AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

"OBJECTS IN MIRROR ARE CLOSER THAN THEY APPEAR" PODERÁ VERSE EN SANTIAGO O SÁBADO 9 DE MAIO, ÁS 20.30 HORAS, E O DOMINGO 10, ÁS 18.00 H

O coreógrafo Salva Sanchis presenta a súa última creación no Salón Teatro de Santiago

[07/05/2009] O Salón Teatro de Santiago acolle esta fin de semana -sábado 9 ás 20.30 horas e domingo 10 ás 18.00 horas- dúas funcións do espectáculo Objects in mirror are closer than they appear, a última coreografía do catalán establecido en Bélxica Salva Sanchis que aborda a dicotomía entre a realidade e a aparencia. Utilizando a danza contemporánea entre outras formas de expresión, a peza reflexiona sobre o feito de que as aparencias non só se referiren a unha realidade senón que se converten na nosa realidade.

Salva Sanchis

Creada e interpretada polo propio Sanchis xunto a Tarek Halaby, Peter Lenaerts, Manon Santkin e Georgia Vardarou, Objects in mirror are closer than they appear é unha proposta de Latent Fuss vzw, coproducida por Kaaitheater Brussel, Mercat de les Flors de Barcelona, Trafo Budapest e Rosas, que tamén conta co apoio de Vlaamse Gemeenschapscommissie.

A ciencia como inspiración

O espectáculo toma como título a frase que aparece nos retrovisores dos coches ("os obxectos no espello están máis cerca do que parece") e inspírase nos avances recentes en neuroloxía cognitiva, sobre todo, nos estudos de experiencias extracorpóreas. Estas experiencias son causadas pola pérdida momentánea da coordinación nos mecanismos neuronais que axustan a nosa imaxe corporal coa información proveniente das nosas articulacións, músculos e órganos. Isto pode provocar a sensación de flotar fóra do corpo, ou mesmo ver un volume nun punto diferente no espazo.

A peza baséase igualmente no impacto que tiveron na cultura popular famosos casos de montaxes e na crenza no contacto con extraterrestres e abducións alieníxenas. No canto de limitarse a ser un mero reflexo de todos estes temas, o espectáculo convértese nun obxecto en si mesmo que nos convida a reconsiderar a nosa percepción do mundo e o lugar que nel ocupamos.

Vinculado á compañía Rosas

Residente en Bruxelas, Salva Sanchis graduouse coa primeira xeración de PARTS en 1998. Desde entón, coreografiou as súas propias pezas, presentándoas en toda Europa. Xunto con Anne Teresa de Keersmaeker, fundadora e directora da compañía Rosas, tamén creou as obras Desh e A Love Supreme. Ademais, foi coreógrafo convidado na compañía Rosas e profesor de técnica de danza e improvisación en PARTS, así como en diversas escolas e compañías tanto en Bélxica como noutros países. Esta é a súa decimoquinta produción como coreógrafo.

As entradas para as dúas funcións de Objects in mirror are close than they appear están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. O prezo das localidades é de 10 euros para o sábado 9 (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados) e de 5 euros para o domingo 10, día do espectador.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal