[30/09/2021] O Centro Dramático Galego (CDG), unidade de produción teatral da Xunta, leva a súa nova produción, 'Serva me, servabo te', a Ferrol, cunha función no Teatro Jofre o sábado 2 de outubro ás 20,30 horas. Tras a súa estrea no Carballiño e a permanencia en cartel durante tres semanas no Salón Teatro de Santiago, a creación de Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez chega á cidade departamental no marco dunha xira que inclúe tamén Lugo e o Malpete Theater Festival de Estambul. Posteriormente volverá a Compostela con dúas novas funcións a mediados de outubro.
'Serva me, servabo te' (Axúdame, axudareite, en latín) é un espectáculo no que a dramaturxia xorde desde o movemento e o xesto, e coa que o CDG visibiliza o seu apoio ás novas linguaxes escénicas. Creada e dirixida por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, a peza aborda a liña que separa a violencia do afecto, ademais de reivindicar o corpo como material que iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.
Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño compoñen o elenco desta nova montaxe. Nela combínase xuventude e experiencia, tanto na interpretación como no equipo artístico.
Así, a creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección, e a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, xunto á escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.
As entradas están xa á venda a través de ataquilla.com. Tamén se poden adquirir o mesmo día da función no despacho de billetes do Teatro Jofre, en horario de tarde.
Motor da escena galega
Con máis de 100 funcións programadas, 40 delas en xira, e proxectos nun cento de concellos, a unidade de produción teatral da Xunta está a reforzar este ano o seu papel como motor da escena galega e a prol da creación de público en todo o territorio.
Así, ao longo de 2021 serán catro as producións propias, nove coproducións, diversas residencias e outras iniciativas máis as materializadas grazas á aposta pola colaboración con todos os axentes do sector, como a bolsa de dramaturxia e creación.
De cara á continuidade da temporada, o CDG traballa en novos espectáculos. Ademais, avanza no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións, co desenvolvemento das probas estes días. Trátase dunha adaptación teatral de 'A peste', de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de 'Ás 8 da tarde cando morren as nais', baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.