AGADIC

Centro Dramático Galego


Actividades anteriores



Impartido por Jordi Casanovas

"Ficción e documento". Taller de dramaturxia

[08/07/2019 - 12/07/2019]

Jordi Casanovas propón tomar como base material auténtico preexistente para que as persoas participantes neste taller confeccionen conxuntamente unha peza de ficción documental, unha obra de teatro verbatim.
Con este proceso aprenderase tamén a reescribir os textos propios para dotalos dunha maior tensión e progresión dramática. Partirase neste taller de material documental pertencente á recente realidade galega. Exemplos de pezas de teatro verbatim escritas por Jordi Casanovas son Fato, Port Arthur, Ruz/Bárcenas ou Manda, recentemente estreada no Teatro Pavón Kamikaze.
Impartido por Rosa Moledo

"As cancelas do falar". Taller de competencia lingüística

[01/07/2019 - 05/07/2019]

Que estamos facendo mal á hora de trasladar o noso modelo de lingua aos escenarios? Na produción teatral caemos moitas veces na falta de naturalidade, é dicir, nunha artificialidade lingüística. As eivas parten ás veces xa do texto escrito, cando este recolle construcións totalmente alleas á lingua na que se supón que está escrito. Se a isto lle unimos unha oralidade deficiente á hora de reproducir e interpretar ese texto, o resultado é un produto artificial e carente de toda a musicalidade e os matices propios da nosa lingua.
Por outra parte, sucede tamén que aquelas e aqueles profesionais cun dominio absoluto do galego —ben por ser a súa lingua materna, ben por ser produto dunha aprendizaxe en profundidade— en moitas ocasións acaban "contaminadas/os" e reproducindo un falar que non lles corresponde ou non lles debía corresponder.
Que podemos facer?
Neste obradoiro analizaremos a situación para saber onde estamos e o camiño que temos por diante. Despois desta análise, as xornadas serán enteiramente prácticas. Traballaremos con textos teatrais, guións cinematográficos etc. Haberá que falar, gravarse e escoitarse. Todo o que fagamos vai estar centrado na competencia lingüística e, sobre todo, na prosodia.
Impartido por Marta Pazos e Laila Ripoll

"A frecuencia da cicatriz". Taller inclusivo de investigación escénica

[01/07/2019 - 06/07/2019]

Este taller inclusivo de investigación escénica no que cohabitarán artistas con moi diversas capacidades é unha nova colaboración do CDG co festival Unha ollada diferente (Una mirada diferente), organizado polo CDN baixo a dirección artística de Miguel Cuerdo, Inés Enciso e Magda Labarga; e propicia un espazo de encontro de dúas voces do teatro actual. Unha propón traballar sobre as cicatrices, a outra sobre o son e o silencio.

A cicatriz
Todas as persoas temos cicatrices. Algunhas son diminutas, case imperceptibles; outras enormes. Algunhas lémbranos feitos que prefeririamos esquecer. Outras salváronos a vida. Hainas agochadas e hainas visibles, están as que desfiguran e as que favorecen, antigas ou novas: as familias, os pobos, as cidades… A Historia está atravesada por infindas cicatrices. Investigar todas estas cicatrices, converter a cicatriz en materia para o xogo. Converter a cicatriz en teatro, en arte. Case nada.

A Frecuencia
Que frecuencia ten o latexo do meu corazón? Latexa na mesma que o teu? Cantemos unha canción xuntas. Compoñamos unha sinfonía en silencio dende as frecuencias dos nosos latexos, falando coas nosas mans, bailando cos nosos corpos. Fagámolo con frecuencia tamén. Desde o número de oscilacións que se producen nunha unidade de tempo. Axitemos os nosos corpos cunha vibración alta. Percibamos os fíos invisibles que nos rodean e tensémolos para estar moi preto.
Tocar. Ouvir. Non ouvir. Sentir. Amar. Todo é empezar.
Impartido por Pablo Viar

"Xogar a ser outr@". Taller de construción de personaxes

[24/06/2019 - 28/06/2019]

A partir da súa formación na LAMDA de Londres, e da súa experiencia pedagóxica e profesional no teatro de texto e musical (ópera e zarzuela), Pablo Viar ofrécelles ás persoas participantes neste taller unha ampla selección de ferramentas e xeitos de abordar a construción de personaxes e o tratamento de situacións dramáticas, a través do emprego consciente do corpo e da voz.
Tendo en consideración a importancia do espazo e o tempo dentro do feito teatral, as actrices e actores son convidados a investigar identidades teatrais vivas, capaces de sentir, reaccionar, intuír e interrelacionarse en presente, a partir do descubrimento dunha neutralidade corporal e expresiva.
Impartido por Míkel Arístegui

"O corpo como forma de expresión". Taller de adestramento físico

[17/06/2019 - 21/06/2019]

A partir do traballo corporal como base, o bailarín e coreógrafo Mikel Aristegui propón unha serie de exercicios simples de tonificación e preparación do corpo, para máis tarde xogar, por parellas ou en grupo, creando situacións teatrais que evoquen unha coreografía dinámica e poética combinada cunha estética particular para descubrir xuntos a estética do movemento.
Taller para actrices e actores, onde o corpo en movemento é a linguaxe primordial. Non é necesaria ningunha experiencia previa como bailarín/na.

Actividades en curso


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal