AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

REGRESA A SANTIAGO TRAS SER REPRESENTADA EN SANTANDER, MADRID, GRANOLLERS, SEVILLA E MALLORCA COMO MONTAXE SELECCIONADA POLA RED DE TEATROS ALTERNATIVOS

Voadora fai un alto na xira española da comedia musical "Super8" para ofrecer dúas funcións no Salón Teatro

[02/02/2011] A plataforma Voadora regresa esta semana ao Salón Teatro de Santiago coa súa comedia musical Super8, realizada en coprodución co Centro Dramático Galego (CDG), da que ofrecerá senllas funcións o venres 4 e o sábado 5 ás 20.30 horas. A compañía compostelá fai así un pequeno alto na ampla xira estatal que está a desenvolver no marco da Red de Teatros Alternativos cun espectáculo no que, coa memoria como fío condutor, combina teatro, música en directo e danza.

Super 8

Como montaxe seleccionada por este circuíto, integrado por 34 espazos escénicos de 12 comunidades autónomas, Super8 foi representada desde o pasado mes de novembro na Sala Triángulo de Madrid, no Teatre de Ponent de Granollers, na Sala Cero de Sevilla e no Teatre Sans de Mallorca, ademais de participar na VI Muestra de Teatro y Danza Contemporáneos de Santander, organizada así mesmo pola Red de Teatros Alternativos. Tralos dous pases que ofrecerá no Salón Teatro, onde foi estreada o pasado mes de abril, a xira continuará os días 12 e 13 de marzo na Sala La Fundición de Bilbao.

O cine como metáfora
Partindo do "cine como metáfora da memoria e da memoria como teatro do vivido", este espectáculo xira arredor duns personaxes que se debaten entre a obsesión por recordar e a importancia de esquecer. Super8 é, ademais, a segunda entrega da triloxía Lugares comúns e a terceira produción asinada por Voadora, compañía galega con vínculos en Portugal na que os seus integrantes -todos eles de pouco máis de trinta anos de idade- conforman unha plataforma de creación multidisciplinar na que traballan a partir da experimentación, o xogo e a procura de novas linguaxes.

Neste caso, ademais de asumir a dirección e a dramaturxia, Marta Pazos súmase ao elenco integrado por José Díaz, Uxía P. Vaello, Sergio Zearreta e Borja Fernández, quen se incorpora ao equipo no papel habitualmente desenvolvido por Hugo Torres. Os cinco interpretan en directo a música orixinal composta por Hugo Torres e José Díaz. Para esta montaxe contaron, así mesmo, coas achegas de Anabell Gago como axudante de dirección, Roberto Leal como colaborador na dramaturxia, Baltasar Patiño no deseño de iluminación, Sandra Varela a cargo do espazo escénico e Fanybell, do estilismo.

O pasado en formato súper 8
Lugares comúns fai referencia aos espazos -reais ou imaxinarios- que todos compartimos e a como eses puntos de encontro inflúen na procura da identidade do individuo contemporáneo. A triloxía explora tres discursos temáticos diferentes (o fracaso, a memoria e o paraíso) relacionándoos co tempo presente, pasado e futuro. Así, se PeriFeria -a primeira destas tres propostas, coa que Voadora debutou en 2008- se situaba no presente centrándose no tema do fracaso, Super8 trasládase ao pasado para falar sobre os mecanismos selectivos da memoria.

En Super8, o teatro, a memoria e o cine son tres espellos colocados en triángulo, nun xogo de referencias mutuas. Aquí a memoria é o cuarto no que almacenamos todas as vellas películas caseiras que fomos compilando ao longo da vida, de feito que o acto de lembrar equivale a tirar unha fita da súa lata, poñela a andar no proxector e sentar ante a pantalla para recuperar unha escena concreta e vivila de novo. Deste xeito, Super8 é unha viaxe pola vida dunha persoa a través das súas lembranzas. Nesa viaxe, cada etapa comeza ao abrir unha nova película de súper 8: en cada escena represéntase o que esa película debera contar en imaxes ao ser proxectada sobre a saba branca.

Work in progress
O proceso de creación foi pouco convencional. Executada durante unha residencia artística na sede da ACERT (Associação Cultural e Recreiativa de Tondela) en Portugal, a construción de Super8 non foi tanto unha suma de ensaios como unha experiencia de work in progress a cargo de todo o equipo artístico. Realizouse un proceso de construción dramática á inversa, partindo do improvisado para rematar na escritura do texto. O resultado é unha dramaturxia audaz e á vez ancorada en códigos clásicos, sen deixar atrás a aposta pola creación artística contemporánea, así como un espazo amplo para o libre e o inesperado.

As entradas para asistir ás representacións de Super8 poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo da actuación. Tamén poden adquirirse por adiantado a través do teléfono 902 43 44 43 ou na billeteira electrónica da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal