AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O SALÓN TEATRO ACOLLE MAÑÁ AO MEDIODÍA A PRESENTACIÓN DAS BASES DA XXXII EDICIÓN DO GALARDÓN QUE CONVOCA CADA ANO O CERCLE ARTÍSTIC CIUTADELLA DE MENORCA

A obra gañadora do prestixioso Premio Born de textos teatrais terá por vez primeira unha versión publicada en galego

[20/04/2007] O Salón Teatro de Santiago de Compostela acolle mañá sábado 21 de abril ás 12.00 do mediodía a presentación das bases que rexerán a XXXII convocatoria do Premio Born de Teatro 2007. Trátase dun dos galardóns para textos dramáticos de maior dotación de cantos se convocan en España, xa que está remunerado con 18.500 euros, ademais de conlevar a edición da obra gañadora que, por primeira vez na historia do premio, poderá ser traducida e publicada en galego, froito dun convenio de colaboración asinado coa Revista Galega de Teatro (RGT).

O acto, organizado polo Cercle Artístic de Ciutadella e o Centro Dramático Galego (CDG), contará coa intervención de Néstor Rego, concelleiro de Cultura de Compostela, Llorenç Brondo, alcalde de Ciutadella de Menorca, Damián Borrás, vicepresident e primer conseller de Presidencia y Movilidad del Consell Insular de Menorca, Antoni Juaneda, director general de Relaciones Institucionales del Govern de les Illes Balears, Esperança Pons, presidenta do Cercle Artístic de Ciudatella, Cristina Domínguez Dapena, directora do Centro Dramático Galego e Antón Lamapereira, director da RGT.

Tralas intervencións, os responsables de Primer Acto e da Revista Galega de Teatro presentarán a edición de Origami, título da obra coa que o escritor Carlos Be gañou o Premio Born 2006. Precisamente, a RGT será a publicación que editará a versión galega do próximo texto distinguido con este galardón, o que suporá a súa tradución a todos os idiomas oficiais do estado español, xa que até agora xa se viña difundindo en castelán, catalán e euskera.

MÁIS DE TRINTA CONVOCATORIAS

Creado en 1970 polo Cercle Artístic, Sociedade Cultural de Ciutadella de Menorca, o Born rebasou as trinta convocatorias e é hoxe en día un dos máis recoñecidos da escena española, que gañaron en anteriores edicións autores como Juan Mayorga, Antonio Álamo ou Jordi Galcerán, entre outros.

Nas bases do galardón especifícanse aspectos como que os orixinais poderán concorrer escritos en calquera das dúas linguas oficiais da Comunidade Autónoma das Illes Balears e que os autores poderán presentar baixo lema cantas obras desexen, sempre que non fosen publicadas, representadas nin premiadas con anterioridade. Admitiranse traballos feitos en colaboración entre varios dramaturgos. O prazo de admisión remata o 31 de xullo de 2007 e o ditame do xurado farase público o 24 de novembro de 2007.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal