AGADIC

Centro Dramático Galego


Estigma_obra_grande

CDG: Estigma

Jacobo Paz, Rubén Ruibal e Vanesa Sotelo

Ano: 2008

Dani Salgado

Estigma é o resultado do proxecto de dramaturxia residente DramA3, iniciado no verán de 2007 como exercicio de escrita a tres bandas a cargo dos autores Jacobo Paz, Vanesa Sotelo e Rubén Ruibal, último Premio Nacional de Literatura Dramática.

Dani Salgado, coordinador do proceso de escrita, exerce agora como director escénico desta montaxe, para o que comezou o traballo cun reparto para cinco actores: Xavier Deive, Xosé Manuel Esperante, Clara Gayo, Vicente de Souza e María Tasende Cotelo.

A acción sitúase nunha illa case deserta na que, trala erupción dun volcán, unha muller investiga unha masacre, dous irmáns enfrontan o destino que levan marcado na pel, unhas voces do pasado interfiren no presente dunha parella e, baixo a sombra duna figueira, aparece un descoñecido. Morte, terra e memoria son os elementos que guían esta nova proposta do CDG nunha peza chea de suspense.


Jacobo Paz (A Coruña, 1979)
Experto en Cine e Teatro pola Universidade da Coruña, foi guionista de series de televisión como "Pratos combinados" ou "As leis de Celavella", traballo polo que recibiu o Premio Mestre Mateo da Academia do Audiovisual Galego ao Mellor Guión 2005. Ten publicados dous libros individuais e máis dunha ducia de pezas teatrais en revistas especializadas. Foi redactor dos reality-shows "Costa Oeste" (Filmanova, 2007), "Translatio" (Filmanova, 2007) e "O Gran Camiño" (Filmanova e Continental, 2007), adeamais de escribir as curtametraxes "Sanatorio" (2006), "Masacre" (2006), "Suicidio S.A." (2006), "Amigas íntimas" (2004) e "De putas" (2002). Tamén escribiu e dirixiu os videoclips "El adiós" (2004) para Nolothil e "Toxic Girl" (2006) para o Festival On & Off de Ribadeo sobre o tema do grupo galego The Homens. Na actualidade realiza documentais e desenvolve formatos para televisión.

Rubén Ruibal (Ribadeo, 1970)
Licenciado en Filoloxía Inglesa, formouse xunto ao dramaturgo Roberto Vidal Bolaño con quen colaborou na compañía Teatro do Aquí actuando nas obras "A ópera de A Patacón" (1994), "Touporroutou da Lúa e do Sol", "Anxeliños" (1997), "Rastros" (1998), "Criaturas" (2000) e "Animaliños" (2002). Tamén exerceu de axudante de dirección en "Doentes" (1998), "Sen ir máis lonxe" (1999) e "Os Papalagui" (2001).
No ano 2000 crea, xunto con Carlos Losada, a compañía Teatro Cachuzo, que levou ás táboas as súas primeiras obras "Fume" (2000) e "Nunca durmo", de Erik Cachuzo (2003). Outras pezas súas foron representadas por Patatín & Patatán Superproductions, como "Traffic: arroz mubi" (2004) e "¡Triumfadores! (2005)". Para o CDG foi axudante de dirección na produción "Xelmírez ou a gloria de Compostela" (1999) de Daniel Cortezón, e interveu en "Rosalía" (2001) de Ramón Otero Pedrayo, ambas as dúas baixo a dirección de Vidal Bolaño.
Tras a morte de Vidal Bolaño en 2002, e a desaparición de Teatro do Aquí, cesa a súa actividade como actor e céntrase en escribir. No ano 2005 gaña o Premio Álvaro Cunqueiro con "Limpeza de sangue. O sangue fai ruído", obra publicada en xaneiro de 2007 por Edicións Xerais de Galicia co apoio da AGADIC, e recibe en outubro do 2007 o Premio Nacional de Literatura Dramática, que premia anualmente ao mellor libro de teatro editado en calquera das linguas do Estado español.

Vanesa Sotelo (Cangas, 1981)
Licenciada en Ciencias da Información, forma parte dun grupo de dramaturgos novos que entran no mundo do teatro pola man da actividade dramática no instituto ou na universidade. A súa experiencia teatral comeza como actriz na Aula de Teatro da Universidade de Santiago no ano 1999 e continúa coa compañía Teatro no Aramio para a que escribe a peza "Azotea" (2003). A continuación marcha a Francia cunha bolsa Erasmus e pasa a formar parte dos grupos de Université de Rennes II e da Asociación de Amphi-Théâtre. Ao seu regreso, volve a contactar con Teatro de Aramio e dirixe as montaxes "O asasino sorrinte" (2005) de Jean Marie Piemme, espectáculo premiado no certame Na Vanguarda, e "E os cans calaban", de Aimé Casaire (2006).
Colaboradora e membro do Consello de Redacción da Revista Galega de Teatro, actualmente cursa a especialidade de Dirección de Escena na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD).

Dani Salgado (Ourense, 1974)
Autor e director teatral, estreouse no teatro profesional a cabalo entre Galiza e Barcelona. Rematou os estudos de Interpretación no Instituto de Teatro e das Artes Escénicas do Principado de Asturias e, posteriormente, licenciouse en Dirección Escénica e Dramaturxia no Institut del Teatre de Barcelona, onde preparou o Doutorado en Artes Escénicas.
Cando aínda era estudante de último curso no Institut del Teatre, conseguiu unha bolsa para novos autores, o proxecto "T-6", que implicaba a montaxe do texto no Teatre Nacional de Catalunya. O seu traballo titulouse "El clavicèmbal" (2002) e dirixiuno Lourdes Barba. Tamén presentou un "Macbeth" de peto no xa desaparecido Teatre Malic de Barcelona. Logo preparou unha serie de ensaios abertos no Teatre Lliure de Barcelona sobre Wittgenstein, Warhol, Pessoa e Camus e no ano 2004 provocou e sorprendeu coa parodia "Porno", que foi estreada no Teatre Lliure e obtivo unha excelente acollida crítica. Para o CDG foi axudante de dirección en "O ano do cometa", a obra que Quico Cadaval dirixiu no 2004.
Publicou os libros "A dirección de actores" (Galaxia, 2006) e "O proxecto de escenificación" no libro Manuel Lugrís Freire: do texto ao escenario (Galaxia, 2006). Como docente, impartiu clases de Dramaturxia (Campus Universitari de la Mediterrània, 2004) e de Teoría Teatral (AULES, Barcelona, 2003-2004). Desde setembro de 2005 é profesor de Dirección de Escena na Escola Superior de Arte Dramática de Galicia, traballo que desenvolve na actualidade.


(Por orde alfabética)

Xavier Deive: Tadeo
Xosé Manuel Esperante: Eloi
Clara Gayo: Elsa
Vicente de Souza: Clemente
María Tasende Cotelo: Sara


Dirección: Dani Salgado
Axudante de dirección: Andreu Raich
Meritorio de produción: Marta Lago
Deseño do espazo escénico, vestiario e atrezzo: Joan Galí
Axudante do deseño do espazo escénico e vestiario: Alex Aviñoa e Laura García
Deseño de iluminación: Baltasar Patiño
Deseño do espazo sonoro: Rademakers/Sitges
Movemento escénico: Andreu Raich
Maquillaxe: Dolores Centeno
Realización do audiovisual: Alex Rademakers
Postprodución do audiovisual: Francesc Sitges
Fotografía: Tono Arias
Deseño gráfico: Signum
Realización da escenografía: Talleres AGADIC, Escenoset e Las Carmelas
Realización vestiario: Carmen Pazos
Caderno pedagóxico: Carlos Labraña - GALIX
Deseño gráfico: Signum
Revisión lingüística: Rossetta
Gabinete de comunicación: Trisquelia
Coordinación de Espazos CDG: Xocas López


Maio

Tui, no Teatro Área Panorámica
Xoves 22. Función para institutos. 11:00 horas
Venres 23. Función. 21:00 horas

Narón, no Auditorio Municipal
Venres 30. Función. 20:30 horas
Sábado 31. Función. 20:00 horas

Xuño

O Barco de Valdeorras, no Teatro Lauro Olmo
Venres 6. Función. 21:00 horas

Vigo, no Centro Cultural Caixanova
Venres 13. Función. 20:30 horas
Sábado 14. Función. 22:30 horas

Ribadeo, no Auditorio Municipal
Venres 20. Función. 11:00 horas

Ferrol, no Teatro Jofre
Domingo 22. Función. 20:30 horas

Vilagarcía de Arousa, no Auditorio Municipal
Venres 27. Función. 21:00 horas

Xullo

A Coruña, no Teatro Colón
Mércores 2. Función. 20.30 horas
Xoves 3. Función. 20.30 horas


Ver todas

Galería de imaxes

Anterior Ampliar Seguinte



AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal