De Clara Gayo e Pablo Reboleiro
Ano: 2025
Pablo Reboleiro, dirección
Estrea: xoves 11 de setembro ás 18.00 h
Funcións: do 12 de setembro ao 26 de outubro. De mércores a domingo ás 18.00 h
TOPOGRAFÍAS
Fran Núñez. Director do Centro Dramático Galego
As palabras topoloxía é topografía son semellantes, pero non son mesmo. A primeira é unha rama das matemáticas que trata das formas e do espazo e a segunda é a elaboración de mapas. Unha letra muda todo. Muda o significado e muda o punto de vista. Ata hai un ano, pensaba que eran a mesma cousa. Imos aprendendo. Imos coñecendo. Imos descubrindo grazas á xente coa que nos imos encontrando na escena.
A serie clopen está entre unha e outra. Entre a abstracción matemática e a realidade do chan. Entre a idea e o corpo. Entre o cálculo e o salto. Circo e matemáticas. Matemáticas e historia. Fórmulas que se transforman en movemento. Historia que se repite. Movemento que se converte en fórmula. Risco, equilibrio, beleza. Perigo.
O circo como linguaxe. O circo como teatro. O circo como pensamento. O circo como diálogo. Porque o circo fala cos corpos. Porque as matemáticas falan coas ideas. Porque a historia fala de nós. Porque xuntas falan coa sociedade.
Clopen é diálogo interxeracional. Artistas novas e artistas con traxectoria. Mestura de voces, mestura de corpos, mestura de miradas. Dentro e fóra do escenario.
O teatro é espazo para a acción. Para a reflexión. Para a rebeldía. Para a esperanza. Nun tempo de medos. Nun tempo de fronteiras. Nun tempo de discursos que pechan. O teatro abre. O teatro resiste. O teatro convoca. O teatro xera encontros.
Hai ben pouco, nunha conversa, alguén preguntou se podía ser que a cabeza dunha persoa que se dedicase á ciencia tivera a mesma estrutura mental que unha persoa que se dedicase á creación. Outra persoa respondeu veloz. Si, porque ambas parten da curiosidade. Non perdamos a curiosidade. E é verdade. Pero tendemos a facer conxuntos pechados, a poñer o foco na diferenza.
A serie clopen é un xoguete escénico que nos permite soñar cun mundo no que a historia, as matemáticas e o circo poden xogar xuntas na escena. Un mundo no que as fronteiras se dilúan e a diferenza pase de ser ameaza a oportunidade.
A topografía mide o territorio. A topografía mide a terra. A topografía mide o que se ve. Pero tamén mide o que nos separa. O que nos divide. O que nos limita. As fronteiras son trazos. Son liñas. Son marcas. Marcan o dentro e o fóra. O permitido e o prohibido. O que é noso e o que non. As fronteiras pechan. O teatro abre.
- - - - - - - - -
TOPOLOXÍAS
Pablo Reboleiro. Dirección e co-dramaturxia
Durante séculos, quen investigaba o mundo non separaba o que hoxe chamamos artes e ciencias. Pitágoras era músico e matemático, Leonardo foi pintor, inventor e 2ilósofo, Omar Khayyam escribía poesía mentres resolvía ecuacións imposibles. A beleza da demostración convivía coa beleza do trazo. A intuición estética guiaba o descubrimento. A sabedoría era respectada e admirada.
As matemáticas tamén crean metáforas, abren camiños invisibles, deseñan formas que só existen cando alguén se atreve a imaxinalas. Neste espectáculo falamos de topoloxías: de espazos clopen, que son abertos e pechados ao mesmo tempo, unha sorte de utopía de entendemento entre os opostos, onde a distancia ou a cantidade non importan. Lugares que non varían cando se deforman. E empregamos esa linguaxe para falar doutra deformación: a que sofre a nosa sociedade cando parte da xuventude, sobre todo masculina, é capturada polo auxe do fascismo, pola súa exaltación do odio e a negación do coñecemento.
Alicia, unha adolescente apaixonada polas matemáticas, utiliza as súas bonecas da infancia para explorar os paradoxos dun mundo que comeza a comprender.
A serie clopen é unha metáfora matemática e política. Preguntámonos que significa ser aberto e pechado, como se constrúe un espazo seguro, que curvas agochadas nos levan a reproducir vellos totalitarismos. E propoñemos que o circo, como a topoloxía, pode transformar sen destruír: pode virar a realidade do revés para revelar que outro mundo é posible.
Clara Gayo
Co-dramaturxia
Clara Gayo (Vigo, 1971) é principalmente dramaturga e actriz, aínda que nos últimos anos ampliou competencias coa dirección de Pirolíticos (2022) para Mofa e Befa, de Producións Teatrais Excéntricas, e As damas de Ferrol (2023) para Teatro do Noroeste. Tamén en 2022, dirixiu e escribiu Paxaros no cabo para Pistacatro, primeiro texto en galego para danza vertical, que posteriormente editou a revista Erregueté na súa colección de textos para teatro.
Fai parte, xunto con Carlos Santiago e Zé Paredes, do colectivo G.O.D Flavia Antonia (Grupo Oportunista de Drama) desde o ano 2017. Froito deste experimento de escrita a tres mans xurdiron Acto de hixiene (2017), Poetas suicidas (2018) e Á mesa! (2019). Desde hai catorce anos, é directora da compañía de teatro amador FarandOleiras Cabaré, para a que escribiu numerosos espectáculos.
En 2015 gaña o Premio do Xurado do IX Premio de Teatro Radiofónico do programa Diario Cultural da Radio Galega con Evasión, e no ano 2017 (undécima edición) é finalista con Proxecto Tempo. En 2009 foi seleccionada para participar nos IV Encontros en Magalia de Creación Contemporánea, organizados pola Red de Teatros Alternativos, co seu texto Agorafobia: parálise sobre o medo, que autoeditou xunto con RedeNasa na colección Ultratextos.
En 2010, Estaleiro Editora publica Movidas e Razóns de peso. No mesmo ano, escribe A mirada de Pier para Nut Teatro.
En 2014, a Revista Galega de Teatro publica Prohibido sufrir. E, posteriormente, en 2019, a mesma revista edita Micropezas, unha compilación de 20 pezas curtas entre as que se atopa a súa Screenplay.
En 2017 foi seleccionada para participar na comitiva de escritoras e escritores composteláns que acudiron á 42ª edición da Feira Internacional do Libro celebrada en Bos Aires.
Participou no II Torneo de Dramaturxia Galega no marco da Mostra Internacional de Teatro Cómico e Festivo de Cangas (MITCFC), en colaboración con DramaturGA, coa peza Con fabulación, que en 2020 foi publicada por Edicións Positivas xunto co resto de participantes.
Interveu, así mesmo, no II Torneo de Dramaturxia organizado en 2018 por La Zona Teatro, en colaboración co Teatro Español, con As boas actrices, peza que en xullo de 2020 estreou na MITCFC xunto con Mónica Camaño e Arantza Villar.
Pablo Reboleiro
Dirección e co-dramaturxia
Pablo Reboleiro Rama é un dos pioneiros do circo contemporáneo en Galicia.
Inicia a súa traxectoria artística vinculada aos malabares, ao clown e ao traballo de rúa. Despois de se licenciar en Matemáticas en 2001, marcha a Londres, onde obtén un Grao en Circo en The Circus Space e traballa alí para distintas compañías. Continúa a formarse en circo, danza, teatro e música en distintas escolas por todo o mundo, desenvolvendo unha identidade multidisciplinar que parte do humor e a relación directa co público.
No ano 2005 volve a Galicia, funda a compañía Pistacatro e abre o espazo Circonove. Traballa activamente no sector, fomentando numerosos proxectos como Kamikaze, gaña premios con espectáculos como Trasno, Encontros ou Drop. Convértese nun referente en Galicia e un embaixador do circo galego no exterior, representando os seus espectáculos en escenarios de máis de 25 países dos cinco continentes. Sempre interesado pola "dramaturxia propia" do circo e polo que esta arte pode contar dende si mesma, no ano 2012 lánzase á dirección escénica na súa compañía Pistacatro, ideando, investigando e presentando espectáculos como Impreuna, Orquestra de malabares ou Drop.
No ano 2023 remata o Máster en Estudios Avanzados de Teatro da Universidad Internacional de La Rioja cun traballo sobre a análise dramatúrxica do circo contemporáneo.
Por orde alfabética:
Marián Bañobre
Luz García
Johanna Hesse
Raquel Oitavén
Natalia Pajarito
Inés Santos
Guillermo Solo
Equipo artístico:
Dirección: Pablo Reboleiro
Dramaturxia: Clara Gayo e Pablo Reboleiro
Elenco: Marián Bañobre, Luz García, Johanna Hesse, Raquel Oitavén, Natalia Pajarito, Inés Santos, Guillermo Solo
Iluminación e videoescena: Laura Iturralde
Escenografía: José Faro e Laura Iturralde
Caracterización e maquillaje: Erea Pérez e Paula Quintas
Vestiario: Carlos Alonso
Asistencia de vestiario: Neme Vázquez
Deseño de movemento e coreografía: Marta Alonso Tejada
Asistencia de dirección e espazo sonoro: Marcos PTT
Asistencia de circo: José Expósito
Música orixinal: Xosé Lois Romero
Asistencia de produción: Santi Romay
Realizacións
Escenografía e attrezzo: Equipo técnico do CDG
Vestiario: Equipo técnico do CDG
Coordinación e corrección de textos | Asesoría lingüística: Rosa Moledo
Fotografías e vídeos: Miramemira
Cartel: Juan Pablo Venditti e Ana Vidal
Deseño gráfico: Trisquelia
Accesibilidade: Culturactiva S. Coop. Galega
Intérprete lingua de signos: Chusa Pérez de Vallejo
Agradecementos
Jose Díaz, Belém Brandido, Aitor Garúz, Mercè Solé, Aerial Frope, Elena Vázquez Abal e Galuresa