AGADIC

Centro Dramático Galego


touporroutou_580x250

CDG en coprodución con Teatro do Noroeste:
Touporroutou da lúa e do sol

De Roberto Vidal Bolaño

Ano: 2013

Eduardo Alonso, director

Touporroutou da lúa e do sol (farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa). Catro titiriteiros contan, axudados dos máis diversos elementos, historias sobre a orixe certa da lúa e o sol e dos días e as noites, do diluvio universal e de como acertar cos tesouros e tratar os mouros, as fadas e sobre todo as serpes e os xigantes que gardan os tesouros. E como, ao cabo, débese usar o mellor tesouro que é a imaxinación e que non hai ningún outro de máis mérito no Universo Mundo. Todo aderezado por Roberto Vidal Bolaño, aínda que pasado un chisco polo señor Álvaro Cunqueiro.

Sinopse
A gran Catarina e o protestón, pero eterno compañeiro de viaxes, Ramiro de Blas, vannos presentar a representación do Touporroutou da lúa e do sol. Entre os xogos e as pelexas, as bágoas do sol e da lúa, que primeiro deron ouro e prata, logo esgotaron estes materiais preciosos para verqueren sobre a terra auga, como son as bágoas do común da xente. Tanto choraron que se inundou ata o inferno. Esta lenda que representan estes cómicos ilustraranos sobre o nacemento das nubes, que ocultaban os enfados do sol e da lúa, os tronos e os choros que mesmo provocaron un diluvio universal para o que Noé preparou unha barca na que atoparían acubillo e salvación todas as especies do mundo, segundo a literatura da tradición. Como nesas augas revoltas os demos carretaban nos tesouros e podían ser descubertos por algunha moza valente, adoptaron outras figuras para camuflaren as súas mesquiñas artimañas: "DEMO VELLO: Os vellos e resabidos entramos na milicia, na igrexa e nas finanzas". Desde entón, dise que a nosa terra garda moitos tesouros custodiados por serpes, fadas, mouros, ananos ou xigantes e que quen os atopa pode ter felicidade ou desgraza. Catarina conclúe dicíndonos que o mellor tesouro está nun mesmo, non nas cousas que se almacenan, senón na cantidade de cousas que se teñen para poder contar: "E así, sen máis volta, damos por rematada esta farsada choqueira, á que dimos en chamar Touporroutou da lúa e do sol, polo mal fiada e enredosa. Agardamos que teña sido do voso agrado. É se non foi así, non nolo teñades en conta. Nós só somos responsables dos dicires, e de lle tentar dar vida a estes bonecos lixosos. As historias, non son nosas, son de todos. Contábanllas os avós aos netos, ou os pais aos fillos, ao remorso dun lume na noite ou para benlevar a longura dos invernos, cando os saberes pasaban duns a outros, voltos lendas, ditos, contos ou consellas. E mesmo hai algunha que lle ripamos aleivosa e traidoramente a un tal Álvaro Cunqueiro, de quen é de supoñer, teredes oído falar. Se son ou non verdadeiras, pouco importa. Son o xeito no que, outros antes que nós, se explicaron a si propios e nos explicaron a todos, a orixe das cousas que importan e algúns dos moitos misterios que se esconden nos profundos do universo mundo." Pero non esquece apostilar Ramiro, preocupado tamén pola facenda, "debera ser un castigo saber tanto de tesouros e ter que comer do aire."


Roberto Vidal Bolaño, autor

O Diccionario da Literatura Galega define a Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) como autor, director, actor e un dos promotores do teatro independente galego. A súa actividade profesional estendeuse tamén ao cine e á televisión como guionista e actor, ademais de en labores de produción e dirección. Mesmo foi premiado como escenógrafo, figurinista e como iluminador.

En 1974 funda o grupo de teatro Antroido, para o que dirixe e interpreta o espectáculo Amor e crimes de Xan o Panteira (1975), de Eduardo Blanco Amor. Un ano despois, escribe Laudamuco, señor de ningures, unha reflexión sobre as formas do poder moi próxima ao esperpento que recibe o Premio Abrente 1976. A peza publícase en 1977, na editorial Pico Sacro, canda as Ladaíñas pola morte do Meco.

A súa dedicación profesional e integral ao teatro acontece a partir de 1977, como resultado dunha conxuntura persoal (despídeno do banco en que traballaba). Por aquel tempo é cando se profesionaliza a compañía Antroido e estrea espectáculos como Memoria de mortos e de ausentes (mención honorífica no Premio Abrente 1978), Antroido na rúa (1978), Laudamuco, señor de ningures (1980), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983). Deste período destaca, sobre todo, o seu traballo xunto a Eduardo Alonso, ao unificar as súas respectivas compañías -Antroido e Andrómena- nunha cooperativa chamada Teatro do Estaribel que levará a escena en 1980 a súa obra Bailadela da morte ditosa, coa dirección escénica de Alonso. O texto é galardoado co Premio Abrente 1980 e publicado en 1992.

En 1983 constrúe a dramaturxia para o espectáculo Percival, producido por Teatro Antroido, no que participa ademais como actor protagonista e director. Por esta adaptación teatral de textos de Méndez Ferrín, recibe a Medalla de Ouro Ciudad de Valladolid ao mellor texto dun autor español vivo na temporada 1983-84.

Despois da fundación do Centro Dramático Galego en 1984, cuxo primeiro responsable é Eduardo Alonso, participa como director na segunda montaxe da compañía institucional co seu texto Agasallo de sombras, arredor da figura de Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía, e que supón para moitos críticos o comezo da súa madurez profesional.

A belixerancia na defensa do teatro nacional, e mesmo do CDG, válelle dun certo esquecemento, e incluso estudosos do feito teatral falan dun veto do poder político do momento que o mantivo afastado da compañía pública durante unha boa temporada. A presentación da súa obra Caprice des dieux (1985), un monólogo crítico dos males do teatro e os seus responsables, é considerado coma un axuste de contas dialéctico cos poderes públicos que o censuraran.

En consecuencia, consagra un período importante da súa vida á produción audiovisual. Coa posta en marcha da Televisión de Galicia en 1985, ademais de participar como actor de cine e de televisión (como por exemplo, a súa actuación nos filmes Sempre Xonxa ou A lingua das bolboretas e nas series Os outros feirantes ou Un mundo de historias), asume o labor de contribuír a activar a industria da dobraxe en Galicia.

Durante esta etapa, Roberto segue escribindo, dirixindo e producindo espectáculos. En xeral, o seu teatro caracterízase por un forte simbolismo e pola combinación entre elementos da tradición popular galega con outros tirados da realidade sociocultural do momento. O ton farsesco disimula escasamente unha amarga e sombría crítica desa realidade. A obra de Vidal Bolaño foi evolucionando desde o evidente compromiso antifranquista das primeiras pezas a unha sorte de neocostumismo feísta, unha variedade teatral do dirty-realism que se atopa, sobre todo, en Cochos (1986) e Saxo tenor, Premio Álvaro Cunqueiro 1991 e peza considerada como a primeira grande produción do teatro galego independente.

En 1992 funda, xunto con Belén Quintáns como produtora, a compañía Teatro do Aquí, coa que pon en escena talvez o máis poderoso da súa produción dramática. En Días sen gloria, Premio Rafael Dieste 1992 e finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática, amosa de novo a súa capacidade para tratar dun xeito orixinal temas que se prestarían doadamente ao tópico grandilocuente.

Con As actas escuras obtén en 1992 o Premio Xacobeo de Textos Teatrais; e con Réquiem -versión española de Doentes- é finalista na edición de 1995 do premio de teatro Tirso de Molina, obtendo en 1997 o Premio Rafael Dieste. Así mesmo, é galardoado co Premio María Casares ao mellor texto orixinal por Anxeliños e co Premio Xiria ao labor teatral.

Como director da compañía Teatro do Aquí leva a escena montaxes como Saxo Tenor (de Roberto Vidal Bolaño, 1993), Días sen gloria (de RVB, 1993), A ópera de a patacón (de RVB, 1994), Touporroutou da lúa e do sol (de RVB, 1994), O desengano do prioiro (de Ramón Otero Pedrayo, 1995), Oé, oé, oé (de Maxi Rodríguez, 1996), Anxeliños (de RVB, 1996), Rastros (de RVB, 1997), Doentes (de RVB, 1998), Sen ir máis lonxe (de RVB, 1999), Criaturas (de RVB, 2000), Os papalagui (de RVB, 2000) e Animaliños (2002), o derradeiro traballo dramático de Vidal Bolaño, no que achega texto, dirección, espazo escénico e iluminación.

Entre os seus últimos espectáculos como director figuran tamén Xelmírez ou a gloria de Compostela, de Daniel Cortezón, montado polo Centro Dramático Galego en 1999, e Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo (CDG, 2001). Ademais, a compañía institucional tamén puxo en escena outras catro obras escritas por Vidal Bolaño: A burla do galo, dirixida por Xan Cejudo no ano 2000; Mar Revolto, dirixida por José Martins en 2001 e coproducida xunto co Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, a Compañía de Teatro de Braga, o Festival Internacional de Teatro de Expresión Ibérica (FITEI) e o Festival de Teatro do Eixo Atlántico (Festeixo); Laudamuco, señor de ningures, dirixida por Antonio Simón en 2003, como parte da produción Daquel abrente; e recentemente, As actas escuras, dirixida por Xúlio Lago en 2010.


Eduardo Alonso, director

Autor, adaptador e, sobre todo, director teatral. Comezou a súa actividade teatral en 1965, sendo cofundador de diversas compañías teatrais. En 1984 recibiu o premio I Mostra Internacional de Teatro de Ribadavia, concedido polo seu labor especial a prol do teatro galego, por ter posto en marcha o Centro Dramático Galego e ser o seu primeiro director.

Recibiu o Premio Compostela na súa edición de 1992 á mellor iluminación teatral por Os xustos, de Albert Camus e dirección propia. Obtivo o Premio María Casares, na súa edición de 1997, á mellor iluminación teatral por Noite de Reis, de William Shakespeare e dirección propia, e na de 2007 pola iluminación e o texto de Imperial: Café Cantante. Vigo 1936, obra con dirección propia. Foi galardoado tamén co premio MAX na súa edición 2009 polo texto de Extrarradios (Comedia das mulleres desamparadas) e na súa edición de 2013 por Último cowboy. Foi Premio Cultura 2010 ás Artes Escénicas da Xunta de Galicia.

Como director de teatro realizou máis de cincuenta montaxes de obras de teatro, entre elas Celtas sen filtro, Os vellos non deben de namorarse, O enfermo imaxinario, As alegres casadas, Rei Lear, Un soño de verán, A grande noite de Fiz, Galileo Galilei, Macbeth, Lisístrata, El embrujado, A cacatúa verde, As damas de Ferrol, Ensaio, Romeo e Xulieta, Glass City (Cidade de Cristal), Historias peregrinas ou o espectáculo infantil Piratas.


(Por orde alfabética)

Alejandro Carro: Ramiro de Blas, O Rei dos Demos, Deus Pai, O Demo Novo, O Tesouro nun Saco, O Xigante
Fernando González: O Sol, Belcebú, O Demo Vello, O Tesouro de Ouro, O Raparigo, O Anano, O Emperelixado
Laura Míguez: A Lúa, Un Anxelote, A Mociña, A Serpe, A Tesoira de Prata, A Rapariga, A Fada
Victoria Pérez: Catarina de Siena


Autoría: Roberto Vidal Bolaño
Dirección e iluminación: Eduardo Alonso
Elenco: Alejandro Carro, Fernando González, Laura Míguez e Victoria Pérez
Dirección e composición musical: Bernardo Martínez
Escenografía e vestiario: Paco Conesa
Produción: Eva Alonso
Axudante de dirección: Luma Gómez
Deseño gráfico do cartel: Alejandra Lorenzo (Instituto Santiago Apóstol do Centro Galego de Buenos Aires)
Caderno pedagóxico: Roberto Pascual (Escola Superior de Arte Dramática de Galicia)
Construción de escenografía e atrezzo: Técnicos CDG - AGADIC
Construción de vestiario: Modistas CDG - AGADIC
Fotos: Tino Viz (Margen Fotografía)
Sevizo técnico en xira: R.T.A. (Recursos Técnicos Artísticos, S. L.)
Prensa: Gabinete de comunicación da Agadic
Gabinete de imaxe e comunicación: Trisquelia


Outubro 2013

Braga (Portugal), no Theatro Circo
Xoves 24.

Évora (Portugal), no Teatro Garcia Resende
Sábado 26

Coimbra (Portugal), no Teatro Académico Gil Vicente
Xoves 31

Novembro 2013

Porto(Portugal), no Teatro do Campo Alegre
Sábado 2

Decembro 2013

Narón, no Pazo da Cultura
Domingo 15

Lugo, no Auditorio Municipal Gustavo Freire
Xoves 26

(Distribución aberta á incorporación de novas funcións)


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal