AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓN TEATRO ACOLLE CATRO PASES MATINAIS DESDE HOXE AO VENRES E OUTROS CATRO NAS TARDES DO XOVES AO DOMINGO

A sede do CDG en Santiago recibe a compañía Inversa Teatro para oito funcións do espectáculo 'Sofía e as postsocráticas'

[11/12/2018] O equipo da compañía Inversa Teatro inicia hoxe unha estadía de seis días no Salón Teatro de Santiago para ofrecer ata o domingo oito funcións do seu espectáculo Sofía e as postsocráticas, no que aborda a violencia machista e as causas estruturais do maltrato. Marta Pérez é a autora desta proposta, construída a partir de materiais de creación colectiva, ademais de dirixila e de formar parte do seu trío interpretativo xunto a María Roja e Silvia Penas.

Sofía es as postsocráticas

A nova montaxe de Inversa conta co apoio económico da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) a través das subvencións á produción escénica e preséntase esta semana na sede do Centro Dramático Galego (CDG) no marco do programa de residencias artísticas da compañía pública e da súa iniciativa de apoio á dramaturxia galega contemporánea Dramaturxente.

Sofía e as postsocráticas, que tivo a súa estrea oficial o pasado día 5 en Vigo tras unha preestrea no Culturgal de Pontevedra, chega a Santiago para desenvolver desde hoxe e ata o venres catro pases matinais, aos que asistirá alumnado de diferentes institutos galegos, e outros catro para público xeral nas tardes do xoves ao domingo.

Ademais, grazas á colaboración da sección galega da Plataforma Representativa Estatal de Persoas con Discapacidade Física (Predif Galicia), as dúas funcións do xoves 13 (11,30 e 20,30 h.) terán carácter inclusivo. Con tal fin, proporcionaranse audioguías e programas de lectura fácil, empregarase linguaxe de signos con dúas intérpretes sobre o escenario e haberá espazo para cadeiras de rodas.

Encontros co público
Tanto tras estas representacións inclusivas, como tras as matinais con asistencia de escolares, parte do equipo artístico de Sofía e as postsocráticas manterá un encontro co público para intercambiar impresións sobre o espectáculo e o seu xeito de abordar a violencia machista.

Nesta nova montaxe de Inversa Teatro, os filósofos Sócrates, Platón e Aristóteles suben a escena, interpretados por mulleres, na procura dun novo logos para establecer que é a violencia machista. Así mesmo, o emprego de máscaras e de diferentes elementos audiovisuais e sonoros contribúen a propoñer unha reflexión sobre a resposta e a responsabilidade social perante o maltrato. Cuestións como o pacto patriarcal, o silencio como resposta, o valor ontolóxico, a culpabilización da vítima, a negación ou o efecto espectador son os fíos argumentais polos que transitan as diferentes personaxes.

Ademais de Marta Pérez, María Roja e Silvia Penas á fronte de diferentes tarefas artísticas, tamén forman parte do equipo de Sofía e as postsocráticas Santi Romay (axudante de dirección), Montse Piñeiro (escenografía), Gonzalo Alonso (construción escenográfica), Laura Iturralde (videocreación), Ángel Sousa (iluminación), o dúo CintaAdhesiva que integran Jesús Andrés Tejada e Silvia Penas (espazo sonoro), Silvia Sánchez, de Le Chanelas, e Josefa Rivas (vestiario) e Manuel Outeiriño (voz en off).

Horarios e venda de entradas
Todos os pases matinais dan comezo ás 11,30 h., agás o de mañá mércores, que está programado para as 11,00 h. En canto ás representacións de tarde, terán lugar de xoves a sábado, ás 20,30 h., e o domingo, ás 18,00 h.

A venda anticipada de entradas para estas catro funcións xerais xa está operativa a través do web entradas.abanca.com. Tamén poderán adquirirse no despacho de billetes do teatro os propios días do espectáculo desde dúas horas antes do comezo.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal