h

Rianxo, no Auditorio Municipal
Venres 15. Función. 21.00 h

Ourense, no Teatro Principal
Sábado 16. Función. 20.30 h
Domingo 17. Función. 19.00 h
Luns 18. Función escolar. 11.00 h

A Coruña, no Teatro Rosalía Castro
Venres 22. Función. 21.00 h

Lisboa, no Teatro Nacional D. Maria II (Sala Garret)
Xoves 28. Función. 21.00 h
Venres 23. Función. 21.00 h
Sábado 30. Función. 21.00 h
Domingo 31. Función. 16.00 h


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal