AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

TRÁTASE DUN SERVIZO GRATUÍTO PARA QUE A CATIVADA POIDA GOZAR DUN OBRADOIRO IMPARTIDO POR ELEA LÓPEZ NA FUNDACIÓN GRANELL MENTRES OS SEUS MAIORES ASISTEN AO ESPECTÁCULO

Iniciamos os Domingos de Conciliación de 'Neorretranca e posmorriña' con talleres de artes escénicas para nenas e nenos

[12/04/2019] O Centro Dramático Galego (CDG) inicia pasado mañá os Domingos de Conciliación asociados á representación da súa nova produción propia, Neorretranca e posmorriña, no Salón Teatro de Santiago. Trátase dun servizo gratuíto pensado para que as nenas e nenos gocen dun taller de artes escénicas mentres os seus maiores asisten ao espectáculo.

Neorretranca e posmorriña

Elea López, colaboradora habitual nas actividades infantís desenvolvidas polo Centro Dramático Galego, volverá ser a encargada de impartir estes obradoiros na Fundación Granell, onde a cativada pasará unha tarde entretida con xogos arredor dos monicreques, teatro de sombras e outras actividades relacionadas co oficio escénico.

Esta iniciativa, incluída no prezo da entrada, desenvolverase os domingos 14, 21 e 28 de abril e 5 de maio, de 17,30 a 21,00 h. O Centro Dramático Galego habilitou un máximo de 30 prazas para cada un dos días, que poden solicitarse tanto no despacho de billetes do Salón Teatro (aberto de xoves a sábado, de 18,30 a 20,30 h, e os domingos, de 16,00 a 18,00 h.) como no correo centro.dramatico.galego@xunta.gal e no teléfono 881 867 229 (de luns a venres, de 9,00 a 14,30 h.)

Neorretranca e posmorriña é o título da nova produción propia que a compañía pública estreou onte na súa sede compostelá baixo a dirección escénica de Gena Baamonde e cun elenco integramente feminino do que forman parte Ánxela Blanco, Areta Bolado, Olga Cameselle, Mercedes Castro, Raquel Espada, Anabell Gago, Atenea García, Andrea Quintana, María Roja e Laura Villaverde.

Esta proposta agrupa dúas pezas moi diferentes, tanto deste o punto de vista da dramaturxia como da súa estética, coa reflexión sobre a identidade galega como punto de partida común: Fantasía nº 5 en sol ou non, de Esther F. Carrodeguas, e Boisaca ou a divina desgraza, de Roi Vidal Ponte.

Funcións e venda de entradas
O espectáculo poderá verse ata o 5 de maio no Salón Teatro, onde o CDG levará a cabo 19 funcións. As de público xeral terán lugar de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, ás 18,00 h. Así mesmo, os asistentes terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo tras o pase dos xoves nos chamados Encontros co Público. En canto á campaña escolar, desenvolverase en pases matinais os días 23, 24 e 29 de abril para alumnado de institutos.

A venda anticipada de entradas está dispoñible a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443. A partir da estrea, poderán mercarse tamén no despacho de billetes da sede do Centro Dramático Galego, que abre ao público desde dúas horas antes do comezo de cada función. O seu prezo é de 10 euros de xoves a sábado, cos descontos habituais, e de 5 euros os domingos, Día do Espectador no Salón Teatro.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal