[30/05/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrecerá durante o mes de xuño no Salón Teatro de Santiago unha carteleira teatral e musical na que se insiren as propostas de seis formacións artísticas e que dá comezo este venres 1 e o sábado 2, ás 20.30 horas, coa posta en escena de Área de descanso, o primeiro espectáculo do dúo Gayo Pinheiro.
Esta nova programación mensual inclúe, asemade, a única representación en España da brasileira Companhia do Feijão coa súa galardoada montaxe Mire Veja, adaptación libre da novela Eles eram muitos cavalos, de Luiz Ruffato, que a formación de São Paulo representará no Salón Teatro o martes 5 de xuño. Completan esta oferta tres funcións de O fútbol é así a cargo de Obras Públicas, do venres 8 ao domingo 10, así como os concertos de Ugía Pedreira e Fred Martins (xoves 7), Loaira (xoves 14) e O Coro da Rá (sábado 16 e domingo 17).
Ollada mordaz, cómplice e feminina
Clara Gayo e Iria Pinheiro son as integrantes do dúo Gayo Pinheiro e as dúas intérpretes de Área de descanso, espectáculo inspirado no xénero do cabaré que ofrece unha visión mordaz, cómplice e feminina da actualidade e dos problemas dun sistema económico e social esencialmente dominado por homes no que non atopan o seu lugar.
Tras escapar con vida dunha academia de oposicións e tras unha breve e axitada visita á oficina do INEM, as dúas mulleres protagonistas deciden romper con todo e lanzarse a unha aventura incerta polas estradas do país, "protagonizando -en palabras da propia compañía- escenas inventadas por elas mesmas, inspiradas nas iconas máis representativas do cine e da televisión e nas que versionan ao seu modo o papel das mulleres na literatura e os filmes, cansas dos eternos argumentos pasivos que tradicionalmente lles outorgan".
Artistas multidisciplinares en ambos casos, Clara Gayo (actriz, dramaturga, artista visual) e Iria Pinheiro (actriz, bailarina, cantante) inician con Área de descanso unha aventura conxunta a través da que buscan orientar os códigos tradicionalmente empregados no ámbito cabaré cara a un discurso onde o rol feminino, o seu corpo e o seu pensamento son expostos sen caer nos roles e estereotipos que tradicionalmente caracterizan este tipo de espectáculos.
Cunha linguaxe sinxela e mesmo achegada ao absurdo, estas dúas mulleres falan, opinan, critican e analizan todo con acidez e ironía, tomando partido diante do que acontece, sempre desde a súa propia natureza e razón de ser, e parodiando por momentos os roles masculinos típicos, pero sen deixar que estes acaben sendo os protagonistas pasivos.
Mosaico de micro-historias paulistas
A continuación, a Companhia do Feijão presentarase no Salón Teatro despois de ter participado con Mire Veja na Mostra São Palco que se desenvolve na cidade portuguesa de Coimbra. Esta proposta, pola que a formación brasileira recibiu o premio da APCA (Associação Paulista de Críticos de Arte) ao mellor espectáculo e o premio Shell pola concepción e creación do mesmo, está configurada arredor dun total de 24 historias curtas, fragmentadas e entrelazadas, que falan da vida no corazón da metrópole. Trátase dun mosaico de micro-historias urbanas vividas por brasileiros anónimos no tempo imposible da cidade de São Paulo. En Santiago de Compostela, única parada española nesta viaxe a Europa, a Companhia do Feijão actuará o vindeiro martes día 5, ás 20.30 horas.
As entradas para asistir ás funcións de xuño no Salón Teatro de Santiago xa están á venda a través da billeteira electrónica da web http://entradas.novagaliciabanco.es ou do teléfono 902 43 44 43, así como no despacho de billetes do teatro, que abre dúas horas antes do comezo de cada actuación. No caso das representacións de Área de descanso e Mire Veja, o prezo das localidades é de 10 euros cun desconto do 40% para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais.