AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

O PERCORRIDO DÁ COMEZO COAS FUNCIÓNS DO VENRES 3 NO TEATRO MUNICIPAL LAURO OLMO DO BARCO DE VALDEORRAS E O DOMINGO 5 NO TEATRO PRINCIPAL DE OURENSE

Cultura e Educación inicia na provincia de Ourense a xira do espectáculo do Centro Dramático Galego "Días sen gloria", de Roberto Vidal Bolaño

[30/04/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria comeza na provincia de Ourense a xira da produción do Centro Dramático Galego (CDG) Días sen gloria, versión da obra de Roberto Vidal Bolaño dirixida por Fefa Noia, que esta semana se representa no Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras e no Teatro Principal de Ourense.

Presentación en Ourense de 'Días sen gloria'

Manuel Guede Oliva, director do CDG; Olga Mojón, directora do Teatro Principal, e Manuel Manquiña, actor protagonista deste espectáculo, presentaron este mediodía as funcións que a compañía institucional ofrecerá na cidade das Burgas o domingo 5 de maio ás 19.00 horas para público xeral e o luns 6 ás 11.00 horas para escolares. Días sen gloria chegará a Ourense inmediatamente despois do seu encontro co público do Barco, onde será representado o venres 3 ás 21.00 horas, ademais de ofrecer un pase concertado con centros escolares o xoves 2 ás 11.00 h.

Día das Letras 2013
Tras unha estadía dun mes no Salón Teatro de Santiago, o CDG inicia así o percorrido da súa versión dunha das obras mestras de Roberto Vidal Bolaño, que exhibirá ata mediados de xuño en dez escenarios galegos e un portugués. Trátase, ademais, da proposta escénica central na programación que a Consellería de Cultura e Educación lle dedica durante este ano ao autor compostelán, primeiro profesional da escena ao que se homenaxea no Día das Letras Galegas.

Xunto con Manuel Manquiña, Eva Souto, Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta poñen en escena esta nova versión do texto gañador do Premio Rafael Dieste en 1999, que a compañía de Vidal Bolaño Teatro do Aquí levara ás táboas hai vinte anos co propio autor no papel protagonista. Trátase, ademais, dunha das obras que mellor resume o universo bolañano, cos seus personaxes e ambientes marxinais, a épica da derrota como temática recorrente e onde se reflicten, así mesmo, as súas recoñecidas influencias cinematográficas.

Días sen gloria é a historia de dous antiheroes que comparten unha viaxe sen retorno, ambientada no Camiño de Santiago como territorio no que o paradigma amor-morte se converte en atmosfera inquietante. Ambos os dous compartirán trinta días de viaxe física e emocional, que sobre as táboas se desenvolve a través dunha trintena de escenas concentradas en pouco máis de hora e media de función, con 25 personaxes para cinco actores e 50 espazos nun mesmo escenario.

Manuel Manquiña, un dos actores galegos máis coñecidos, e Eva Souto, unha das novas caras da nosa escena, son El e Ela, dous personaxes anónimos e derrotados que peregrinan a Compostela na procura de cadansúa utopía. Ela é unha prostituta nova e inxenua, que pretende darlle alcance ao cabaleiro que a enganou ao non lle pagar polos servizos amatorios de dúas semanas. El é un gallofo vello, coñecedor de todos os atallos e ameazas da ruta xacobea, que accede a acompañala a cambio de cartos para acabar enfrontando xuntos un destino que xa na primeira escena se presenta como inevitable.

Espazo sonoro en directo
Sairanlles ao paso cegos, tolos, esmoleiros, prostitutas e predicadores, así como o propio cabaleiro e o seu círculo, todos eles interpretados por Borja Fernández, Felisa Segade e Sergio Zearreta. A experiencia musical destes tres intérpretes -Felisa Segade como integrante de Leilía e Brincadeira e Borja Fernández e Sergio Zearreta tanto en proxectos de teatro musical como á fronte das bandas Soy Un Árbol e Lamatumbá, respectivamente- permítelles asinar tamén o espazo sonoro do espectáculo que, máis alá dun mero acompañamento musical, recrea en directo a tradición popular a partir das cantigas que se recollen no texto e coa incorporación doutras novas.

Este importante reto escénico supón, ademais, o regreso ao teatro galego de Fefa Noia, directora compostelá afincada en Madrid e cunha intensa traxectoria profesional vinculada a Teatro de la Abadía, Centro Dramático Nacional, Compañía Nacional de Teatro Clásico, EscénaTe e á súa compañía Los Lunes, entre outras formacións. Para a súa materialización, contou coa escenografía a base de cordames móbiles ideada por Baltasar Patiño, a iluminación de Pedro Yagüe e o vestiario de Alejandro Andújar, así como coa asistencia na dirección de Roi Vidal, fillo do autor.

Venda de entradas
A venda anticipada de entradas para a función deste domingo en Ourense está dispoñible na web http://entradas.novagaliciabanco.es e no teléfono 902 434 443. Tamén poden adquirirse no despacho de billetes do Teatro Principal, que abre o sábado e o domingo de 11.00 a 13.00 h e unha hora antes do comezo do espectáculo. O prezo das localidades sitúase entre os 6 e os 12 euros, con descontos para usuarios do carné xove, do carné de estudante, maiores de 65 anos e desempregados sen prestación.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal