AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

TERÁN LUGAR OS XOVES TRAS A FUNCIÓN DO ESPECTÁCULO

Comezan no Salón Teatro os Encontros co Público do equipo de 'Divinas Palabras Revolution'

[18/04/2018] O Centro Dramático Galego (CDG) retoma mañá as funcións para público xeral da súa nova produción propia, Divinas Palabras Revolution, que pode verse de xoves a domingo, ata o 29 de abril, na sede da compañía pública no Salón Teatro de Santiago. Mañá terá lugar, así mesmo, o primeiro dos dous Encontros co Público desta produción, durante os que os espectadores que asistan aos pases dos xoves terán a oportunidade de intercambiar impresións co equipo artístico do espectáculo ao remate da súa representación.

Divinas Palabras Revolution

Ademais desta iniciativa, con motivo da estadía de Divinas Palabras Revolution en Santiago o CDG puxo en marcha un novo servizo, denominado Domingos de Conciliación, para todas as persoas con nenos/as ao seu cargo que queiran asistir ao espectáculo.

Esta oferta -incluída no prezo da entrada- consiste nun obradoiro de artes escénicas na Fundación Granell, para idades comprendidas entre os 5 e 12 anos, onde os rapaces e rapazas poden pasar unha tarde entretida mentres os seus maiores asisten a Divinas Palabras Revolution no Salón Teatro. Para solicitar este servizo, de prazas limitadas, cómpre enviar un correo electrónico a centro.dramatico.galego@xunta.gal ou chamar ao teléfono 881 867 229, de luns a venres (agás festivos) de 9,00 a 14,00 h.

Os concursantes da casa
Xron dirixe esta adaptación, a primeira en idioma galego, da obra Divinas palabras de Valle-Inclán, que lle ofrece ao público unha ollada actual e crúa da traxicomedia valleinclaniana, ambientada aquí na "aldea global" fronte a "aldea" do orixinal. Así, na versión do CDG os personaxes que interpretan Patricia de Lorenzo, Manuel Cortés, Antón Coucheiro, Borja Fernández, Mónica García, Tone Martínez, Victoria Pérez, Ánxela Ríos e Tomé Viéitez participan nun concurso de telerrealidade, durante o que teñen que convivir nunha casa-plató vixiados polas cámaras as 24 horas.

Os horarios das funcións xerais de Divinas Palabras Revolution son de xoves a sábados, ás 20,30 h., e os domingos, Día do Espectador, ás 18,00 h. Así mesmo, os martes e mércores están a ter lugar os pases matinais concertados con institutos dentro da campaña escolar do espectáculo.

As entradas poden adquirirse de xeito anticipado a través do web entradas.abanca.com e do teléfono 902 434 443, así como no despacho de billetes do Salón Teatro desde dúas horas antes do comezo de cada función.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal