De Bertolt Brecht e Kurt Weill
Ano: 2011
Quico Cadaval, director
A Consellería de Cultura e Turismo, Novacaixagalicia e a Fundación Gaiás - Cidade da Cultura presentan A Ópera dos 3 Reás, a segunda proposta escénica do Centro Dramático Galego para esta temporada 2010-2011 cuxa estrea terá lugar o 23, 24, 25 e 26 de xuño no Auditorio de Galicia de Santiago de Compostela, enmarcada dentro da programación do Ano da Música de Galicia.
A compañía pública galega actualiza o clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill baixo a dirección escénica de Quico Cadaval—quen asume tamén a dramaturxia— e a dirección musical de Diego García Rodríguez. Luis Tosar, a cara más recoñecida do panorama cinematográfico actual e un dos actores máis solicitados, Marcos Orsi, Muriel Sánchez e César Goldi encabezan o elenco deste drama musical do que tamén forman parte Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf", Begoña Santalices e Sergio Zearreta, acompañados en directo polos músicos Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich.
Baseada na peza do dramaturgo inglés John Gay A ópera do mendigo (1728), a obra constitíu o éxito teatral más importante de Brecht. Ás formulaciones escénicas do dramaturgo alemán uniuse unha fascinante partitura composta por Kurt Weill, na que incorporou cabaret, jazz e música culta, aínda que satirizada. Algúns dos seus temas musicais adquiriron grande éxito por si mesmas, como A balada de Mackie o Navalla, Jenny a dos piratas, A canción dos canóns, Barbara song e A balada do bordel que foron inmortalizados por grandes cantantes como Louis Armstrong, Edith Piaff, Nina Hagen, Tom Waits, Ute Lemper, Sting...
Brecht sitúa no Londres dos anos 20 un mundo de delincuencia, crise, prostitución, miseria e abusos, no que o popular delincuente Mackie Messer seduce a filla do rei dos mendigos. Unha voda nunha corte é o detonante dunha carreira vertixinosa en que os mendigos, as prostitutas e a policía comparten protagonismo, audacias e un final sorprendente.
Música e palabra, da man, ofrecen unha obra que busca o goce xunto á reflexión.
Bertolt Brecht, autor
Bertolt Brecht é un dos dramaturgos máis destacados e anovadoras do século XX. Estudou de Medicina en Munich e durante a I Primeira Guerra Mundial traballou como enfermeiro nun hospital militar. Ao rematar a guerra, volveu aos seus estudos, que abandonou finalmente para dedicarse á literatura e ao teatro.
En 1924 trasládase a Berlín e comeza a traballar como dramaturgo no Deutsches Theater, onde se encontra con Erwin Piscator e Kurt Weill, con quen colaborará máis adiante. Nesta época, entrou en contacto cos círculos artísticos vencellados ao expresionismo e viron á luz as súas primeiras obras dramáticas: Baal (1920), Tambores na noite (1922), Na espesura das cidades (1921-1924) e Un home é un home (1927). En 1926 comezou a súa dedicación intensiva ao marxismo ao establecer un estreito contacto con Karl Korsch e Walter Benjamin. A súa Ópera dos tres peniques (1928) -con música de Kurt Weill- obtivo o maior éxito coñecido na República de Weimar. Daqueles anos datan a ópera Grandeza e decandencia da cidade de Mahagonny (1929), tamén con música de Weill, e as chamadas obras didácticas (A decisión, O que dice si, o que dice non, A excepción e a regra...). No ano 1929 casa con Helene Weigel, que será a súa compañeira e colaboradora ata a súa morte.
Será en 1930 cando empece a ter máis que contactos co Partido Comunista Alemán. O 28 de febreiro de 1933, un día despois da queima do Parlamento alemán, Brecht comezou o seu camiño cara ao exilio e tras unha breve temporada en Austria, Suíza e Francia, marchou a Dinamarca. En 1935 viaxou a Moscú, Nova York e París, onde interveu no Congreso de Escritores Antifascistas, suscitando unha forte polémica.
En 1939, temendo a ocupación alemá, marchou a Suecia; en 1940, a Finlandia, país do que tivo que escapar ante a chegada dos nazis; e en 1941, a través da Unión Soviética (vía Vladivostok), a Santa Mónica, nos Estados Unidos, onde permaneceu aillado seis anos, vivindo de guións para Hollywood. Nesta etapa de exilio escribiu, entre outras, as súas catro obras máis célebres: Galileo Galilei (1938), A boa persoa de Sezuán (1938-1940), Nai coraxe e os seus fillos (1941) e O círculo de tiza caucasiano (1944-1945).
En 1947 levouse á pantalla Galileo Galilei, con moi pouco éxito. A raíz da estrea deste filme, o Comité de Actividades Antinorteamericanas considerouno elemento sospeitoso e tivo que marchar a Berlín Este (1948), onde organizou primeiro o Deutsches Theater e, posteriormente, o Theater am Schiffbauerdamm.
En Berlín, xunto coa súa esposa Helene Weigel, fundou en 1949 o coñecido Berliner Ensemble, e dedicouse exclusivamente ao teatro ata a súa morte en 1956, cando estaba a ensaiar A vida de Galileo.
Kurt Weill, compositor
Nacido en Dessau (Alemaña) no seo dunha familia xudía (o seu pai era cantor dunha sinagoga), Kurt Weill mostrou un talento musical desde pequeno. Estudou composición no Conservatorio de Berlín e con Ferruccio Busoni, baixo cuxa sombra compuxo a súa primeira sinfonía, influída polo estilo expresionista de moda naqueles tempos en Berlín.
Aínda que tivo certo éxito coas súas primeiras obras, Weill tendía cada vez máis cara á música instrumental e o teatro musical. En 1926 estreou en Dresden a súa primeira ópera, O protagonista, nun só acto e con libreto de Georg Kaiser. Pero foi o seu O novo Orfeo (1925), unha cantata para soprano, violín e orquestra baseada nun poema de Iwan Goll, o que marcou un momento crucial na súa carreira. A estética moderna fíxose máis evidente na ópera surrealista dun só acto Palacio Real (1926) sobre un libreto de Iwan Goll, así como na ópera bufa O tsar déixase fotografar (1927), cun libreto de Georg Kaiser.
Weill obtivo o éxito definitivo con A ópera dos tres peniques (1928), escrita en colaboración co dramaturgo Bertolt Brecht, en que a feroz crítica social que a obra contén se expresa por medio dunha música composta para unha orquestra de cabaré. Dous anos despois desenvolveu aínda máis este estilo en Grandeza e decadencia da cidade de Mahagonny, obra dunha ácida sátira social de Brecht, con quen Weill tamén colaborou en Final feliz (1929). Cada vez máis incómodo coas restricións que impoñía Brecht ao papel da música no seu teatro político, Weill buscou outros colaboradores, como o escenógrafo Caspar Neher, que escribiu o libreto da súa ópera épica en tres actos O aval (1931), e volveu colaborar con Georg Kaiser na comedia musical O lago de prata (1932).
A música de Weill non era do agrado dos nazis, que provocaron alborotos durante as súas representacións e organizaron campañas de boicot para impedir a montaxe das súas obras. Esta situación obrigou a Weill e a súa esposa, a cantante Lotte Lenya, a abandonaren Alemaña en marzo de 1933 e establecérense en París, onde continuou brevemente a colaboración con Brecht n’Os sete pecados capitais, un "ballet cantado" para a compañía de George Balanchine. Tamén escribiu a música para a obra de Jacques Deval Marie Galante.
En setembro de 1935, Weill viaxou aos Estados Unidos para supervisar a montaxe de Max Reinhardt da obra épica de Franz Werfel, para a que escribira a música. Tras moitos atrasos, a obra representouse en 1937, parcialmente truncada, como A estrada eterna. Entrementres, o Group Theatre recrutou a Weill para colaborar co libretista Paul Green no musical Johnny Johnson, baseado libremente na novela O bo soldado Schweik, do autor checo Jaroslav Hašek. A súa música, aínda recoñeciblemente "europea", foi un éxito e consolidou a Weill no panorama musical norteamericano. Animado polo seu triunfo, e convencido de que o teatro comercial ofrecía máis posibilidades ca a ópera tradicional, Weill e Lenya decidiron quedar nos Estados Unidos e solicitar a nacionalidade norteamericana, que obtiveron en 1943.
Durante os anos seguintes, Weill compuxo musicais da importancia de Knickerbocker Holiday (1938), que foi un éxito relativo, pero que consagrou a súa famosa September Song; Lady in the dark (1941), con letras de Ira Gershwin; One touch of Venus (1943), Street scene (1947), Love life (1948) e Lost in the stars (1949). Weill estaba a traballar nunha versión musical de Huckleberry Finn de Mark Twain cando sufriu un ataque ao corazón. Morreu o 3 de abril de 1950, un mes despois de facer os cincuenta anos
Quico Cadaval, director escénico
Actor, director e adaptador teatral, foi o impulsor do movemento de contacontos xurdido en Galicia na década dos noventa. Aprendeu a contar contos desde moi neno grazas a unhas vellas que se encargaron de transmitirlle historias, e tamén grazas ás persoas, da máis variada índole, que pasaban pola taberna da súa nai.
Nado en Ribeira en 1960, comezou na interpretación teatral a finais dos setenta e xa a mediados dos oitenta, funda a súa propia compañía, O Moucho Clerc. Na súa faceta de dramaturgo asinou os textos Un códice clandestino, unha dramaturxia dos poemas medievais galaico-portugueses; O rouxinol da Bretanha sobre BD de Hugo Pratt; A caza do snark, sobre o poema de Lewis Carrol; Si o vello Sinbad volvese ás illas e O ano do cometa, ambos os dous dos romances homónimos de Álvaro Cunqueiro; Rapatú, do conto popular europeo A sogra do diablo, ou Espantoso!!!, que foi premiado co María Casares ao mellor texto orixinal do teatro galego en 2002.
Como director escénico, púxose á fronte de montaxes como A cor das cerejas, Doberman, Squash, A cigana vermelha da Ilha Terceira, A cantiga do desterro, Chanson d´exil, Speer, A voda dos moinantes...
É ademais guionista e director dos espectáculos de Mofa e Befa Para ser exactos, Cultura para dar e tomar, Finis Mundi Circus e Shakespeare para ignorantes, polo que vén de recibir o Premio Max na categoría de mellor autor teatral en galego. Entre as últimas obras que dirixiu destacan Pressing Catch para a compañía Berrobambán e as pezas Obra (No comment), Un cranio furado (A skull in Connemara) e Fantasmas familiares para Producións Teatráis Excéntricas.
Para o CDG dirixiu as producións Como en Irlanda (1996), O ano do cometa (2004), Noite de Reis. Ou o que queirades (2007), que lle valeu o Premio María Casares 2007 á Mellor Dirección, e As dunas (2009).
Participou en diferentes producións da TVG, así como en curtas e longametraxes. Continúa a traballar no audiovisual como actor e como guionista. Foi profesor de interpretación de "Operação Triunfo" (Portugal, 2003).
Diego García Rodíguez, director musical
Tras diplomarse na especialidade de piano no Conservatorio Superior de Santiago de Compostela, en 1996 asiste ás clases do profesor Daniel Spiegelberg, no Conservatorio de Lausanne (Suíza), onde obtén en 1999 o título superior en Piano e Música de Cámara. Ao mesmo tempo desenvolve un importante labor como pianista acompañante, froito do cal forma un dúo co tenor colombiano Humberto Ayerbe Piñeiro, co quen realiza varios concertos en Suíza e España.
No ano 2001 prodúcese o seu debut como director de orquestra, co Ensemble Kypris de Lausanne, nun concerto con obras de Edison Denisow, retransmitido en directo pola RSR 2 (canle clásica da Radio Suisse Romande). Esta experiencia anímao a optar a unha praza na prestixiosa clase de dirección de orquestra da Hochschule für Musik de Zürich dirixida polo profesor Johannes Schlaefli, que obtén en xuño do 2003. Desde ese momento dirixe habitualmente en Suíza, República Checa e Bulgaria, ademais de continuar a súa intensa actividade de pianista correpetidor.
Traballa como asistente do director francés Nicolas Chalvin nas producións operísticas O nariz, de D. Shostakóvich, na Ópera de Nantes-Angers (coa Orchestre National des pays de la Loire) e Carmen, de G. Bizet, na Ópera de Lausanne (coa Orchestre de Chambre de Lausanne, OCL). En 2006 obtén o Master en dirección de orquestra.
Foi convidado pola Nova Orquestra Nacional de España, pola Orquesta Filarmónica de Málaga e polo festival de Ópera de Vigo 2007, onde dirixe Rita, de G. Donizetti. A principios do 2008 funda, xunto con Nicasio Gradaílle, o Ensemble CONTRA e únese ao proxecto "Galicia XXI", ideado polo frautista Luís Soto, dedicado á recompilación e interpretación do repertorio para frauta e piano de compositores galegos contemporáneos.
Traballou con Diego Masson nas edicións 2009 e 2010 da Dartington International Summer School (Reino Unido), dirixindo no Dartington Great Hall Madama Butterfly, de Puccini, e Le nozze di Figaro, de Mozart.
En 2009, os organizadores do Festival Two Moors (Reino Unido) invítano a realizar a estrea mundial da obra de Torsten Rasch Die Träumenden Knaben, colaborando con Anssi Karttunen e Andreas Haefliger. Un ano despois, é seleccionado pola London Sinfonietta para participar no seu primeiro programa de mozos directores na London Sinfonietta Academy 2010, onde puido dirixir aos solistas desta formación.
Na actual tempada do Teatro Real de Madrid, é o director asistente de Josep Pons na produción The turn of the screw, de B. Britten (novembro de 2010), e de Paul Daniel en Król Roger, de K. Szymanowsky (abril-maio de 2011).
En 2010 crea o Taller Atlántico Contemporáneo (TAC), do que é o director artístico e musical.
Elenco (por orde alfabética):
César Goldi: Tigre Brown
Alba Messa: Lucy Brown
Víctor Mosqueira: Alegre tolleito / Serrucho / Smith
Mónica de Nut: Jenny / Jimmy II / Mackie neno
Marcos Orsi: Jonathan Jeremías Orsi
Marta Pazos: Walter funeral / Toliña das bolsas / Smith
Francisco Pérez "Narf": Dedotorto / Trobeiro cego
Muriel Sánchez: Polly Peachum
Begoña Santalices: Señora Peachum
Luis Tosar: Mackie da Faca
Sergio Zearreta: Filch / Patacón / Smith
Orquestra (por orde alfabética):
Suso Alonso: piano, harmonio
Rui Bandeira: trombón
Pablo Castaño: saxo alto, saxo soprano, frauta e clarinete
Andrew McNeill: saxo tenor, saxo soprano, clarinete
Saúl Puga: contabaixo, percusión
David Rodríguez: percusión, trompeta II
Adrián Viñas: trompeta I
Vadzim Yukhnevich: banjo, acordeoón, guitarra, guitarra hawaiana
Autoría: Bertolt Brecht e Kurt Weill
Dirección e dramaturxia: Quico Cadaval
Dirección musical: Diego García Rodríguez
Produción: Centro Dramático Galego
Elenco:César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marcos Orsi, Marta Pazos, Francisco Pérez "Narf", Muriel Sánchez, Luis Tosar, Begoña Santalices e Sergio Zearreta
Orquestra: Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich
Tradución do texto orixinal e adaptación das cancións: Pepe Sendón
Deseño do espazo escénico e da iluminación: Baltasar Patiño
Deseño de vestiario: Carlos Alonso
Coordinación de vestiario: Cloti Vaello
Dirección de canto: Ramón Bermejo
Coordinación musical: Suso Alonso
Axudantía de dirección: Nuria Sanz
Deseño de son: Guillermo Vázquez
Coreografía: Mónica García
Maquillaxe e perruquería: Trini Fernández Silva
Vídeo: Quique Otero
Fotografía: Francisco Arnoso "Pixi"
Deseño gráfico: Juan Gallego
Equipo de produción/dirección: Belem Brandido, Víctor Carbajales, Anabell Gago, Catia Ferreira, José Díaz, Carmen Fernández
Prensa: Gabinetes da Consellería de Cultura e Turismo e da Agadic
Gabinete de comunicación: Trisquelia
Xuño 2011
Santiago de Compostela no Auditorio de Galicia
Xoves 23. Función. 21.00 h
Venres 24. Función. 21.00 h
Sábado 25. Función. 21.00 h
Domingo 26. Función. 21.00 h
Xullo 2011
Ferrol no Teatro Jofre
Sábado 2. Función. 22.00 h
Domingo 3. Función. 20.30 h
Pontevedra no Centro Social Novacaixagalicia
Venres 8. Función. 20.30 h
Sábado 9. Función. 20.30 h
Madrid no Teatro Fernán Gómez
Xoves 21. Función. 20.30 h
Venres 22. Función. 20.30 h
Sábado 23. Función. 20.30 h
Domingo 24. Función. 19.30 h
Mércores 27. Función. 20.30 h
Xoves 28. Función. 20.30 h
Venres 29. Función. 20.30 h
Sábado 30. Función. 20.30 h
Domingo 31. Función. 19.30 h
Agosto 2011
Las Palmas de Gran Canaria no Festival Internacional de Teatro, Música y Danza Las Palmas. Parque de Santa Catalina
Xoves 11. Función. 21.30 h
Venres 12. Función. 21.30 h
Setembro 2011
Salamanca no Teatro Liceo
Venres 2. 21.00 h
Sábado 3. 21.00 h
Pamplona no Teatro Gayarre
Martes 6. Función. 20.00 h
Mércores 7. Función. 20.00 h
Zaragoza no Teatro Principal
Venres 9. Función. 20.30 h
Sábado 10. Función. 20.30 h
Domingo 11. Función. 18.30 h
A Coruña no Teatro Colón
Sábado 17. Función. 20.30 h
Domingo 18. Función. 20.30 h
Ourense no Teatro Principal
Venres 23. Función. 21.00 h
Sábado 24. Función. 21.00 h
Vigo no Centro Cultural Novacaixagalicia
Martes 27. Función. 20.30 h
Mércores 28. Función. 20.30 h
Narón no Pazo da Cultura
Venres 30. Función. 20.30 h
Sábado 1. Función. 20.00 h