AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ESPECTÁCULOS DE UR, TEATRO LLIURE, RAYO MALAYO OU LA ZARANDA PASARÁN POLO ESCENARIO DO ESPAZO DO CDG

O Salón Teatro inicia 2007 cunha nova programación trimestral de 15 grupos de teatro, danza e música contemporánea

[17/01/2007] O Salón Teatro de Santiago inicia a súa nova programación trimestral cunha extensa carteleira que dá cabida a un total de 46 funcións desenvolvidas por 15 formacións artísticas. Teatro actual, danza moderna e música contemporánea son os tres eixos que sustentan o calendario de actividades que se prolongará até finais de marzo, mediante a presenza dunha coidada selección de compañías e artistas, tanto galegos como de fóra de Galicia, co obxectivo da consolidación do escenario que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) como espazo de referencia para toda Galicia.

Deste xeito, e tralo exitoso paso a pasada semana de Vacuo, a cargo do Centro Coreográfico Galego, o Salón Teatro voltará abrir as súas portas os días 19 e 20 para amosar por vez primeira en Galicia o espectáculo Quarto interior, que porá en escena Circolando, compañía portuguesa de teatro físico que baixo a dirección de André Braga indaga nas paisaxes do soño e a súa representación.

ACORDO CO INSTITUTO CAMÕES

Os espectáculos procedentes da área da lusofonía terán unha atención especial no Salón Teatro, froito do acordo de colaboración asinado entre Cristina Domínguez, directora do CDG, e Samuel Rego, delegado do Instituto Camões en Galicia, para a difusión da escena e a música portuguesa que se fai hoxe en día. En virtude deste acordo, actuarán tamén no escenario do número 34 da Rúa Nova a compañía de danza de Rui Horta coa peza Bones & Oceans os días 26 e 27 de xaneiro, así como as propostas sonoras do dúo de saxo e electrónica que integran Pablo Coello e Pedro Rebelo, o 14 de febreiro; e do grupo de percusión Drumming, o 28 dese mesmo mes.

A oferta musical prevista complétase cun concerto dos galegos Ensemble instrumental, que interpretarán a obra Fende-lo son , orixinal de Manuel Rodeiro, o 18 de febreiro; en tanto que a danza estará defendida pola compañía catalana de Marta Carrasco con J'arrive(1 e 2 de febreiro) e pola agrupación francesa Alleretour co espectáculo Ellas (8 e 9 de febreiro).

Xunto ás funcións de danza e música, o teatro será o gran protagonista canto a número de representacións programadas, xa que compañías tan emblemáticas de fóra de Galicia como o grupo vasco Ur Teatro (con El chico de la última fila, os días 3 e 4 de febreiro), Teatro Lliure e Centre d’Arts Esceniques de Reus-Caer (con Last Chance, os días 10 e 11), La Zaranda (con Los que ríen los últimos , os días 16 e 17 de febreiro) ou os madrileños de Rayo Malayo (con Los olvidados , 1 e 2 de marzo) compartirán carteleira cos últimos espectáculos das compañías galegas Teatro de Ningures, que estreará Emigrados os días 23 e 24 de febreiro; e Lagarta Lagarta, que representará As últimas lúas os días 3 e 4 de marzo.

TEATRO INFANTIL

O calendario de actividades dará paso a partir do 7 de marzo e até o día 31 dese mes a cinco funcións semanais, de mércores a domingo, da montaxe Tarará-Chis-Pum, a próxima produción propia do CDG dirixida especialmente ao público infantil que actualmente se atopa en fase de ensaios e que se estreará o 2 de febreiro en Vigo. Despois de visitar varias cidades e vilas galegas, esta nova versión do espectáculo do mesmo título representado pola compañía Artello en 1978, volve aos escenarios 28 anos despois cun novo elenco actoral e artístico pero mantendo a supervisión de Santiago Montenegro e Rosa Hurtado.

A maioría das representacións no Salón Teatro para público xeral serán ás 20:30 horas; agás os domingos (Día do espectador), nos que o pase se adianta ás 18:00 horas e se aplica un desconto do 50% sobre o prezo habitual de 10 euros. Ademais, para favorecer a afluencia ao teatro, o CDG comercializa bonos válidos para 10 funcións, por un importe total de 80 euros.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal