AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

INSERIDO NA CARTELEIRA DO SALÓN TEATRO DE SANTIAGO, O SEU "BATALLÓN LITERARIO" SAIRÁ ÁS 12.00 HORAS DESDE O ESPAZO ESCÉNICO QUE XESTIONA O CENTRO DRAMÁTICO GALEGO

A Consellería de Cultura e Educación suma o CDG á celebración do Día das Letras Galegas coa 'Ronda poética' da Compañía Femme Fatale

[16/05/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria suma ao programa xeral de actividades que está a desenvolver no marco da celebración do Día das Letras Galegas 2012 a Ronda poética que a Compañía Femme Fatale despregará mañá, xoves 17 de maio, polas rúas do casco antigo de Santiago.

Ronda poética

Inserido na carteleira do Salón Teatro, este "batallón literario" chega por vez primeira a Compostela despois de ter percorrido as rúas da Coruña, Ourense ou Arteixo, entre outras localidades, para apoiar diferentes conmemoracións literarias. Mañá a Ronda poética sairá ás 12.00 horas do espazo escénico que xestiona o Centro Dramático Galego (CDG) e porá rumbo cara á rúa do Franco pola Rúa Nova e a praza do Toural, para atravesar a continuación A Raíña, Praterías e Rúa do Vilar e regresar ao Salón Teatro pola calexa que desemboca na Rúa Nova.

A golpe de versos, os seus compoñentes interactuarán cos viandantes facendo improvisacións, agasallando poemas, relatando cadáveres exquisitos, bailando, recitando e escribindo versos no chan nunha proposta moi visual e nada prosaica.

Lingua e poesía
Nelson Quinteiro, creador e director deste espectáculo de rúa, e os actores Alberto Dasinda, Fabiana Gastaldello, María Manero, Yolanda Paz, María Polo e Uxía Vázquez caracterizaranse de escritores de inspiración decimonónica co fin de reivindicar o papel da poesía e a figura do escritor e poeta como transformador social. Acompañaraos nesta ocasión o acordeonista Alex Fente, integrante do grupo Tiruleque, que será o encargado de poñer música a este pasarrúas literario.

Cunha posta en escena na que se emprega o libro como elemento escénico e por medio do movemento e da acción de recitar, o espectáculo aborda a figura do escritor desde o concepto que del mesmo habita no imaxinario colectivo. Así, esta proposta reivindica especialmente o papel da poesía e o seu espazo nas nosas vidas, na procura dunha reflexión sobre o galego a través da nosa literatura e dos nosos autores.

Ligazóns


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal