AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

CON ESTA PEZA, APOSTA POR UN ESPECTÁCULO NO QUE A DRAMATURXIA XORDE DO MOVEMENTO E DO XESTO

O Salón Teatro de Santiago estrea a nova produción do Centro Dramático Galego 'Serva me, servabo te'

[08/09/2021] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle este venres 10 de setembro a estrea da nova produción propia do Centro Dramático Galego (CDG), 'Serva me, servabo te', onde permanecerá ata o 26 deste mes. A compañía da Xunta de Galicia ofrecerá un total de once funcións, de xoves a domingo, que, como vén sendo habitual, incluirán sesións descontraídas e encontros co público todas as semanas, así como unha representación final inclusiva.

Estrea Serva me, servabo te

O director da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), Jacobo Sutil, e mais o director do CDG, Fran Núñez, mantiveron hoxe un encontro cos membros do equipo artístico nun dos últimos ensaios da peza, que chega á estrea despois de varios períodos de traballo e investigación condicionados pola pandemia e realizados en distintos espazos, entre eles a Cidade da Cultura de Galicia.

'Serva me, servabo te' (axúdame e axudareiche, en latín) é un espectáculo no que a dramaturxia xorde desde o movemento e o xesto, e coa que o CDG visibiliza o seu apoio ás novas linguaxes escénicas. Creada e dirixida por Belén Bouzas, Diego M. Buceta e Fran Martínez, a peza aborda a liña que separa a violencia do afecto, ademais de reivindicar o corpo como material que iguala sen distincións. Deste xeito, o escenario, no que se fantasía co derrubamento dun edificio de vinte alturas, preséntase como un corpo nu ante a inmensidade.

Talento emerxente e experiencia
Belén Bouzas, Olga Cameselle, Bal Castro, Raquel Crespo, María Llanderas, Diego M. Buceta, Fran Martínez e Cris Vilariño compoñen o elenco desta nova montaxe. Nela combínase xuventude e experiencia, tanto na interpretación como no equipo artístico. Así, a creadora escénica AveLina Pérez é a asistente de dirección, e a escenógrafa, vestiarista e iluminadora Carmen Triñanes asume a iluminación e a videocreación, xunto á escenografía de xeito compartido con Laura Iturralde. O vestiario corre a cargo do actor e deseñador Xoel Álvarez e o espazo sonoro, de Xavier Bértolo. Roberta Ferrara e Xandre Vázquez son asistentes de coreografía e de produción, respectivamente.

As entradas para asistir ao espectáculo están xa á venda en ataquilla.com e poderán adquirirse no despacho de billetes desde dúas horas antes de cada función, que serán ás 20,00 horas de xoves a sábado e ás 18,00 horas os domingos. O prezo é de 10 euros, con descontos de ata o 40% para diversos colectivos e os domingos, día do espectador. Por outra banda, o CDG ten previsto contratar autobuses para o desprazamento de alumnado dos centros de danza de toda Galicia a ver a peza no Salón Teatro, cunha tarifa especial.

No marco da aposta do CDG polo achegamento do teatro á cidadanía, haberá encontros co público todos os domingos ao remate da sesión. As persoas con dificultades para permanecer sentadas e en lugares escuros poderán gozar tamén da peza coas funcións descontraídas, previstas para todos os xoves. Nesta mesma liña, o domingo 26 terá lugar unha representación inclusiva, na que haberá interpretación en lingua de signos, audiodescricións e programas de lectura fácil.

Motor da escena galega
Con máis de 100 funcións programadas, 40 delas en xira, e proxectos nun cento de concellos, a unidade de produción teatral da Xunta está a reforzar este ano o seu papel como motor da escena galega e a prol da creación de público en todo o territorio.

Así, ao longo de 2021 serán catro as producións propias, nove coproducións (entre elas, 'A lúa vai encuberta', que tamén este venres se estreará no Teatro Principal de Ourense a cargo de Incendiaria e A Quinta do Cuadrante), diversas residencias e outras iniciativas máis materializadas grazas á aposta pola colaboración con todos os axentes do sector, como a bolsa de dramaturxia e creación.

De cara á continuidade da temporada, a unidade de produción teatral da Xunta traballa en novos espectáculos. Ademais, o CDG está xa no proceso de selección dos elencos das vindeiras producións. Trátase dunha adaptación teatral de 'A peste', de Albert Camus, dirixida por Cándido Pazó, e de 'Ás 8 da tarde cando morren as nais', baixo a dirección de Marta Pazos a partir da dramaturxia de AveLina Pérez.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal