[26/09/2011] O Centro Dramático Galego (CDG) entra na última semana de exhibición do seu espectáculo musical A ópera dos tres reás, co que se presenta en Vigo para ofrecer dúas funcións mañá e o mércores, ás 20.30 horas, no Centro Cultural Novacaixagalicia. Esta será a penúltima parada dunha xira de tres meses, que finalizará en Narón e durante a que a versión galega do clásico de Bertolt Brecht e Kurt Weill foi vista por máis de 17.200 espectadores noutros dez escenarios galegos e do resto de España.
Con Quico Cadaval na dirección escénica, Diego García Rodríguez na musical, e Luis Tosar á cabeza dun elenco de vinte actores e músicos en escena, A ópera dos tres reás sitúase xa entre as producións con maior éxito na historia da compañía da Consellería de Cultura e Turismo. De feito, a montaxe do CDG chega a Vigo despois de lograr cheos absolutos nas súas representacións en Ourense e A Coruña, e de completar cun balance superior aos 9.600 espectadores unha xira exterior por Madrid, Las Palmas, Salamanca, Pamplona e Zaragoza.
Patrocinio
Producido co patrocinio de Novacaixagalicia, Fundación Cidade da Cultura e Fundación Gaiás-Cidade da Cultura, o espectáculo enmárcase así mesmo na celebración do Ano da Música de Galicia. As súas funcións de Vigo foron presentadas hoxe en rolda de prensa por María Pereira, directora de Acción Cultural da Obra Social Novacaixagalicia; Blanca Cendán, directora do Centro Dramático Galego; Quico Cadaval, director do espectáculo; e a actriz e cantante viguesa Begoña Santalices, quen interpreta un dos papeis principais como a Sra. Peachum.
Un total de 11 actores-cantantes galegos defenden nesta gran produción da compañía pública unha esixente e vertixinosa posta en escena, cunha vintena de números musicais e dúas horas e media de duración. Ademais de Luis Tosar -quen interpreta a Mackie da Faca (Mackie Navalla) no seu regreso ás táboas despois de cinco anos- e de Begoña Santalices, Marcos Orsi, Muriel Sánchez, César Goldi, Alba Messa, Víctor Mosqueira, Mónica de Nut, Marta Pazos, Fran Pérez "Narf" e Sergio Zearreta integran este destacado elenco.
Músicos en escena
Ao seu carón, sobre o mesmo escenario e seguindo a batuta de Diego García, unha banda de oito músicos -Suso Alonso, Rui Bandeira, Pablo Castaño, Andrew McNeill, Saúl Puga, David Rodríguez, Adrián Viñas e Vadzim Yukhnevich- executa en directo a partitura deste clásico do século XX, que marcou un importante punto de inflexión na relación entre o teatro e a música e que forma parte do noso imaxinario colectivo a través de temas tan coñecidos e interpretados como A balada de Mackie Navalla.
Na ficha artística figura, ademais, outra vintena de recoñecidos profesionais da escena galega, implicados directamente no desenvolvemento da montaxe xunto co equipo técnico do CDG. Entre eles, Pepe Sendón asina a tradución do texto orixinal e a adaptación das cancións, Baltasar Patiño deseñou o espazo escénico e a iluminación, Carlos Alonso encargouse do deseño de vestiario e Cloti Vaello, da súa coordinación; Ramón Bermejo, da dirección de canto; Suso Alonso, da coordinación musical; Nuria Sanz, da axudantía de dirección; Guillermo Vázquez, do espazo sonoro; Mónica García, da coreografía; e Trini Fernández Silva, da maquillaxe e perruquería.
Universo "brechtiano"
Na adaptación de Cadaval -responsable tamén da dramaturxia-, A ópera dos tres reás propón un achegamento fiel á obra orixinal, mergullándose no "universo imaxinario" dos seus autores a través de claros acenos á opereta, ao cinema cómico, ao folletín romántico, ao surrealismo, á banda deseñada, á novela de crimes ou á aventura trasatlántica, entre outros elementos tirados da cultura popular europea dos anos vinte e trinta do pasado século. Esta ollada "caleidoscópica" apoia o desenvolvemento desta historia contada -en palabras do seu director- "a través das leis do cabaré".
A acción transcorre nos baixos fondos de Central City, onde Mackie da Faca campa ás súas anchas entre delincuentes, mendigos, prostitutas e policías corruptos. Pero todo se torce para o "capitán" dos bandidos locais cando decide casar con Polly Peachum, a filla do rei dos mendigos, quen está disposto a calquera cousa para acabar con ese matrimonio e recuperar a súa pequena das mans do "maior criminal do mundo".
Venda de entradas
As entradas para asistir ás dúas funcións de Vigo poden adquirirse a través da web www.servinova.com ou no despacho de billetes do Centro Cultural Novacaixagalicia, aberto os días de representación dende unha hora e media antes do comezo do espectáculo. Os seus prezos son de 20 euros en butaca, 18 euros en anfiteatro primeiro, 16 euros en anfiteatro segundo e 13 euros en anfiteatro terceiro.
O Centro Cultural Novacaixagalicia é o sexto escenario galego que acolle este espectáculo, que visitou tamén Santiago de Compostela, Ferrol, Pontevedra, A Coruña e Ourense, e concluirá o seu percorrido en Narón os días 30 de setembro e 1 de outubro. En total, A ópera dos tres reás terá ofrecido nestes meses 34 funcións en 12 localidades dentro e fóra de Galicia.