AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O RECITAL INSÍRESE NA EXTENSIÓN EN COMPOSTELA DO FESTIVAL SINSAL

O grupo Larsen ofrece xunto a Little Annie un concerto no Salón Teatro de Santiago o xoves 14

[12/05/2009] O Salón Teatro de Santiago acolle este xoves 14 de maio a partir das 22.00 horas o concerto dos italianos Larsen, un dos grupos máis experimentais do panorama alternativo actual, que contará co engadido dunha voz amiga, a de Little Annie, diva do dub e do cabaret post punk e colaboradora de grupos como Coil ou o combo On-U Sound. O recital insírese na extensión en Santiago do Festival Sinsal, organizada en colaboración co Centro Dramático Galego-Salón Teatro, e dentro da que, esta mesma fin de semana, actuará a formación liderada por David Tibet, Current-93.

Larsen

Despois de trece anos de actividade ás costas, a banda turinesa Larsen mantén intacta a súa pegada expresiva e presenta un novo álbum en estudo, La Fever Lit (2008). Segundo os organizadores do Sinsal, a estratexia dos italianos "consiste en irse abrindo pouco a pouco, silandeiramente, e así e todo, tentar prender os ouvidos do público ao seu pop cinemático, aboiándoo en ritmos luminosos nunha delicada lixeireza musical". En contrapartida, a nocturnidade e alevosía vai por conta de Annie Anxiety e da súa excéntrica narrativa. A formación underground colaborou con artistas do talle de Michael Gira, Matmos, Martin Bisi, Matt Howden, Lustmord, David Tibet, Deathprod, Julia Kent, Baby Dee, Xiu Xiu, Johann Johannsson, etc.

Annie Anxiety

Annie Anxiety, tamén coñecida como Annie Bandez ou Little Annie, desenvolve dende hai uns 20 anos unha polifacética carreira como cantante, actriz e poetisa. A pesar de sufrires unha mocidade tormentosa, conseguiu facerse un oco na música da man de The Asexuals. Cun estilo que vai do reggae ao hip hop, e do cabaret á vangarda, Little Annie reside en Nova York onde rinde culto ao Berlín dos anos 20 xunto ao pianista Paul Wallfisch.

As entradas para asistir ao concerto de Larsen & Little Annie póñense á venda no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do seu comezo. Tamén poden adquirirse na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. O prezo das localidades é de 10 euros, cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados.

Colofón con Current 93

O folk apocalíptico de Current 93, a formación británica liderada por David Tibet, porá o colofón a esta segunda edición do Festival Sinsal. Extensión Salón Teatro cunha dobre carteleira de concertos especiais deseñados en exclusiva para Santiago. Sobre o escenario estarán, ademais de Tibet, James Blackshaw (sábado 16 de maio), Andrew Liles (domingo 17), así como Baby Dee, Keith Wood e Alex Neilson; todos eles músicos singularísimos e virtuosos na reinvención da interpretación de estilos que van desde o acústico até o experimental.

As entradas para asisitir aos concertos de C93:. poden adquirirse de forma anticipada na billeteira electrónica ao prezo de 20 euros a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Igualmente, poranse á venda no despacho de billetes do Salón Teatro, ao prezo de 25 euros, desde dúas horas antes do comezo de cada concerto.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal