AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

'Programação Cultural Portugal-Espanha-50 anos de democracia’

O Centro Dramático Galego e o Concello de Santiago colaboran para a estrea estatal de ‘As bruxas de Salem’ no Auditorio de Galicia

[18/10/2024] Este sábado 19 e outubro, ás 19,00 h., o Auditorio de Galicia acollerá a estrea estatal da produción do Teatro Nacional São João de Porto As bruxas de Salem, dirixida por Nuno Cardoso a partir do texto orixinal de Arthur Miller. O Centro Dramático Galego en colaboración co Concello de Santiago de Compostela posibilita esta representación no marco das liñas de traballo abertas entre a unidade de produción teatral da Xunta coa escena lusa e da carteleira Quintas do Camões.

As bruxas de Salem

Así o sinalou o director do Centro Dramático Galego, Fran Núñez, quen participou hoxe canda a Xaquín López, director-xerente do Auditorio de Galicia, e Nuno Cardoso, actual director artístico do São João, na rolda de prensa sobre o espectáculo, unha proposta que forma parte á súa vez da Temporada cruzada-Programação Cultural Portugal-Espanha-50 anos de democracia, promovida polos gobernos de España e Portugal e outros organismos.

Núñez lembrou que nos últimos anos o Centro Dramático Galego ten colaborado con estruturas públicas portuguesas como o Teatro Nacional Dona Maria II e o propio Teatro Nacional São João, para levar a escena coproducións como Manuela Rey Is In Da House, estreada en Galicia o pasado mes de marzo, e de Frágua de amor, do dramaturgo portugués Gil Vicente, que se está montar con seis entidades culturais lusas e que verá a luz en novembro. Dentro desta cooperación enmárcanse tamén os traballos desenvolvidos ao abeiro do proxecto europeo Nós/Nous, que impulsa a promoción profesional e a internacionalización do alumnado de arte dramática ao final da súa carreira académica, e que posibilitou as montaxes de espectáculos como Na hora dos cans ou Ifixenia.

Un clásico de plena actualidade
Con esta revisión do texto do dramaturgo e guionista estadounidense Arthur Miller, Nuno Cardoso continúa a súa investigación sobre os fundamentos da vida comunitaria, realizando un novo ensaio sobre a cegueira do home social. Miller escribira a súa peza de teatro en 1952 a partir dos feitos que rodearon os xuízos de bruxas na pequena comunidade americana do pobo de Salem, Massachusetts, en 1692, como unha alegoría da febre persecutoria e represión anticomunista durante a época macarthista da década dos 50 que tamén acabou afectando ao propio autor da obra, acusado polo cineasta Elia Kazan. Dende o epicentro da trama -presentada como unha fascinación primaria pola paranoia, que sacrifica individuos na súa furia colectiva- Cardoso consegue descubrir na obra un caldo letal de sexualidade ilícita, medo ao sobrenatural e manipulación política, que resoan con plena vixencia no momento actual.

Pedro Nunes figura como axudante de dirección desta peza que ten no seu elenco a Ana Brandão, Carolina Amaral, Joana Carvalho, Jorge Mota, Lisa Reis, Mário Santos, Nuno Nunes, Paulo Freixinho, Patrícia Queirós, Pedro Frias e Sérgio Sá Cunha. A tradución é de Fernando Villas-Boas, a escenografía corre a cargo de F. Ribeiro; o deseño de luz asínao Nuno Meira; a música e o deseño de son, João Oliveira; Roldy Harris é o responsable do movemento e o equipo do Teatro Nacional São João, da elaboración do vestiario.

Ademais do da unidade teatral da Xunta de Galicia, a produción conta cos apoios do Gobierno de España, a través do Ministerio de Memoria Democrática, Acción Cultural Española, AECID e o Instituto Cervantes; do Governo da República Portuguesa a través dos departamentos de Negócios Estranxeiros e Cultura, do Gabiente de Estratégia, Planeamento e Avaliação Culturais GEPAC, a Embaixada de Portugal en Madrid, Cultura Portugal, Instituto Camões, Unión de Teatros de Europa, e Portugal-Espanha 50 anos Cultura e Democracia.

As bruxas de Salem é un espectáculo de gran formato e de 155 minutos de duración, que se representa en portugués con sobretítulos. Tralo seu paso por Santiago de Compostela, viaxará dentro deste ano ao Yugoslav Drama Theatre, en Belgrado (Serbia) e ao Teatro Municipal São Luiz de Lisboa.

As localidades para asistir á función do sábado no Auditorio de Galicia están á venda a través das canles habituais de Compostela Cultura.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal