AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ROBERTO LEAL DIRIXE A INTERPRETACIÓN DA ACTRIZ NURIA SANZ E O MÚSICO IGNACIO SANZ

O Salón Teatro repón "Por que o meniño se coce na polenta?" a cargo de Sapristi en coprodución co CDG

[16/03/2011] A compañía galega Sapristi Teatro regresa este venres día 18 e o sábado 19 (20:30 h) ao Salón Teatro de Santiago co seu espectáculo Por que o meniño se coce na polenta?, realizado a pasada temporada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG). Con dirección escénica de Roberto Leal, a actriz Nuria Sanz e o músico Ignacio Sanz interpretan esta montaxe, cuxa estrea xa acollera este mesmo escenario en xuño de 2010, e que mestura xéneros que van desde o clown ata un realismo que roza o dramático, pasando pola comedia xestual, o cabaret, a revista, o musical, o vodevil e o circo.

Por que o meniño se coce na polenta?

A partir da adaptación que asinou Quico Cadaval da novela homónima e autobiográfica da autora romanesa Aglaja Veteranyi, teatro, música en vivo e un pequeno achegamento á danza contemporánea únense para dar forma á historia dunha rapaza que leva unha vida circense e ambulante, á que Nuria Sanz dota dun intenso traballo interpretativo. Con ela sobre o escenario, Ignacio Sanz emprega toda unha serie de "instrumentos imposibles" para compoñer un espazo sonoro envolvente e evocador do universo de recordos da protagonista. O equipo artístico complétano Baltasar Patiño como deseñador da iluminación, Marta Pazos a cargo do espazo escénico e do vestiario, Gustavo Dieste como axudante de dirección e Daniel Abreu como colaborador na dramaturxia.

Diario da protagonista
Publicada en Stuttgart en 1999, a obra orixinal de Aglaja Veteranyi (Bucarest, 1962-Zürich, 2002) Warum das kind in der polenta kocht? está escrita a modo de diario, relatando o día a día na caravana, nos hoteis e nunha residencia para contar, cun trasfondo tan cruento como verdadeiro, a particular visión que do mundo ten a protagonista. Así, a peza aborda temas como a explotación infantil, os abusos e os malos tratos, o sexo, o desarraigamento, a identidade propia e familiar, o medo á morte ou a procura da felicidade.

Na montaxe de Roberto Leal, Nuria Sanz sitúase no escenario para contar como Aglaja se suicidou o 3 de febreiro de 2002. Aparece como ela mesma, como unha actriz que nos vai dar unha información pero, por arte de maxia -a mesma maxia que preside toda a obra teatral- convértese na propia Aglaja contando a súa historia real. Ao tempo, a escenografía, que muda para transformarse nunha pista central erixida sobre un chan orgánico de millo, traslada o espectador a un circo. A partir de aquí establécese un xogo interpretativo entre a actriz e o seu personaxe, de modo que se sucede a representación de imaxes sacadas da memoria e do maxín da cativa: Aglaja vella, Aglaja morta, Aglaja meniña, súa nai colgándose dos cabelos ou seu pai facendo de pallaso.

Durante todo o espectáculo, está presente a referencia ao conto romanés que dá título á obra e que a irmá de Aglaja lle contaba cando era pequena nun intento de evadirse da realidade.

Paisaxe sonora
Para a composición musical coa que Ignacio Sanz consegue evocar o universo dos recordos de Aglaja, combínase a pregravación co directo de instrumentos convencionais e outros xurdidos da súa propia imaxinación e da reciclaxe, como a marimba, a caixa, o bombo e os pratos de choque que recrean o mundo circense. Doutra banda, a frescura da música en directo combínase coa orixinalidade doutros sons conseguidos a través de "instrumentos imposibles", como tarros de marmelada afinados con auga, botes de latón, sachos, un xogo de paellas afinadas con distintos colgantes de pedra, metal e madeira suspendidos nunha especie de portería, ou o ocean sound, un aparello de fabricación propia.

As entradas para as funcións de Por que o meniño se coce na polenta?do venres 18 e do sábado 19 xa están dispoñibles a través do teléfono 902 43 44 43 ou da billeteira da web www.caixagalicia.es. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde as 18:30 horas. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal