[23/12/2007] O Salón Teatro de Santiago acolle do 27 ao 30 de decembro unha nova edición da Mostra de Teatro Infantil de Nadal, que trala suspensión da función de hoxe 26 de decembro da Compañía Pistacatro debido á lesión dun dos seus actores, queda finalmente composta por catro espectáculos escénicos especialmente dirixidos ao público máis novo. Organizada polo Centro Dramático Galego, esta programación dará comezo, pois, mañá xoves 27 coa actuación do grupo de Guadalaxara A Priori Producciones, que escenificará a peza Casi Romeo y Julieta. Seguirán nas próximas xornadas as representacións da portuguesa Cía. Musical Teatral coa montaxe para bebés Andakibebé (día 28) e das compañías galegas Galitoon e Sapristi, que pecharán este festival coas monataxes Golulá (día 29) e Ao son das cousas (día 30), respectivamente.
Todas as funcións do ciclo celebraranse ás 19.00 horas. As localidades xa poden adquirirse na web www.caixagalicia.es ou no despacho de billetes do Salón Teatro dende dúas horas antes do comezo dos espectáculos a un prezo de 6 € por entrada. Tamén existe un bono de seis entradas cun prezo de 30 €.
PROPOSTAS PARA TODAS AS IDADES
O xoves 27 a compañía de Guadalaxara A Priori Producciones presentará Casi Romeo y Julieta, con dramaturxia e dirección de Marta Torres. Tres pallasos buscan un escenario para representar a máis famosa traxedia de todos os tempos. Oti Manzano, Jesús Blanco e Gerardo Quintana protagonizan esta montaxe para nenos e nenas a partir de 3 anos de idade.
Os máis pequenos tamén serán protagonistas neste ciclo coa posta en escena o venres 28 de Andakibebé, a cargo dos portugueses Cía. Musical Teatral. Este espectáculo, recomendado para familias con bebés, presenta situacións escénicas de gran colorido animadas por imaxes de vídeo. Seis músicos interpretan en vivo cancións orixinais e arranxos sobre rimas e cancións da cultura tradicional portuguesa especialmente concebidas para un público menor de 9 anos.
Galitoon chegará o sábado 29 ao Salón Teatro con Golulá, outra peza para público familiar que mestura teatro de actor, monicreques de diversos tamaños, luz negra e teatro de obxectos... Andrea Bayer dirixe e interpreta a un dos personaxes, xunto con Santiago Alonso, Chisco Casteleiro e Óscar Ferreira.
Sapristi será a compañía encargada de pechar a Mostra de Teatro Infantil de Nadal o domingo 30 co espectáculo Ao son das cousas, dirixido a nenos e nenas a partir de 3 anos. Baixo a dirección de José Campanari, Nuria Sanz e Patricia Vázquez protagonizan esta historia na que as dúas actrices interpretan a dúas escoitadoras e recolectoras de sons.