[28/05/2013] O Centro Dramático Galego abre o prazo de reserva de localidades para a concertación da asistencia de centros de ensino durante o mes de outubro no Salón Teatro de Santiago de Compostela ao espectáculo Touporroutou da lúa e do sol, coprodución con Teatro do Noroeste sobre a obra de Roberto Vidal Bolaño, autor homenaxeado este ano no Día das Letras Galegas.
Touporroutou da lúa e do sol, texto considerado o de máis alta calidade escénica de todos os escritos polo dramaturgo para o público infantil, preséntase como unha "farsada choqueira para actores e bonecos, ou viceversa". Nel, catro titiriteiros contan, axudados dos máis diversos elementos, historias sobre a orixe celta da lúa e o sol, dos días e as noites, do diluvio universal e doutros moitos aconteceres.
Nesta ocasión, cóntase coa dirección escénica de Eduardo Alonso e a colaboracion da Escola Superior de Arte Dramática de Galicia (ESAD) na procura da experiencia de combinar o traballo de actores e actrices recentemente egresados con outros de contrastada experiencia.
CALENDARIO: As funcións escolares serán de martes a venres, con dous pases cada día, ás 10.00 e ás 12.00 horas. Os días dispoñibles con esta programación son o 8, 9, 10, 11, 15, 16, 17 e 18 de outubro de 2013.
IDADE RECOMENDADA: A partir de 6 anos.
RESERVAS: As reservas quedan rexistradas por rigorosa orde de solicitude chamando ao número de teléfono do CDG 981 581 111 (extensión 11).
PREZOS: O prezo con desconto para escolares e grupos organizados, previa reserva, é de 4,00 euros. Os mestres e acompañantes dos cativos accederán de balde.
CADERNO PEDAGÓXICO: Para incidir no achegamento dos alumnos á obra, a Escola Superior de Arte Dramática de Galicia está a elaborar un caderno pedagóxico, do que é autor o profesor Roberto Pascual coas calvbes de achegamento tanto ao texto como á montaxe do CDG.