AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

REPRESENTARASE ESTE XOVES 13, ÁS 20.30 HORAS

O espectáculo 'Novas diretrizes em tempos de paz' da Escola da Noite abre no Salón Teatro a segunda parte do programa Troco x Troco de intercambio con Portugal

[11/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria presenta este xoves día 13 no Salón Teatro de Santiago a compañía portuguesa A Escola da Noite co seu espectáculo ‘Novas diretrizes em tempos de paz’. Con esta función do grupo de Coimbra, que terá lugar ás 20.30 horas, dá comezo a segunda quenda de programación da edición inaugural do circuíto Troco x Troco para o intercambio teatral entre Portugal e Galicia.

Novas diretrizes em tempos de paz

Cultura e Educación promove, a través da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais) e en colaboración coa asociación portuguesa Cena Lusófona, este primeiro programa teatral compartido entre oito escenarios galegos e portugueses coa participación doutras tantas compañías de ambos os países. Tras unha primeira entrega entre os pasados meses de outubro e novembro, as novas citas da súa carteleira inclúen tamén as actuacións da Escola da Noite o venres 14 no Teatro Municipal de Tui, o sábado 15 no Pazo da Cultura de Narón e o domingo 16 no Teatro Principal de Ourense. Ademais, Troco x Troco traerá o Centro Dramático de Évora (Cendrev) a Galicia en maio para representar ‘Autos da Revolução’, de Lobo Antunes.

Obra premiada
António Augusto Barros, director da Escola da Noite e presidente da Cena Lusófona, é así mesmo o responsable da posta en escena de ‘Novas diretrizes em tempos de paz’ a partir da obra do dramaturgo brasileiro Bosco Brasil, considerada un dos fitos da dramaturxia contemporánea do país suramericano. O texto, distinguido en 2002 cos premios Shell e APCA (Associação Paulista de Críticos de Arte), ten sido amplamente representado no seu país, onde tamén foi levado ao cine da man do director Daniel Filho na película ‘Tempos de paz’.

Os actores Igor Lebreaud e Jorge Loureiro interpretan unha historia que transcorre no porto de Río de Janeiro o 18 de abril de 1945, cando a II Guerra Mundial está próxima ao seu fin. Dan vida a Clausewitz, un emigrante polaco que acaba de desembarcar tras cruzar o Atlántico, e a Segismundo, o axente da aduana que, desconfiando das intencións do estranxeiro, lle propón un desafío. Este reto levará os dous personaxes a confrontar as súas memorias: dunha banda, un actor que perdeu familiares e amigos e doutra, un ex-torturador que sempre cumpriu ordes superiores.

Encontro previo na Escola Oficial de Idiomas
Con motivo da representación de ‘Novas diretrizes em tempos de paz’ e afondado na liña de colaboración que manteñen o Centro Dramático Galego e a Escola Oficial de Idiomas (EOI) de Santiago de Compostela, António Augusto Barros protagonizará mañá mércores, a partir das 18.30 horas, un encontro cos alumnos dos diferentes niveis de Portugués que se imparten neste centro. O director da EOI, Gonzalo Constenla, será o encargado de presentar o convidado, quen achegará aos estudantes a obra de Bosco Brasil e as claves da versión realizada pola Escola da Noite, ao tempo que debullará os principais trazos da actualidade teatral do seu país.

As entradas para a función de ‘Novas diretrizes en tempos de paz’ no Salón Teatro están xa á venda a través da web entradas.novagaliciabanco.es e da billeteira do Teatro Principal, aberta ao público de 18.00 a 21.00 horas. Poderán adquirise, ademais, no despacho de billetes do Salón Teatro o mesmo xoves desde as 18.30 horas. O seu prezo é de 10 euros, con descontos do 40% para estudantes, xubilados, desempregados, usuarios do carné xoven e determinados colectivos profesionais.

Este espectáculo forma parte, así mesmo, da oferta do Bono de Teatro Galego e Portugués, promovido conxuntamente pola Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic) e o Concello de Santiago. O prezo deste bono, que pode mercarse nos devanditos despachos de billetes, é de 35 euros para un total de 5 funcións.

Nesta programación bonificada inclúese tamén a montaxe ‘Gita all’Inferno’ da compañía italiana Akròma Teatro Stabile d’Innovazione que, procedente de Sardeña, actuará no Salón Teatro este sábado día 15, ás 20.30 horas.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal