[24/02/2007] A Feira Europea de Teatro para Nenos e Nenas (FETÉN), a máis importante mostra escénica especializada en teatro infantil e xuvenil que se celebra en España, incluíu no programa da súa edición de 2007 unha función da última produción do Centro Dramático Galego (CDG), Tarará-Chis-Pum!, que terá lugar o luns 26 de febreiro ás 10:30 horas no Teatro Jovellanos, principal sede do certame.
Na actual edición da FETÉN, que se desenvolve en 6 escenarios da cidade asturiana do 25 de febreiro ao 2 de marzo, exhiben os seus espectáculos 50 compañías de teatro e danza escollidos especialmente doutras Comunidades autónomas e do extranxeiro; e danse cita os principais axentes artísticos e de contratación no tocante a teatro para rapaces a nivel europeo. O CDG, que preparou ex profeso a versión en castelán de Tarará-Chis-Pum!, inaugura a segunda xornada desta feira, na que tamén están programadas propostas procedentes de Bélxica, Cataluña, Castela-León, Andalucía, Madrid e País Vasco.
A compañía pública galega estreou esta montaxe o pasado día 2 en Vigo, e mantena actualmente en distribución nos escenarios galegos con representacións tanto para escolares como para público familiar. De feito, á volta de Xixón continuará coa súa xira por A Coruña, Santiago, Narón e Foz.
Tarará-Chis-Pum! ofrece unha nova versión do espectáculo homónimo representado en 1978 por Artello Teatro, considerado como a primeira montaxe para público infantil producido polo teatro profesional galego. Case trinta anos despois, o CDG recupera a peza, mantendo no esencial a súa estrutura dramática e, sobre todo, o espírito de creación colectiva. Con esta nova posta en escena e cun novo elenco integrado agora maioritariamente por actores mozos, trata de facer unha invitación ao xogo baseado na imaxinación, na ilusión ou na vontade de cadaquén.
Anabel Gago, Avelino González, Bea, Noemi Rodríguez, Fran Peleteiro, Manuel Polo e José Carlos Illanes compoñen o cadro actoral baixo a dirección compartida de Rosa Hurtado e Santiago Montenegro, de Artello–Teatro Alla Scala 1:5. Xunto a eles, outros membros do equipo artístico como Carlos Alonso (espazo escénico e vestiario), Manuel Pombal (dirección musical), Santi Mañasco (iluminación, xunto a Santiago Montenegro) ou Santos Carrrera (atrezzo) asinan a nova proposta.