AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

MARÍA ARMESTO DIRIXE ESTE TEXTO PROPIO QUE ABORDA DESDE A PERSPECTIVA DO TEATRO DO ABSURDO A INMOBILIDADE, O MEDO A CAMBIAR E O ACOMODO DAS NOSAS VIDAS

A Consellería de Cultura e Educación presenta no Salón Teatro a estrea de "Winnie son eu", a nova montaxe da compañía Pífano

[10/05/2012] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece mañá venres 11 de maio ás 20:30 horas no Salón Teatro a estrea de Winnie son eu, a nova proposta escénica da compañía galega Pífano Teatro dirixida por María Armesto, que forma parte da programación do Centro Dramático Galego (CDG) para o seu escenario compostelán. Haberá outras dúas funcións o sábado 12 tamén ás 20:30 horas e mailo domingo 13 ás 18:00 h.

Winnie son eu

O membros do elenco, aos que presentou o director do CDG, Manuel Guede Oliva, realizaron hoxe no Salón Teatro a explicación do espectáculo, do que escenificaron, ademais, un pequeno fragmento como avance da estrea.

En Winnie son eu Armesto dirixe un texto propio realizado a partir da obra Happy Days, de Samuel Beckett. O resultado, definido pola propia compañía como "traxicomedia existencial", conta cun elenco encabezado por Mela Casal que completan os actores Xavier Picallo, Marcos Sánchez Armesto e a propia María Armesto.

Na montaxe, catro personaxes intentan ata a exasperación conectar con calquera cousa que os distraia dos seus pesares e do seu asfixiante día a día, o que sexa preciso con tal de fabricar un presente que lles permita imaxinar o futuro. Estes personaxes conviven sobre terra estéril procurando comunicarse entre eles, aínda que só sexa para non sentir o paso do tempo.

Nun sidecar oxidado
Ela, a protagonista da historia, vive dentro da carcasa oxidada dun sidecar bélico. Nacida no ano 1961 e superada xa a metade da súa viaxe, busca superar o impasse no que está suspendida a súa vida, e faino falando, cantando, fabulando, amando, odiando, lembrando, soñando… O mar, Lubitch, Rommy Scheider, Joyce, o musical, Galicia queimada ou petroleada, Genet, Rimbeau, Louise Labé ou o propio Beckett forman parte do seu particular universo cotián.

Tres personaxes acompáñana nesta odisea: Leo, o seu home, que sempre co tronco debaixo da carcasa intenta inutilmente arranxar o pseudo-vehículo; Françoise, a nai, que sentada nunha vella cadeira de plástico fedella insistentemente nunha radio que se nega a funcionar; e finalmente, Papá, unha aparición fantástica que canta e dialoga con Ela sobre os últimos acontecementos no alén.

Teatro do absurdo
Winnie son eu aborda, desde a perspectiva do teatro do absurdo e co seu humor implacable, o conflito da inmobilidade das persoas, da súa pereza conxénita, do medo a cambiar, a moverse, a arriscar… O espectáculo afonda no acomodo ao que sometemos as nosas vidas, construíndo un día semellante ao anterior, na inxenua idea de que un milagre aconteza e cambie a nosa existencia.

En 2011 cumpriuse o cincuenta aniversario da creación de Happy Days de Samuel Beckett, unha das pezas máis representativas do teatro do absurdo. Por este motivo, Pífano Teatro acordou poñer sobre as táboas a obra de María Armesto Winnie son eu, unha reescrita do texto de Beckett e do seu personaxe principal, Winnie, único perfil feminino de envergadura do universo creativo do dramaturgo irlandés.

Venda de entradas
As localidades para as tres funcións de Winnie son eu están xa á venda na billeteira electrónica do teléfono 902 43 44 43 ou da web http://entradas.novagaliciabanco.es. Poden adquirirse, asemade, no despacho de billetes do Salón Teatro, que permanecerá aberto dende dúas horas antes do comezo de cada representación. O seu prezo é de 10 euros para as funcións do venres e sábado (con descontos do 40 por cento para estudantes, xubilados, usuarios do carné xoven, desempregados e determinados colectivos profesionais) e de 5 euros o domingo, día do espectador.


Documentación


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal