Bertolt Brecht
Ano: 2008
Nuno Cardoso, director
Pasaron sesenta e cinco anos desde que un expatriado Brecht escribiu na vella California esta fábula amarga onde a bondade é detestada ao límite nun mundo desprovisto dela, e no cal a boa persoa en cuestión adquire interpretacións cada vez máis distantes daquilo que o sentido común nos leva a definir como bondade ou persoa bondadosa.
A obra comeza coa baixada á Terra de tres deuses coa esperanza de atopar persoas que sigan os seus ditados, isto é, que sexan persoas boas e xustas. A primeira que descobren é a única que os acolle en Sezuán: Xen Te, unha prostituta a quen premian dándolle outro medio de vida, unha tenda de tabaco. Pero os habitantes da aldea non tardarán en aproveitarse descaradamente das boas intencións da moza, polo que esta, farta deles, decide disfrazarse dun personaxe masculino chamado Xui Ta, que con enorme frialdade expulsa a todos os que queren vivir a conta do seu sacrificio.
Bertolt Brecht é considerado un dos dramaturgos máis destacados e anovadores do século XX. Nado o 10 de febreiro de 1898 en Ausburgo (Baviera, Alemaña), criouse nunha próspera familia burguesa, de pai católico e nai protestante, e, como el mesmo recoñecía, foi educado no hábito de ser atendido e na arte de dar ordes. Comezou a escribir poesía cando era un rapaz e publicou os seus primeiros poemas á idade de 16 anos.
En 1917, Brecht iniciou os estudos de medicina na universidade de Múnic. Ao ano seguinte foi chamado a filas como soldado sanitario nun hospital militar en Ausburgo no marco da Primeira Guerra Mundial. Desta vivencia, esencial na súa vida, escribiu os seus primeiros poemas de forte espírito revolucionario. Entre estes poemas destaca Lenda do soldado morto, que lle valeu aparecer na lista negra de Hitler. Durante ese tempo coñeceu a Paula Banholzer-Gross, con quen tivo un fillo en 1919. Despois da guerra volveu aos seus estudos, que abandonou finalmente para dedicarse á literatura e ao teatro.
Inicios
Entre 1920 e 1924 vive a cabalo entre Múnic e Berlín, potenciando a súa formación teatral e participando en diversos espectáculos como dramaturgo no Kammerspiele de Múnic. En 1922 casou coa actriz de teatro e cantante de ópera Marianne Zoff, con quen tería dous fillos e da cal se divorciou tres anos despois. Finalmente en 1924 trasládase a Berlín e comeza a traballar como dramaturgo no Deutsches Theater, onde se encontra con Erwin Piscator e Kurt Weill, con quen colaborará máis adiante. No ano 1929 casa con Helene Weigel, que será a súa compañeira e colaboradora ata a súa morte .
Desde 1926 tivo frecuentes contactos con artistas socialistas que marcaron fondamente a súa ideoloxía. As súas primeiras obras xa acusaron a influencia do pensamento hegeliano, que coñecía desde a súa primeira mocidade, así como as obras do discípulo de Hegel, Karl Marx. Brecht sempre quixo influír no público coas súas actuacións, conciencialo e facelo pensar; para iso foi configurando unha teoría dramática antirrealista que procuraba distanciar o espectador do elemento anecdótico.
Para lograr chegar á xente que pretendía educar fixouse nos medios de comunicación de masas como a radio, o teatro e mesmo o cine. A súa meta era acadar un cambio social que lograse a liberación dos medios de produción, influíndo tanto no ámbito intelectual coma no estético. Poden observarse estes obxectivos xa nas súas primeiras obras como Baal (1918-19), Tambores na noite (1919) e Na xungla das cidades (1921-24), todos eles textos de aprendizaxe. Pero é na peza Un home é un home (1924-26) -a peripecia dun humilde traballador portuario irlandés que, logo de asumir a posición dun soldado británico, acaba por converterse nun animal sanguinario- onde agroman con forza os elementos que van configurar o que el mesmo denominará teatro épico. Nas seguintes obras, como A ópera de catro patacos (1928) -adaptación da obra de John Gay, The Beggar´s Opera, datada en 1728- atopamos o teatro épico xa desenvolvido. Coa peza Ascensión e caída da cidade de Mahagonny (1930), Brecht engade novos recursos e presenta as primeiras reflexións sobre o que el consideraba ser o teatro épico.
Nos anos trinta, Brecht acomete unha nova liña de traballo caracterizada pola procura dun novo tipo de pezas que el denomina didácticas ou para a aprendizaxe. Estas obras destacan polo uso dunha linguaxe moi clara e precisa, con diálogos moi expositivos e próximos á deliberación; pola presenza de moi poucos elementos de significación, coma se a palabra fose o elemento fundamental e a insistencia na parábola. Consideramos pezas didácticas, entre outras, as dúas seguintes: A excepción e a regra (1929) e A medida (1930).
O exilio: de 1933 a 1948
Nos anos trinta os libros de Brecht foron prohibidos en Alemaña e as súas representacións foron interrompidas pola policía. O 28 de febreiro de 1933 -un día despois do incendio do Reichstag Brecht-, xunto coa súa familia e amigos, abandonan Berlín e foxen a través doutros países a Dinamarca, lugar onde viviron cinco anos.
En 1939 abandonou Dinamarca para vivir durante un ano nunha granxa preto de Estocolmo. De alí viaxou en abril de 1940 a Helsinki, onde viviu como convidado da escritora finlandesa Hella Wuolijoki. Foi neste período cando comezou a escribir, xunta a súa anfitrioa, O señor Puntila e o seu criado Matti. Nesta peza expresa a inxustiza do traballador fronte ao patrón. Para o dramaturgo, a diferenza de clases marca de maneira definitiva a vida dos seres humanos durante o seu camiñar neste mundo.
Desde Finlandia, Brecht continúa coa súa viaxe a través da Unión Soviética ata os Estados Unidos. En 1941 asentouse en Santa Mónica, preto de Hollywood. O seu obxectivo era integrarse no mundo cinematográfico para actuar politicamente a través do cine, pero iso só o conseguiu en pequena medida. Ademais, organizou algunhas representacións teatrais menores, na maioría dos casos en escenarios de emigrantes. En outubro de 1947 foi interrogado polo Comité de Actividades Antiamericanas debido ás súas ideas comunistas. Aínda que non tivo consecuencias para o autor, decidiu abandonar o país e viaxou a Zúric (Suíza).
Nesta última época desenvolveu o que se considera a súa dramaturxia dialéctica, onde podemos situar obras como Nai Coraxe e os seus fillos, A boa persoa de Sezuán, O círculo de xiz caucásico e A vida de Galileo, escritas todas entre 1938 e 1945. Con estas pezas Brecht tratou de mostrar a dialéctica do real a través do desenvolvemento de situacións, condutas e conflitos dunha historia concreta. A dimensión dialéctica presente nestes textos queda de manifesto se consideramos o primeiro deles, e a visión que no imaxinario colectivo se foi conformando de Nai Coraxe.
O regreso: o Berliner ensemble
Despois de escapar do nazismo e ser atacado polo liberalismo norteamericano, Brecht regresa á República Democrática Alemá nos seus últimos anos e funda unha compañía e taller de dramaturxia con orzamentos claramente políticos. O Berliner Ensemble foi fundado en Berlín oriental en xaneiro de 1949 baixo a dirección de Weigel, a muller de Brecht. Despois dun período transitorio, a compañía estableceríase de xeito definitivo no Theater am Schiffbauerdamm. A maioría das súas primeiras producións eran obras de Brecht dirixidas por el mesmo. Á súa morte, Weigel continuou a dirixir a compañía ata 1971.
A relación entre este centro brechtiano e as institucións comunistas foi difícil. As tensións entre Brecht e a burocracia cultural da RDA repetíronse na historia do Berliner Ensemble. Os censores -do Partido Socialista Unificado de Alemaña- chegaron mesmo a prohibir varias pezas, entre elas Santa Xoana dos matadoiros e o filme Kuhle Wampe, unha homenaxe á liberdade desde unha aposta anárquica. Brecht morreu por mor dun paro cardíaco o 14 de agosto de 1956, cando estaba a ensaiar A vida de Galileo.
Nuno Cardoso, o compromiso emerxente portugués
Nuno Cardoso, actor, director, avogado frustrado e tímido por natureza, é un dos responsables do bo momento que atravesa a creación dramática contemporánea en Portugal.
Os seus espectáculos aséntanse sobre unha plástica impecable e sobre un traballo actoral físico de gran altura. Ademais o seu compromiso social levouno a realizar proxectos paralelos ás súas montaxes nos que os actores cos que contou foron presidiarios e xente nova de barrios marxinais.
Nacido en 1970 abandona os seus estudos de avogacía e historia para montar o grupo Visões Úteis no que desenvolve a súa actividade ata 1998. Nese mesmo ano asume a dirección do Teatro Nacional Carlos Alberto en Porto. Un espazo que baixo a súa dirección dá cabida a moitas das novas propostas artísticas de xente nova con discursos artísticos e plásticos máis contemporáneos.
É a súa estreita colaboración co Teatro Nacional São João a que o enaltece como un dos directores novos máis importantes da Península: O despertar da primavera de Frank Wedekind ou un impeclable Woyzeck son os exemplos do seu traballo neste teatro a través do que se lle abren as portas de todos os teatros europeos como o Théâtre Nacional de Bordeux en Aquitania con Antígona de Brecht e o seu sobresaínte Plasticina para o Teatro Nacional São João.
En 2007 dirixe para o Teatro Nacional Dona María de Lisboa un Ricardo II e leva a cabo unha posta en escena paralela do mesmo texto con mozos de barrios marxinais de Lisboa, á que titulou R2. Para o mesmo teatro e no mesmo ano, esta vez en gran formato, levou a escena Boneca a partir de Unha casa de bonecas de Ibsen. O pasado mes de xullo estreou Platónov de Antón Chéjov para o Teatro Nacional São João.
(Por orde alfabética)
Rosa Álvarez: A Muller / Puta / A Señora Yan / Transeúnte
César Cambeiro: O Carpinteiro / Deus / Cliente / Transeúnte
Antón Coucheiro: O Parado / O Vello / Deus / O Bonzo / Cliente
Mónica García: A Caseira / Puta / Deus / Transeúnte / Obreira
Rocío González: Xen Te / Xui Ta
Roberto Leal: O Avó / Xu Fu / Cliente / Transeúnte
Rebeca Montero: Xin / Puta / Transeúnte / Obreira
Marta Pazos: A Cuñada / Deus / A Vella
Alberto Rolán: O Sobriño / Sun / Transeúnte
Machi Salgado: O Policía / O Parado / Cliente / Transeúnte / Obreiro
Toni Salgado: O Home / Deus / Cliente / Transeúnte / Obreiro
Hugo Torres: Wan / O Coxo
Axudante de dirección e movemento: Víctor Hugo Pontes
Meritoria de dirección: Charlotte Irene Grieser
Produtor asistente: José Díaz
Deseño do espazo escénico: Fernando Ribeiro
Deseño de iluminación: José Álvaro Correia
Deseño do vestiario: La Canalla
Deseño do espazo sonoro: Fran Pérez "Narf"
Tradutor: Frank Meyer
Lingüista: Emilio Cao Vázquez
Maquillaxe: Dolores Centeno
Realización da escenografía: Talleres da AGADIC, Móveis Modernos Maia & Rocha, Max Rótulos
Realización do vestiario: Clotilde Vaello, Cristina Cordido, Milagros Reimúndez
Espazo sonoro:
Composicións, arranxos e dirección musical: Fran Pérez "Narf"
Produción de audio, mesturas e masterización: Antonio Vázquez
Músicos: Suso Alonso (piano, teclados, secuencias e arranxos de piano), Joaquim Teles "Quiné" (batería e percusión), Pablo Pascual (clarinetes), Fran Pérez "Narf" (guitarras e baixo)
Asistente de gravación (Porto): João Ferraz
Gravado nos estudos ASISÍ (Viduido) e nos estudos QM (Porto)
Versións incidentais: Fran Pérez "Narf "
Cesión rótulos: Rótulos Hércules, Max Rótulos, Rótulos Compostela, Rótulos Gesavar, Stick Rotulación
Cesión mobiliario urbano: Telvent, Daviña
Cesión mobiliario: IES Xelmírez I
Spot TV: Tresdeseos animación, Gael Herrera
Caderno pedagóxico: Carlos Labraña (GÁLIX)
Prensa: Gabinete de comunicación da AGADIC
Fotografía: Tono Arias
Gabinete de imaxe: Signum
Gabinete de comunicación: Trisquelia
Coordinación de Espazos CDG: Xocas López
Revisión lingüística: Rossetta
Outubro
Carballo, no Pazo da Cultura
Venres 31. Función. 21.00 horas
Novembro
A Coruña, no Teatro Rosalía
Mércores 5. Función escolar. 10.30 horas
Xoves 6. Función escolar. 10.30 horas
Venres 7. Función. 20.30 horas
Sábado 8. Función. 20.30 horas
Tui, no Teatro Área Panorámica
Venres 14. Función. 21.30 horas
Sábado 15. Función. 20.30 horas
Decembro
Vigo, no Centro Cultural Caixanova
Venres 27. Función. 20.30 horas
Sábado 28. Función. 20.30 horas
Xaneiro
Pontevedra, no Pazo da Cultura
Venres 16. función escolar. 10.00 horas
Sábado 17. Función. 21.00 horas
Ourense, no Teatro Principal
Luns 21. Función escolar.
Martes 22. Función escolar.
Mércores 23. Función. 20.30 horas
Xoves 24. Función. 20.30 horas
Ferrol, no Teatro Jofre
Martes 29. Función escolar.
Mércores 30. Función. 20.30 horas
Febreiro
Vilagarcía de Arousa, no Auditorio Municipal
Xoves 5. Función escolar.
Venres 6. Función.
O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Xoves 12. Función escolar.
Venres 13. Función. 21.00 horas