AGADIC

Centro Dramático Galego


laranxas_580x250

CDG: As laranxas máis laranxas de todas as laranxas

De Carlos Casares

Ano: 2014

José Caldas, director

Considerada como unha das principais contribucións de Carlos Casares ao ámbito da literatura infantil e xuvenil, galardoada en 1973 co I Premio de Literatura Dramática para a Infancia e a Mocidade da Asociación Cultural 'O Facho', As laranxas máis laranxas de todas as laranxas foi a obra escollida polo CDG para producir hai dez anos o seu primeiro espectáculo especialmente dirixido aos espectadores máis novos e co que acadou notable éxito de público.

Trátase dunha historia fantástica, que inaugura o teatro destas características na literatura infantil galega. Non en van afirmaba o seu autor que a peza era "un disparate continuo de movemento e fantasía". Herdeira do nonsense e do surrealismo, provoca a risa e induce á curiosidade e á expectación, sentimentos que van pouco a pouco aumentando na medida en que se amorean os acontecementos. Enlázanse conversas absurdas, comportamentos estrafalarios, esaxeracións ao límite, personificación de animais ou animación de obxectos, sempre á beira do cotián, rozando a normalidade.

Escrita nun único acto e localizada no ambiente rural galego, a historia comeza co nacemento de cinco laranxas xigantes e moi estrañas no limoeiro da horta da casa de Elías e Anxa. Unha delas estoura cando o amo da casa a toca. Co estrondo do estoupido acoden os veciños, e a partir de entón comezan a ocorrer anécdotas insólitas, ilóxicas, mesmo disparatadas, absurdas, pero divertidas, protagonizadas polo donos da horta, o Veciño da Escopeta, o Gordo ou Toneladitas, a Veciña Sabida, a Desdentada, o Ovo ou a galiña Petra.

O director escénico, Jose Caldas, e o director musical, Bernardo Martínez, que xa foran en 2004 os responsables da montaxe deste texto para o CDG, deseñaron un espectáculo no que se integra o conto de Casares A galiña azul, así como textos doutras obras súas para compoñer as letras das cancións que interpretan en directo os seis actores que conforman o elenco.


Figura clave da cultura galega contemporánea, Carlos Casares naceu en Ourense en 1941, pero aos catro anos marchou para Xinzo de Limia, territorio que deixou nel unha fonda pegada. Estudou Filosofía e Letras na Universidade de Santiago de Compostela. Foi xornalista, catedrático de Literatura Española, director da Editorial Galaxia e da revista Grial, presidente do Consello da Cultura Galega e presidente de honor de ACNUR Galicia.

Cultivou a narrativa, o ensaio, o teatro e os artigos xornalísticos, e obtivo varios premios, entre eles o Premio da Crítica Española en 1975 e o Premio da Crítica Galega en 1982.

Como escritor, deuse a coñecer no ano 1967 cun libro de relatos, Vento ferido, moitas veces reeditado. Desde entón, publicou numerosas obras, especialmente novelas e contos, pero tamén pezas de ensaio e investigación. Para os lectores máis novos, ademais de traducir Le petit prince ao galego co titulo de O principiño, escribiu A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de todas as laranxas (1973), O can Rin e o lobo Crispín (1983), Lola anda en bicicleta (1997), Un polbo xigante (2000) e a serie que ten ao neno Toribio como protagonista, entre outras obras.

Da súa ampla produción bibliográfica destacan as novelas Cambio en tres, Xoguetes para un tempo prohibido, Ilustrísima, Os mortos daquel verán, Deus sentado nun sillón azul e Os escuros soños de Clío.

Unha parte da súa actividade xornalística, a que exerceu a diario en La Voz de Galicia, foi recollida no volume Na marxe de cada día.

Carlos Casares finou en Vigo en 2002. A súa última creación literaria, O sol do verán, publicouse como obra póstuma.


laranxas_297x200

Actor, autor, director, profesor e crítico teatral, José Caldas estudou na Fundación Brasileira de Teatro e Conservatório Nacional de Teatro de Brasil, na Escola de Belas Artes de París, na Escola Cit-Lit de Londres e na Escola Piloto de Educação pela Arte de Lisboa.

Aínda que a súa traxectoria escénica comeza en Brasil en 1968, desde 1974 vén desenvolvendo a meirande parte das súas iniciativas profesionais en Portugal, onde fundou a cooperativa OTC (Oficina de Teatro e Comunicação), a cooperativa Sete Ofícios e a Companhia de Teatro Quinta Parede.

Nestes máis de 45 anos de carreira, puxo en escena xunto a Angel Fácio A noite dos assassinos (Os Cómicos), e produciu, dirixiu e actuou nas pezas Navalha na carne de Plínio Marcos, A Grade e A boda dos pequeno-burgueses, ademais de crear cos actores Oh mãe, deixa-me ver o ai, ai minha machadinha e Ou isto ou aquilo (todas elas para OTC).

Tamén é o autor das versións e o responsable da posta en escena dos seguintes espectáculos: Tatipirun (TAS), A boda dos pequenos burgueses (GITT), A vida íntima de Laura (Grupo Teatro Hoje), Corda Bamba (CENDREV), Chorar para rir (TEC), O gato malhado e a andorinha Sinhá (TAI), A mulher que matou os peixes (Sete Ofícios), Acende a noite (Sete Ofícios), Bodas de ouro (TUP), O senhor das asas grandes (Pau e Tela) e O vendedor de milagres (Seiva Trupe).

Esta nómina de traballos amplíase con O Rouxinol, Adamubies-Música Cénica, Cordel-histórias de uma escrita falante (Quinta Parede); Tristerra, O Auto do Boi (Teatro Bruto); A menor mulher do mundo, A memória de Giz (Art' Imagem); A menina de lá (Teatro Nacional de São João); Seminario cos Actores da Cena Lusófona-Exercicio Espectáculo O beijo no asfalto; A serpente (Escola da Noite) e O embondeiro que sonhava pássaros (Teatrão-Teatro para a Infância de Coimbra).

Participa, así mesmo, no Proxecto Teatral Radical (coprodución do Teatro Nacional de São João e da Câmara Municipal do Porto-Porto 2001) e pon en escena os espectáculos Físico-Química, O Rouxinol (Teatro do Noroeste/Quinta Parede), Pedrinhas de luar (Teatrao/Coimbra), A boda dos pequenos-burgueses (TAS-Teatro Animação de Setúbal), Os três cabelos de ouro do diabo (FC - Produções Artísticas Casa da Comédia - Lisboa), Nojo, Ou isto ou aquilo (Quinta Parede - Coimbra Capital da Cultura 2003) e Têpluquê (Companhia de Teatro de Braga).

Dirixe e adapta para o Centro Dramático Galego As laranxas máis laranxas de todas as laranxas, e crea e dirixe os espectáculos O medo azul, (Quinta Parede e Teatro Nacional D. Maria II), O menino azul, Quem come a minha casinha?, Viagem Ligacões amorosas, O escaravelho contador (Companhia de Teatro de Braga), Brincadeiras líricas, As lenheiras de cuca macuca, Os músicos de Bremen, Il Colombre, As Intermitências da Morte e, recentemente, Falar verdade a mentir (estás últimas para Quinta Parede).

José Caldas foi recoñecido con diversos galardóns, entre os que destacan o Premio da Asociación Portuguesa de Críticos Teatrais ao mellor espectáculo teatral nos anos 1979, 1981 e 1984, e o Premio 10 anos do 25 de abril polo conxunto da súa obra, concedido pola mesma asociación en 1985. En Francia foi distinguido co Premio á Mellor Interpretación da Biennale Théâtre Jeunes Publics Lyon’93.

Ten realizado distintos traballos en televisión e impartido varios cursos de animación teatral para o Ministerio de Educación portugués, a Fundación Gulbenkian e a Cámara Municipal do Porto, entre outras institucións, moitos deles relacionados co teatro infantil. Neste ámbito, crea o colectivo PROMETHEA (Rede Europea de Reflexión sobre o Teatro para a Infancia e a Xuventude) e é designado delegado de Portugal no executivo da ASSITEJ (Associação Internacional de Teatro para a Infância e Juventude), participando tamén en multitude de festivais internacionais.

Ademais de escribir crítica teatral en O jornal de Lisboa e no Jornal de Notícias do Porto, é autor de publicacións como Théâtre pour l' enfance et la jeunesse au Portugal, O instante plural, 20 anos de teatro e miscigenação ou Teatro na escola-A nostalgia do inefável.

Profesor na Academia Contemporânea do Espectáculo do Porto, José Caldas ten participado en distintas actividades artístico-pedagóxicas e organiza coa Facultade de Psicoloxía e Ciencias da Educación o I Encontro Europeo de Teatro/Escola.


Alba Blanco Taín: Veciña Sabida
Alberte Cabarcos: Elías
Davide González Lorenzo: Veciño Gordo
Ailén Kendelman: Veciña Desdentada
Fran Lareu: Veciño da Escopeta
Laura Villaverde: Anxa


Autoría: Carlos Casares
Versión e dirección: José Caldas
Elenco: Alba Blanco Taín, Alberte Cabarcos, Davide González Lorenzo, Ailén Kendelman, Fran Lareu, Laura Villaverde
Composición e dirección musical: Bernardo Martínez
Escenografía, vestiario e ideación visual: Marta Silva
Iluminación: Juanjo Amado
Guía didáctica: Magdalena de Rojas, Cristina Novoa, Pilar Sampedro
Realización das ilustracións: Óscar Villán
Fotografía: Miguel Fernández
Produción: Fran Veiga
Axudante de dirección: Anabell Gago
Prensa: Ana Rosales, Ana Miragaya (Comunicación Agadic)
Gabinete de imaxe e comunicación: Trisquelia


Outubro 2014

Ourense, no Teatro Principal
Mércores 1. Función escolar. 11:00 horas
Xoves 2. Función escolar. 11:00 horas
Venres 3. Función de estrea. 20.30 horas

Vilagarcía de Arousa, no Auditorio Municipal
Domingo 5. Función. 18.00 horas
Luns 6. Función escolar.

Narón, no Pazo da Cultura
Domingo 12. Función. 19.00 horas

Pontevedra, no Auditorio Centro Social Afundación
Venres 17. Funcións escolares. 10.00 y 12.00 horas
Sábado 18. Función. 18.00 horas

Novembro 2014

Vigo, no Teatro Centro Cultural Afundación
Domingo 2. Función. 18.00 horas
Luns 3. Funcións escolares. 10.00 e 12.00 horas

Viveiro, no Teatro Pastor Díaz
Mércores 12. Función escolar. 11.00 horas
Xoves 13. Función escolar. 11.00 horas

Tui, no Teatro Municipal
Martes 18. Función escolar. 11.00 horas
Mércores 19. Función escolar. 11.00 horas

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 21. Función escolar. 12.00 horas

Decembro 2014

Rianxo, no Auditorio Municipal
Mércores 3. Función escolar. 10.00 e 12.00 horas

A Estrada, no Teatro Principal
Venres 5. Función escolar. 11.30 horas
Sábado 6. Función. 12.30 horas


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal