[03/05/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria coproduce, a través do Centro Dramático Galego (CDG), o espectáculo BailadELAS. Mulleres bolañesas, que Teatro Antroido estrea mañá sábado ás 21.00 horas no Auditorio Municipal de Rianxo. A compañía coa que Roberto Vidal Bolaño iniciara hai 35 anos o proceso de profesionalización teatral en Galicia regresa agora aos escenarios cunha proposta en homenaxe ao seu fundador, da man da actriz Laura Ponte, codirectora xunto a el da formación orixinal, e de Roi Vidal, o fillo de ambos.
A montaxe insírese, ademais, na programación especial que Cultura e Educación está a desenvolver durante este ano arredor da figura e da obra do dramaturgo compostelán, que protagoniza o Día das Letras Galegas e ao que o CDG dedica en exclusiva o seu plan de actividades de 2013.
Baixo a dirección escénica de Xavier Estévez, Laura Ponte asume a interpretación en solitario de BailadELAS, escrita por Roi Vidal a partir das personaxes femininas de cinco obras representativas da creación teatral de Vidal Bolaño: Laudamuco, señor de ningures, Saxo tenor, Rastros, Criaturas e Bailadela da morte ditosa, obra esta última á que se refire o xogo de palabras que establece o título deste novo espectáculo.
A proposta debulla as liñas mestras que caracterizan as personaxes femininas do autor compostelán e demostra, neste sentido, ata que punto a muller atopa no conxunto da súa produción dramática un papel en sintonía coa exaltación da dignidade e coa loita pola liberdade como temáticas recorrentes do universo bolañano.
Monólogos femininos
O espectáculo articúlase arredor de diferentes monólogos, presentados e ensamblados entre si por unha personaxe central -inspirada en Sen ir máis lonxe, outro dos textos do dramaturgo- a través da conversa sobre o ben e o mal, o xusto e o inxusto, que mantén cun interlocutor mudo. Tamén o resto das mulleres desta montaxe achéganlle ao espectador un gran abano de liñas argumentais moi presentes na obra de Roberto Vidal Bolaño: o poder liberador da revolución diante do servilismo, a xente sen esperanza, a afouteza e a incredulidade ante metas utópicas, o amor e o desamor, a soidade non elixida ou a crítica retranqueira, entre outras.
En xira
Tras a súa estrea mañá no Auditorio Municipal de Rianxo, BailadELAS. Mulleres bolañesas iniciará unha ampla xira galega para a que ten confirmadas funcións nunha decena de localidades: Narón (Pazo da Cultura, 9 de maio), Ponteareas (Auditorio Municipal Reveriano Soutullo, 12 de maio), Ourense (Auditorio Municipal, 16 de maio), Santiago de Compostela (Teatro Principal, 13 e 14 de maio para escolares e 18 e 19 de maio para público xeral), Vilagarcía de Arousa (Auditorio Municipal, 15 de maio), Ames (Casa da Cultura do Milladoiro, 24 de maio), Brión (Centro Social Polivalente, 25 de maio), Betanzos (Aula Municipal de Cultura, 26 de maio), Lalín (Salón Teatro, 31 de maio) e Redondela (Multiusos da Xunqueira, 9 de xuño).
Xa a finais de ano, o espectáculo poderá verse no Salón Teatro de Santiago (19, 20 e 21 de decembro) na recta final da programación que o Centro Dramático Galego dedica a Roberto Vidal Bolaño e durante a que tamén se exhibirá a nova montaxe de Criaturas, a cargo de Teatro do Aquí e en coprodución coa compañía institucional da Xunta de Galicia.
Fito no teatro profesional galego
Roberto Vidal Bolaño e Xaquín García Marcos crearon en 1974 Teatro Antroido como grupo non profesional, ao que axiña se uniría a actriz Laura Ponte. Con esta compañía, o autor compostelán e a intérprete de moitas das súas primeiras obras deron o paso cara á profesionalización e protagonizaron un dos fitos na historia recente da escena galega: a estrea o 16 de maio de 1978 de Laudamuco, señor de ningures, que sinala o inicio do teatro profesional en Galicia.
A compañía estendeu a súa traxectoria ata mediados dos anos oitenta e levou a escena unha decena de títulos escritos por Vidal Bolaño, como Memoria de mortos e ausentes, Bailadela da morte ditosa, Touporroutou da lúa e do sol ou Caprice des dieux, ademais de poñer en marcha a cooperativa Teatro do Estaribel xunto a Teatro Andrómena.