Impartido por Marta Pazos e Laila Ripoll
"A frecuencia da cicatriz". Taller inclusivo de investigación escénica
[01/07/2019 - 06/07/2019]
Este taller inclusivo de investigación escénica no que cohabitarán artistas con moi diversas capacidades é unha nova colaboración do CDG co festival Unha ollada diferente (Una mirada diferente), organizado polo CDN baixo a dirección artística de Miguel Cuerdo, Inés Enciso e Magda Labarga; e propicia un espazo de encontro de dúas voces do teatro actual. Unha propón traballar sobre as cicatrices, a outra sobre o son e o silencio.
A cicatriz
Todas as persoas temos cicatrices. Algunhas son diminutas, case imperceptibles; outras enormes. Algunhas lémbranos feitos que prefeririamos esquecer. Outras salváronos a vida. Hainas agochadas e hainas visibles, están as que desfiguran e as que favorecen, antigas ou novas: as familias, os pobos, as cidades… A Historia está atravesada por infindas cicatrices. Investigar todas estas cicatrices, converter a cicatriz en materia para o xogo. Converter a cicatriz en teatro, en arte. Case nada.
A Frecuencia
Que frecuencia ten o latexo do meu corazón? Latexa na mesma que o teu? Cantemos unha canción xuntas. Compoñamos unha sinfonía en silencio dende as frecuencias dos nosos latexos, falando coas nosas mans, bailando cos nosos corpos. Fagámolo con frecuencia tamén. Desde o número de oscilacións que se producen nunha unidade de tempo. Axitemos os nosos corpos cunha vibración alta. Percibamos os fíos invisibles que nos rodean e tensémolos para estar moi preto.
Tocar. Ouvir. Non ouvir. Sentir. Amar. Todo é empezar.
MARTA PAZOS
Directora de escena, escenógrafa e intérprete. É directora artística e dramaturga da compañía Voadora. Licenciada en Belas Artes pola Universidade de Barcelona na especialidade de pintura, amplía a súa formación na Scuola Cònia da Societas Raffaello Sanzio, dirixida por Claudia Castellucci.
Algunhas das intitucións coas que ten colaborado son o CDN, Teatro Real, Teatro Español, Teatre Lliure ou o CDG. Conta, entre outros galardóns, con tres premios María Casares, dous como directora e un como escenógrafa; e o Premio de Honra "Dorotea Bárcena" XXIX FETEGA-2018 a toda a súa traxectoria.
LAILA RIPOLL
Autora e directora, é socia fundadora de Producións Micomicón. Ten dirixido para o CDN, a Compañía Nacional de Teatro Clásico ou o Festival de Mérida, entre outros. É autora de máis dunha vintena de textos dramáticos que están traducidos a máis de dez idiomas. Recibiu o Premio Nacional de Literatura Dramática, o Max, a Homenaxe da Mostra de Autores Contemporáneos, o Ojo Crítico ou o José Luis Alonso.
INFORMACIÓN ÚTIL:
Prazas
20
10 actrices/actores profesionais ou con formación actoral previa
10 actrices/actores profesionais ou con formación actoral previa con diversidade funcional
Lugar e horario
Salón Teatro, Rúa Nova 34, 15705 Santiago de Compostela.
De luns a venres de 10.00 a 15.00 h. Sábado de 17.00 a 22.00 h (mostra aberta)
Total sesións e horas
6 sesións. Total 30 horas.
Selección
As persoas solicitantes deberán enviar o seu curriculum debidamente actualizado a
centro.dramatico.galego@xunta.gal co asunto
Taller CDG de Investigación escénica.
Prezos
95 € para participantes
60 € para participantes membros da AAAG e da asociación de Artistas de Circo / estudantes / desempregados
45 € para ouvintes
Prazo de recepción de solicitudes
Do mércores 5 ao domingo 16 de xuño.
Publicación da lista de participantes
Venres 21 de xuño na
web do CDG.
Só serán avisadas por correo electrónico as persoas seleccionadas como participantes e as que estean incluídas na lista de espera.
Formalización de matrícula
Do venres 21 ao luns 24 de xuño.
As persoas seleccionadas deberán ingresar o importe correspondente en Abanca na conta núm. ES66 2080 0388 2531 1000 2055 baixo o concepto
Taller CDG de Investigación escénica.
Para asegurar a praza nos talleres, cumprirá realizar o ingreso dentro do período establecido, e remitir o xustificante bancario do ingreso xunto co formulario de inscrición debidamente cuberto a
centro.dramatico.galego@xunta.gal. De non facerse, a praza será ocupada pola seguinte persoa na lista de espera.
+ información
Tel. 881 867 229/26 de 9.00 a 14.00 horas.
centro.dramatico.galego@xunta.gal
Enderezo:
Salón Teatro. Rúa Nova 34
15705 Santiago de Compostela
Tel. 881 867 229 de 9.00 a 14.00 h
centro.dramatico.galego@xunta.gal Prazo inscrición:
[05/06/2019 - 16/06/2019]