AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPECTÁCULO DO CDG VISITOU 12 LOCALIDADES GALEGAS E DOUS DESTACADOS ESPAZOS DA PENÍNSULA: O CENTRO ESCALANTE DE VALENCIA E O FESTIVAL FAZER A FESTA DE PORTO

'Valdemuller' remata a xira con 7.676 espectadores en 59 funcións

[28/05/2008] O espectáculo do Centro Dramático Galego (CDG) Valdemuller
rematou hoxe o seu período de distribución cun total de 59 funcións ofrecidas e un balance de 7.676 espectadores, despois dunha extensa xira de tres meses de duración por 12 escenarios das catro provincias, así como por dous destacados espazos fóra de Galiza: o Centro Teatral Escalante de Valencia, que se caracteriza pola súa especialización no teatro infantil e xuvenil, e no Festival Internacional de Teatro Fazer a Festa da cidade portuguesa de Porto.

valdemuller

A boa acollida desta montaxe por parte do público galego levou ao CDG a ampliar a xira inicialmente prevista, de xeito que 5.574 persoas viron o espectáculo durante a súa exhibición nos teatros de Ourense, Narón, Tui, Pontevedra, Carballo, O Barco, Vilagarcía, Ribadeo, Muros, Vigo e Ferrol -cidade na que esta mañá ofreceu a súa última función-, mentres que 2.102 espectadores asistiron ás 20 representacións desenvolvidas en Compostela, nove delas concertadas para alumnos de centros de ensino medio.

Pablo Vergne, director arxentino afincado en Madrid, dirixiu esta obra segundo a creación colectiva realizada a partir da novela de Xosé A. Neira Cruz. Con esta segunda produción da temporada 2007-2008, o CDG apostaba polo teatro de obxectos a través dunha montaxe especialmente pensada para o público infantil e xuvenil. Vergne caracterízase por un estilo propio que combina tradición e innovación, economía de medios e máxima expresividade, exploración de materiais e reciclaxe de obxectos, na procura de novas linguaxes escénicas e da complicidade co público.

Para Valdemuller contou cun equipo artístico integrado polas actrices-manipuladoras galegas Alba Grande, Montse Piñón, Raquel Queizás e Manuela Varela, ademais de por María de la Iglesia (espazo escénico e vestiario das actrices), Mari Carmen Pérez Pastor e Gador Enríquez (vestiario dos bonecos), Octavio Mas (iluminación) e María Eugenia Romero Baaamonde (axudante de dirección). Ricardo Vergne, Gustavo Brito, Javier Gallego e Bernardo Rodríguez foron os encargados de realizar os 17 bonecos de case 60 centímetros de altura, construídos en látex, goma espuma e poliuretano sobre unha estrutura interna de madeira, PVC e aluminio.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal