AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

A CANTAUTORA GALEGA INTERPRETARÁ TEMAS DO SEU ÚLTIMO TRABALLO DISCOGRÁFICO, "DORA MAAR 74", NO CONCERTO QUE OFRECERÁ O VENRES 27, ÁS 22.00 H

Carmen Dor clausura o Ciclo Novas Músicas no Salón Teatro de Santiago

[25/06/2008] A cantautora galega Carmen Dor pechará este venres día 27, ás 22.00 horas no Salón Teatro, o Ciclo Novas Músicas cun concerto no que presentará o seu último disco, Dora Maar 74, que supón un punto de inflexión no traballo desenvolvido pola artista até o momento. Coa actuación de Dor clausúrase esta programación dedicada a músicos da nova escena galega, na que tamén participaron o dúo composto por Fran Pérez (Narf) e Manecas Costas, e Nordestin@s, o proxecto musical formado por Abe Rábade, Guadi Galego e Ugia Pedreira.

Carmen Dor

En Dora Maar 74, os ritmos de tango, funky e bolero con evidentes texturas jazzísticas crean unha estética suxerinte e fresca, na que a cantautora acada unha gran transparencia e fidelidade a si mesma. Este traballo inspírase na figura da fotógrafa surrealista Dora Maar, amante de Pablo Picasso, que cativou a Dor dende o primeiro momento que oíu falar dela non só pola paixón que sentía pola beleza, senón tamén pola intensidade dos seus amores imposíbeis.

Rodeado dun halo de nostalxia e melancolía, Dora Maar 74 gravouse en directo no Teatro Principal de Santiago coa colaboración da Radio Galega, e está interpretado por Alfredo Susavila ao piano, Pachi Cruz ao contrabaixo, Carlos Bastón á batería e Carmen Dor coa súa voz.

Traxectoria profesional

Natural de Padrón, Dor comeza a súa formación musical de nena e ofrece as súas primeiras actuacións no colexio Rosalía de Castro. Escribe contos e poesías e aos dezaoito anos, as súas primeiras cancións.

Mentres estuda Educación Musical na Universidade de Santiago de Compostela, introdúcese no mundo poético e comprometido do compositor Xavier Mugardos. Xunto a el e a súa banda, na que permanecerá tres anos, grava o primeiro disco da súa carreira: O Sol que vai chegar (1999). A súa formación vocal é clásica e autodidacta no fado.

Nestes anos, xorden os primeiros contactos co mundo do jazz. É cantante convidada á fronte dun quinteto no Festival de Jazz Cidade de A Coruña (1997), interpretando temas de Duke Ellington. Porén, é na bossa nova onde se sente máis cómoda. A lingua lusófona e a identificación co texto moldean a súa personalidade escénica.

No ano 2001 aparece no mercado nacional o seu primeiro traballo en solitario: Carmen Dolores Oceánica, un retrato intimista das súas influencias envoltas nun dramatismo intenso herdado das paixóns tópicas das arias de ópera que foron dándolle cor á súa nova voz. Con este disco realizou a xira da SGAE "Artistas en ruta" por toda a península.

Nestes últimos anos abordou xunto ao cantautor Xoán Curiel un repertorio a dúas voces versionando aos grandes creadores brasileiros e portugueses máis actuais, e tamén temas que Curiel compuxo para este proxecto.

As entradas para o concerto deste venres están xa á venda na billeteira electrónica a través do teléfono 902 43 44 43 ou da web www.caixagalicia.es. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada actuación. O prezo das localidades é de 10 euros (cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven e desempregados).


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal