[07/02/2014] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria iniciou esta semana o período de ensaios de ‘Longa viaxe cara á noite’, a versión en galego da coñecida obra do estadounidense Eugene O’Neill, que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará no Salón Teatro de Santiago o sábado 22 de marzo.
Ademais e co obxectivo de compartir co público o desenvolvemento deste proceso artístico e técnico, Cultura e Educación acaba de poñer en marcha un blog no enderezo longaviaxecaraanoite.wordpress.com, no que se irán detallando as principais novidades e curiosidades arredor da creación, estrea e xira do espectáculo.
Esta será a produción central da temporada 2013-14 da compañía da Xunta de Galicia, que este ano conmemora o trixésimo aniversario da súa fundación. A través desta montaxe e da man do seu director, Manuel Guede Oliva, achégase por vez primeira á literatura dramática norteamericana a través dun drama autobiográfico que moitos especialistas consideran un dos cumios creativos do seu autor -gañador de catro premios Pulitzer e do Nobel de Literatura- e, en consecuencia, do teatro universal.
Carga dramática
Desde o pasado luns, Manuel Guede traballa xunto ao elenco de catro actores -Gonzalo Uriarte, Luísa Merelas, Marcos Viéitez e Alberto Rolán- a interpretación deste texto de gran carga dramática que narra un día na vida dos Tyrone, unha familia norteamericana quebrada polas frustracións e os vicios na que O’Neill recolle moitos dos trazos da súa propia familia.
Ao tempo, a Consellería, a través do seu CDG, avanza na construción da escenografía que deseñou Rodrigo Roel, así como do resto de elementos que contribuirán a dar forma á montaxe e que, nesta ocasión, asina o equipo técnico habitual da unidade de produción teatral de Cultura e Educación por medio da súa Axencia Galega das Industrias Culturais.
Tanto no blog como na web do CDG (www.centrodramatico.org) estará dispoñible puntualmente toda a información relativa a esta primeira produción de 2014, así como os diferentes materiais promocionais e de apoio á súa exhibición. É o caso do caderno pedagóxico, elaborado para a campaña escolar do espectáculo pola axudante de dirección, Inma António Souto, e dispoñible xa para a súa descarga cara ao traballo previo dos profesores e alumnos de bacharelato que asistan ás funcións matinais concertadas con diferentes institutos galegos.
Tamén desde o blog e a web pódese acceder á venda electrónica de entradas, que acaba de ser habilitada na billeteira entradas.novagaliciabanco.es para as funcións xerais de ‘Longa viaxe cara á noite’ no Salón Teatro, onde permanecerá en cartel ata o domingo 6 de abril.