AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

ORGANIZADA POLA AULA DE TEATRO DA USC, AMOSA OS ÚLTIMOS TRABALLOS ESCÉNICOS DE 16 COMPAÑÍAS UNIVERSITARIAS GALEGAS

O Salón Teatro ofrece dez funcións da XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia

[29/04/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria colabora na celebración da XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia a través da cesión do Salón Teatro de Santiago para acoller 10 representacións que terán lugar desde hoxe e ata o mércores 8 de maio como parte desta carteleira, que a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) está a desenvolver en diferentes espazos da cidade.

motug

A sede do Centro Dramático Galego (CDG) repite un ano máis como escenario desta programación, que se estende tamén ao Teatro Principal e a Sala de Teatro Roberto Vidal Bolaño do Campus Sur para ofrecer un total de 16 representacións das montaxes que as compañías teatrais da USC, ademais das convidadas das universidades de Vigo e da Coruña, estiveron preparando durante este curso académico.

Homenaxe Vidal Bolaño
Roberto Vidal Bolaño, o autor ao que este ano se lle dedica o Día das Letras Galegas, ten tamén unha destacada presenza no programa da décimo cuarta edición da mostra, que presenta en Santiago as propostas realizadas polas aulas de teatro das tres universidades galegas a partir de diferentes obras do dramaturgo compostelán e inseridas, así mesmo, na programación bolañana que Cultura e Educación está a desenvolver a través do Centro Dramático Galego. Ademais da cesión de atrezzo e de material escenográfico para a súa produción, estas montaxes contaron co apoio da compañía institucional na súa distribución polos diferentes festivais universitarios da nosa Comunidade.

No caso da Mostra de Teatro Universitario de Galicia, o Teatro Principal acolle mañá martes 30 ás 19.30 horas a montaxe Vidal Bolaño 2013, da Aula de Teatro Universitaria de Ourense-Compañía de Teatro Cordelia (2º nivel) con dirección e dramaturxia de Elena Seijo e Fina Calleja, e o xoves 2 de maio, á mesma hora, A burla do galo pola Aula de Teatro da Universidade da Coruña-TeatroNORMAL con dirección de Rubén Ruibal. Ademais, o Salón Teatro exhibe o vindeiro domingo día 5 ás 21.00 horas Animaliños, que a Compañía de Teatro da USC-Lugo leva a escena baixo a dirección de Paloma Lugilde e que vén de obter os premios do xurado e do público na Mostra Internacional de Teatro Universitario (Miteu) de Ourense.

Carteleira
No espazo que xestiona o CDG a programación desta edición dá comezo esta noite cunha lectura dramatizada a partir doutra obra de Vidal Bolaño, Anxeliños, comedia satánica, a cargo de Arte Maior. A compañía Tolemia escenificará o martes día 30 a montaxe Soños dun sedutor, de Woody Allen, á que lle seguirá Teatro da Falúa o mércores 1 de maio con outra proposta a partir dunha obra dun cineasta: Noite na terra, de Jim Jarmush.

Nefelococigia: A cidade das nubes e dos cucos é o título do espectáculo que Espírito Áspero realizou a partir de Aves de Aristófanes e que presentará o xoves 2 no Salón Teatro, onde o venres 3 actuará tamén Artías Teatro con Dixo pene (nai que os pariu), baseada en Criaturas de T de Teatre.

Sigillatos Galaicos representará o sábado 4 a creación colectiva En-Caixa-Dos, mentres que o luns 6 será a quenda de Pinchacarneiro con Proxecto 45, tamén de autoría compartida polos integrantes da compañía. Ao día seguinte, o grupo Las Civas presentará ao público o espectáculo XX e o mércores 8 Nnc Teatro protagonizará a última cita do cartel coa súa versión de Santa Perpetua de Laia Ripoll.

Todos os espectáculos programados no Salón Teatro dentro da XIV Mostra de Teatro Universitario de Galicia dan comezo ás 21.00 horas. As entradas para asistir ás súas representacións son de balde, previo paso polo despacho de billetes, que permanecerá aberto desde as 19.00 horas.


Documentación

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal