AGADIC

Centro Dramático Galego


dias_sen_gloria_580x250

CDG: Días sen gloria

De Roberto Vidal Bolaño

Ano: 2013

Fefa Noia, directora

O Centro Dramático Galego dedícalle ao autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas a súa segunda produción propia para esta temporada 2012-2013 coa posta en escena de Días sen gloria. A peza, galardoada en 1992 co Premio Rafael Dieste e estreada por Teatro do Aquí en 1993, incorpórase agora ao repertorio da compañía pública como exemplo da madurez dramatúrxica de Roberto Vidal Bolaño e pola súa significación como un dos mellores expoñentes do seu universo estilístico.

A súa querencia pola derrota como tema e as características dos seus personaxes, sempre fronteirizos, abeirando decote territorios de marxinalidade e rebeldía, comparecen aquí co Camiño Francés de peregrinación a Santiago como excusa: un territorio no que o paradigma amor-morte se revela en atmosfera inquietante, como compañeiro inseparable de quen peregrina disposto a arriscalo todo. É este o vimbio central co que Vidal Bolaño construíu este xeito de road movie que conclúe no final dun oeste europeo, ao pé de Compostela. Namentres, a aventura, o espíritu do camiño anegándoo todo, envolto de violencia e de ternura, de derrota e vellas fraternidades.

É defendida na dirección pola galega Fefa Noia, o que introduce un elemento que paga a pena considerar: é a primeira ocasión en que unha muller afronta o reto profesional de levar a escena un texto de Vidal Bolaño.

O elenco actoral encabezado por Manuel Manquiña conta, ademais, con Borja Fernández, Felisa Segade, Eva Souto e Sergio Zearreta. Un solvente reparto destinado a esforzarse notablemente para defender un número considerable de personaxes: máis de vinte.

Días sen gloria permanecerá na carteleira do Salón Teatro do 5 ao o 28 de abril para ofrecer un total de 18 representacións, e estará en distribución por toda Galicia ata finais de xuño nunha xira que abranguerá 23 funcións máis por outros 12 escenarios de Galicia e Portugal.

Sinopse

Vidal Bolaño sitúa no Camiño de Compostela un home e unha muller, protagonistas sen nome de Días sen gloria: EL, un vello gallofo, e ELA, unha pobre rameira, nos que concorren todas as virtudes e miserias humanas.

Ela debe atopar a un cabaleiro que a enganou por non pagarlle os seus servizos amatorios durante dúas semanas. A pousadeira así llo lembra: ou lle dá os cartos ou non volverá ver a súa filla. Para conseguilo ten que se embarcar na difícil aventura de facer o Camiño Francés a Santiago de Compostela, pois é a ruta que segue o seu perseguido. Sabe que non poderá acadar o seu obxectivo soa, polo que para conseguilo fai tratos con El, dedicado a camiñar á cidade do Apóstolo durante anos e, polo tanto, sabedor dos atallos, recunchos e perigos que ten a viaxe.

Tras unha primeira reticencia e cartos por medio, acepta o reto de facer o camiño coa moza. Entre ambos mediará a forza da desconfianza, unha desconfianza alimentada con segredos que se irá vencendo co decorrer da camiñada. Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmolantes, prostitutas e predicadores; pero o verdadeiro perigo constituirano o cabaleiro e o seu círculo.

Namentres, eles, a soas coa utopía de poder vencer ao destino, irán trocando a súa relación de incomodidade por unha sorte de atracción e compañeirismo derivada da paulatina consciencia de que os dous teñen máis cousas que compartir que das que se diferenciar. Porén, nin o un nin o outro renunciarán ás súas conviccións, como nos amosa un final que, non por anunciado, deixa de impactar.

Montse Pena (Gálix). Texto extraído de Días sen gloria. Proposta didáctica.


Roberto Vidal Bolaño, autor

O Diccionario da Literatura Galega define a Roberto Vidal Bolaño (Santiago de Compostela, 1950-2002) como autor, director, actor e un dos promotores do teatro independente galego. A súa actividade profesional estendeuse tamén ao cine e á televisión como guionista e actor, ademais de en labores de produción e dirección. Mesmo foi premiado como escenógrafo, figurinista e como iluminador.

En 1974 funda o grupo de teatro Antroido, para o que dirixe e interpreta o espectáculo Amor e crimes de Xan o Panteira (1975), de Eduardo Blanco Amor. Un ano despois, escribe Laudamuco, señor de ningures, unha reflexión sobre as formas do poder moi próxima ao esperpento que recibe o Premio Abrente 1976. A peza publícase en 1977, na editorial Pico Sacro, canda as Ladaíñas pola morte do Meco.

A súa dedicación profesional e integral ao teatro acontece a partir de 1977, como resultado dunha conxuntura persoal (despídeno do banco en que traballaba). Por aquel tempo é cando se profesionaliza a compañía Antroido e estrea espectáculos como Memoria de mortos e de ausentes (mención honorífica no Premio Abrente 1978), Antroido na rúa (1978), Laudamuco, señor de ningures (1980), Ruada das papas e do unto (1981), Touporroutou da lúa e do sol (1982) ou Romance dos figos de ouro (1983). Deste período destaca, sobre todo, o seu traballo xunto a Eduardo Alonso, ao unificar as súas respectivas compañías -Antroido e Andrómena- nunha cooperativa chamada Teatro do Estaribel que levará a escena en 1980 a súa obra Bailadela da morte ditosa, coa dirección escénica de Alonso. O texto é galardoado co Premio Abrente 1980 e publicado en 1992.

En 1983 constrúe a dramaturxia para o espectáculo Percival, producido por Teatro Antroido, no que participa ademais como actor protagonista e director. Por esta adaptación teatral de textos de Méndez Ferrín, recibe a Medalla de Ouro Ciudad de Valladolid ao mellor texto dun autor español vivo na temporada 1983-84.

Despois da fundación do Centro Dramático Galego en 1984, cuxo primeiro responsable é Eduardo Alonso, participa como director na segunda montaxe da compañía institucional co seu texto Agasallo de sombras, arredor da figura de Rosalía de Castro e da súa relación con Manuel Murguía, e que supón para moitos críticos o comezo da súa madurez profesional.

A belixerancia na defensa do teatro nacional, e mesmo do CDG, válelle dun certo esquecemento, e incluso estudosos do feito teatral falan dun veto do poder político do momento que o mantivo afastado da compañía pública durante unha boa temporada. A presentación da súa obra Caprice des dieux (1985), un monólogo crítico dos males do teatro e os seus responsables, é considerado coma un axuste de contas dialéctico cos poderes públicos que o censuraran.

En consecuencia, consagra un período importante da súa vida á produción audiovisual. Coa posta en marcha da Televisión de Galicia en 1985, ademais de participar como actor de cine e de televisión (como por exemplo, a súa actuación nos filmes Sempre Xonxa ou A lingua das bolboretas e nas series Os outros feirantes ou Un mundo de historias), asume o labor de contribuír a activar a industria da dobraxe en Galicia.

Durante esta etapa, Roberto segue escribindo, dirixindo e producindo espectáculos. En xeral, o seu teatro caracterízase por un forte simbolismo e pola combinación entre elementos da tradición popular galega con outros tirados da realidade sociocultural do momento. O ton farsesco disimula escasamente unha amarga e sombría crítica desa realidade. A obra de Vidal Bolaño foi evolucionando desde o evidente compromiso antifranquista das primeiras pezas a unha sorte de neocostumismo feísta, unha variedade teatral do dirty-realism que se atopa, sobre todo, en Cochos (1986) e Saxo tenor, Premio Álvaro Cunqueiro 1991 e peza considerada como a primeira grande produción do teatro galego independente.

En 1992 funda, xunto con Belén Quintáns como produtora, a compañía Teatro do Aquí, coa que pon en escena talvez o máis poderoso da súa produción dramática. En Días sen gloria, Premio Rafael Dieste 1992 e finalista do Premio Nacional de Literatura Dramática, amosa de novo a súa capacidade para tratar dun xeito orixinal temas que se prestarían doadamente ao tópico grandilocuente.

Con As actas escuras obtén en 1992 o Premio Xacobeo de Textos Teatrais; e con Réquiem -versión española de Doentes- é finalista na edición de 1995 do premio de teatro Tirso de Molina, obtendo en 1997 o Premio Rafael Dieste. Así mesmo, é galardoado co Premio María Casares ao mellor texto orixinal por Anxeliños e co Premio Xiria ao labor teatral.

Como director da compañía Teatro do Aquí leva a escena montaxes como Saxo Tenor (de Roberto Vidal Bolaño, 1993), Días sen gloria (de RVB, 1993), A ópera de a patacón (de RVB, 1994), Touporroutou da lúa e do sol (de RVB, 1994), O desengano do prioiro (de Ramón Otero Pedrayo, 1995), Oé, oé, oé (de Maxi Rodríguez, 1996), Anxeliños (de RVB, 1996), Rastros (de RVB, 1997), Doentes (de RVB, 1998), Sen ir máis lonxe (de RVB, 1999), Criaturas (de RVB, 2000), Os papalagui (de RVB, 2000) e Animaliños (2002), o derradeiro traballo dramático de Vidal Bolaño, no que achega texto, dirección, espazo escénico e iluminación.

Entre os seus últimos espectáculos como director figuran tamén Xelmírez ou a gloria de Compostela, de Daniel Cortezón, montado polo Centro Dramático Galego en 1999, e Rosalía, de Ramón Otero Pedrayo (CDG, 2001). Ademais, a compañía institucional tamén puxo en escena outras catro obras escritas por Vidal Bolaño: A burla do galo, dirixida por Xan Cejudo no ano 2000; Mar Revolto, dirixida por José Martins en 2001 e coproducida xunto co Teatro do Noroeste de Viana do Castelo, a Compañía de Teatro de Braga, o Festival Internacional de Teatro de Expresión Ibérica (FITEI) e o Festival de Teatro do Eixo Atlántico (Festeixo); Laudamuco, señor de ningures, dirixida por Antonio Simón en 2003, como parte da produción Daquel abrente; e recentemente, As actas escuras, dirixida por Xúlio Lago en 2010.


Fefa Noia, directora

Tras licenciarse en Filoloxía Alemá na Universidade de Santiago de Compostela, cursa o doutorado en Teoría da Literatura e Literatura Comparada, e adquire a Suficiencia Investigadora. Ingresa no Instituto de Ciencia Teatral da Ludwig-Maximilian-Universität (Múnic), onde presenta a súa tese doctoral. Tamén foi subvencionada pola Fundación Barrié de La Maza, así como polo MAEC-AECID de Ampliación de Estudos Artísticos da Academia de España en Roma.

Polo que respecta á súa formación teatral, recibe cursos de interpretación na Universidade de Santiago (Postgrao en Arte Dramática), na Escuela de Teatro Cristina Rota de Madrid, así como no curso de teatro para actores e directores Natasha Projet na Sala Galán de Santiago de Compostela; participa tamén noutros cursos de Music-Hall, de técnica de clown, de creación e movemento escénico (impartido por Isabel Úbeda no Odin Teatret en Holstebro, Dinamarca), de creación e improvisación, de elenco, de dirección escénica...

Traballa como actriz en Minerva Teatro (desde 1993 ata 1996), en once montaxes baixo a dirección de Roberto Leal: Xardín de outono, O soño de Hollywood, La casa de Bernarda Alba, Doña Rosita la soltera, O que tal nos fixo Adán, La cámara negra, Entreacto, Collage para un Ultramarinos, K, Des-contos e Todo sen a pasta. Para o Grupo Galilea, dirixido por Pedro Rubín Garrido, actúa en Descubrir a lectura é un espectáculo, Trasnos, Nenerías (a partir do texto da súa autoría) e O pauto do demo. Ademais intervén na montaxe Primeiro Movemento para figuras brancas, representada no Millenium Festival da Capitalidade Cultural Europea, nas montaxes de Matarile Teatro Rose war blau (Rosa era azul/Rosa estaba triste) e Totentanz (Danza dos mortos), dirixidas por Ana Vallés, e na Festspielhaus de Múnic (2000-2002). Participa en proxectos como autora, dramaturga e tradutora para a Universidade de Santiago, a editorial Xerais e o Teatro de La Abadía.

Asemade, colabora como axudante de dirección en Calígula de Albert Camus (dirixida por Manuel Guede Oliva en 2000 para o Centro Dramático Galego) e de 2002 a 2010 nas montaxes de Teatro de La Abadía Azaña, una pasión española de Manuel Azaña (dir. José Luis Gómez), Memoria de un olvido de Luis Cernuda (dir. José Luis Gómez), El Rey Lear, de W. Shakespeare (dir. Hansgünther Heyme), El Rey se muere de Eugèné Ionesco (dir. José Luis Gómez), Sobre Horacios y Curiacios de Bertolt Brecht (dir. Hernán Gené), Nada es como es sino como se recuerda de varios autores (dir. José Luis Gómez), Largo viaje hacia la noche de Eugèné O'Neill (dir. Àlex Rigola), Informe para una academia de Franz Kafka (dir. José Luis Gómez), Play Strindberg de Friedrich Dürrenmatt (dir. Georges Lavaudant), Me acordaré de todos vosotros de varios autores (dir. Ana Vallés), El burlador de Sevilla de Tirso de Molino (dir. Dan Jemmett), El arte de la comedia de Eduardo de Filippo (dir. Carles Alfaro) e El mal de la juventud de Ferdinand Bruckner (dir. Andrés Lima). As últimas montaxes nas que exerceu como axudante de dirección son Falstaff de W. Shakespeare (dir. Andrés Lima) para o Centro Dramático Nacional, 2010-2011, e El lindo don Diego de Agustín Moreto (dir. Carles Alfaro) para a Compañía Nacional de Teatro Clásico, 2012-2013.

Como directora asina as pezas Andorra de Max Frisch (Teatro de La Abadía, 2007), El Caballero de José Ramón Fernández (EscénaTe, 2008), Está llegando Amadís de José Ramón Fernández (EscénaTe, 2008), El coloquio de los perros de Miguel de Cervantes (Corral de Comedias/Teatro de La Abadía, 2009), Viaje al interior de la BN de José Ramón Fernández (EscénaTe, 2009), La enfermedad de la juventud de Ferdinand Bruckner (Teatro de La Abadía, 2009), Wild Wild Wilde de José Ramón Fernández a partir de De Profundis de Oscar Wilde (da súa compañía Los Lunes, 2011), El amor enamorado de Lope de Vega (La Caimana, 2011), as lecturas dramatizadas La muerte del contribuyente de Pawel Demirski e Cuerdas de Bárbara Colio (CDN, 2011), El libro infinito de José Ramón Fernández (EscénaTe, 2012), S.P.Q.R. Si vis pacem para bellum de varios autores (Real Academia de España en Roma) e Cuerdas de Bárbara Colio (Los Lunes, 2012).


(Por orde alfabética)

Borja Fernández: Esmolante Cego, Santón, Puta, Malferido, Predicador, Fillo, Esmolante Leproso, Cabaleiro
Manuel Manquiña: El
Felisa Segade: Pousadeira, Tendeira, Tullida, Camila, Nai
Eva Souto: Ela
Sergio Zearreta: Ferreiro, Gallofo Vello, Peregrino, Tolo de Cira, Palafreneiro, Home de Cuevas, Taberneiro, Xograr, Mozo, Compañía do Cabaleiro


Autoría: Roberto Vidal Bolaño
Dirección: Fefa Noia
Produción: Centro Dramático Galego

Elenco: Borja Fernández, Manuel Manquiña, Felisa Segade, Eva Souto e Sergio Zearreta

Espazo escénico: Baltasar Patiño
Deseño da iluminación: Pedro Yagüe
Deseño do vestiario: Alejandro Andújar
Espazo sonoro: Felisa Segade, Borja Fernández e Sergio Zearreta
Loita escénica: Marcos Grande
Fotografía: Miguel Fernández
Realización da escenografía: Talleres Agadic
Caderno pedagóxico: Montse Pena (Gálix)
Prensa: Ana Rosales e Ana Miragaya (Gabinete de comunicación da Agadic)
Deseño gráfico e comunicación: Trisquelia

Produción: Fran Veiga
Asistencia á dirección: Roi Vidal


Maio 2013

O Barco de Valdeorras, no Teatro Municipal Lauro Olmo
Xoves 2. Función escolar. 11.00 h
Venres 3. Función. 21.00 h

Ourense, no Teatro Principal
Domingo 5. Función. 19.00 h
Luns 6. Función escolar. 11.00 h

Tui no Teatro Municipal Área Panorámica
Venres 10. Función escolar. 11.00 h
Venres 10. Función. 21.30 h

A Estrada, no Teatro Municipal
Domingo 12. Función. 19.00 h
Luns 13. Función escolar. 11.00 h

A Coruña, no Teatro Rosalía de Castro
Xoves 16. Función escolar. 11.00 h
Venres 17. Función. 20.30 h

Narón, no Pazo da Cultura
Venres 24. Función escolar. 11.00 h
Sábado 25. Función. 20.00 h

Pontevedra, no Centro Social Novacaixagalicia
Mércores 29. Función escolar.
Xoves 30. Función.

Xuño 2013

Rianxo, no Auditorio Municipal
Sábado 1. Función. 21.00 h
Luns 3. Función escolar. 11.oo h

Vigo, no Centro Cultural Novacaixagalicia Teatro
Domingo 9. Función.

Lugo, no Auditorio Gustavo Freire
Xoves 13. Función escolar. 11.00 h
Xoves 13. Función. 20.30 h

Braga, no Theatro Circo
Venres 21. Función.


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal