AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

PRESENTARÁ 12 TEMAS INÉDITOS E REPASARÁ OS SEUS DOUS TRABALLOS ANTERIORES ACOMPAÑADO DUNHA BANDA DE RECOÑECIDOS MÚSICOS E DE VARIOS ARTISTAS CONVIDADOS

O cantautor Xosé Constenla gravará un disco ao vivo no seu concerto deste venres no Salón Teatro

[26/06/2013] O Salón Teatro da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria será o escenario este venres 28, ás 21.00 horas, do concerto "Xosé Constenla ao vivo", durante o que o cantautor compostelán gravará en directo o seu novo traballo discográfico. Con este recital culmina, ademais, a xira que vén desenvolvendo desde primeiros de ano xunto ao pianista Javier Constenla e durante a que actuou noutros 18 espazos de toda Galicia.

Xosé Constenla

Para esta ocasión especial, o intérprete estará arroupado por unha banda de recoñecidos músicos na que, ademais de Javier Constenla aos teclados, figuran Leo Gianetto ás guitarras, Kike Calzonetti ao baixo e Rober Vázquez á batería.

Esa noite tamén acompañarán a Xosé Constenla varios artistas convidados, entre os que se atopan dous importantes referentes na súa carreira: o cantautor madrileño Javier Bergia, con máis de 12 discos en solitario e colaborador habitual de Ismael Serrano, e o cantante e compositor catalán Litus. Contará, así mesmo, coa participación de músicos galegos como Luis Soto, frautista da Real Filharmonía de Galicia e do Taller Atlántico Contemporáneo, e os cantautores Roberto Sobrado e César de Centi.

O equipo técnico do Centro Dramático Galego (CDG) colaborará na realización deste concerto, durante o que Pablo Barreiro se encargará da gravación de son e Tingalaranga e Picnic Ideas Felices da recollida de vídeo. O resultado será un CD e DVD, para cuxa edición púxose en marcha unha campaña de crowdfunding a través da que ser recadaron máis de 3.000 euros en achegas individuais.

Reserva e venda de entradas
As entradas para a actuación deste venres poden adquirirse na Reixa Tenda e no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto o mesmo venres de 11.00 a 14.00 horas e de 17.30 a 20.30 horas. Habilitouse, ademais, un sistema de reserva de localidades a través da páxina web www.xoseconstenla.com. O seu prezo é de 10 euros en venda anticipada e de 12 euros o día da actuación, en ambos os casos con descontos para estudantes, persoas en situación de desemprego, xubilados e profesionais das artes escénicas que acrediten a súa condición.

Nado en Compostela en 1980, Xosé Constenla asume con naturalidade a definición de cantautor xa que, de feito, a súa música está directamente vinculada co sentido de compromiso social. Xa desde pequeno gustaba de escribir narrativa e poesía, gañando preto dunha ducia de premios literarios, ao tempo que comezaba a entrar en contacto cos grandes cantautores ibéricos e latinoamericanos.

Con 16 anos compón os seus primeiros temas musicais e ao ano seguinte lánzase a actuar en locais de Santiago. Hoxe, 16 anos despois daqueles inicios, é un habitual das escena musical compostelá e galega, ademais de visitar coa súa guitarra diferentes espazos e salas de Cataluña, Castela e León, Asturias e Madrid.

Discografía
O disco que gravará en directo no Salón Teatro será o terceiro da súa traxectoria, tras Quen fixo berrar o silencio (2005) e Olladas dun entusiasta (2008). Editado polo seu propio selo, Setestrelo Editora, para este segundo traballo contou coa colaboración de Javier Bergia no tema Aínda estamos a tempo. Con este cantautor madrileño mantén desde 2006 un proxecto común baixo o título Desbandados, no marco do que teñen ofrecido máis de 20 concertos xuntos.

En 2011 Xosé Constenla inicia un intenso período creativo durante o que compón máis de 30 cancións, sen abandonar nunca o contacto co público a través dos directos. De feito, o concerto deste venres en Santiago porá o colofón a unha intensa xira e ao proxecto de edición do seu disco ao vivo, actividade que está a combinar coa recuperación e revisión de temas compostos entre 1998 e 2003 para a súa gravación nun formato acústico.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal