AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O ESPECTÁCULO REPRESENTARASE NO TEATRO NACIONAL D. MARIA II ATA O DOMINGO

Román Rodríguez asiste á representación de ‘Xardín suspenso’ en Lisboa, que pon fin a unha xira de dous meses

[28/05/2015] O conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, asistiu esta noite á representación de ‘Xardín suspenso’ en Lisboa, un acto que pon o punto e final a dous meses de xira por Galicia. Dende o pasado marzo, o Centro Dramático Galego (CDG), dependente da Consellería, levou esta montaxe -dirixida por Cándido Pazó a partir da obra do dramaturgo portugués Abel Neves- por unha decena de concellos galegos. Santiago, Narón, O Barco de Valdeorras, A Estrada, Pontevedra, Vigo, Tui, Rianxo, Ourense e A Coruña acolleron as diferentes funcións deste recoñecido drama luso.

Xardín Suspenso

A adaptación ao galego de ‘Xardín suspenso’, gañadora en 2009 da terceira edición do concurso teatral máis importante da lusofonía -o Prémio Luso-Brasileiro de Dramaturgia António José da Silva- é froito dun acordo institucional para o intercambio de autores propios entre o CDG, a unidade de produción teatral da Agadic, e o Teatro Nacional D. María II (TNDM II) lisboeta.

En virtude deste marco de traballo conxunto, o TNDM II estreou ‘Saxo Tenor’, do autor galego Roberto Vidal Bolaño, mentres que a compañía de teatro pública de Galicia fixo o propio coa obra de Abel Neves no Salón Teatro compostelán, onde se representou desde o día 13 ata o 29 do pasado mes de marzo.

Neste contexto de colaboración, á vez que a sala Garrett do teatro luso acolle dende hoxe e ata o día 31 a montaxe do CDG, o espectáculo portugués -baixo o título de ‘Sax Tenor’- chegará ata o Teatro Principal de Santiago mañá e pasado. Ambos os dous casos son unha mostra do éxito do diálogo institucional na posta en común entre dous teatros nacionais arredor dun mesmo texto.

Labirinto de emocións
César Cambeiro, Melania Cruz, Rocío González, Luisa Merelas, Santi Romay e Ana Santos dan vida a ‘Xardín suspenso’, unha obra que introduce o espectador nun labirinto de emocións desde o que lle propón un xogo de enigmas arredor do que lle acontece a Lucía, a personaxe interpretada por Melania Cruz. A cuestión central da peza reside na seguinte pregunta: "Ata onde pode levar a constancia e a fidelidade absoluta a unha promesa de amor incumprida?"

Ademais do elenco, no equipo artístico que Pazó dirixe para o CDG atópanse recoñecidos profesionais da escena galega como Carlos Alonso (encargado da escenografía e figurinismo), Manuel Riveiro (composición musical), Afonso Castro (iluminación), Martina Cambeiro (maquillaxe) e Belén Pichel (asistente de dirección).

Estreitar lazos en materia de cultura
Aproveitando esta viaxe á capital lusa, Román Rodríguez reunirase mañá venres co secretario de Estado de Cultura do Goberno de Portugal, Jorge Barreto Xavier, co obxectivo de abordar e poñer en común as liñas en materia de cultura que están desenvolvendo tanto o Executivo galego como o portugués. Ademais, o conselleiro tamén manterá un encontro institucional co embaixador de España en Lisboa, Eduardo Junco, antes de regresar á Comunidade galega.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal