Texto e dramaturxia: Pedro Penim
Elenco: Carla Maciel, João Lagarto, Sandro Feliciano e Fado Bicha (Lila Tiago e João Caçador)
Casa Portuguesa conta a historia (ficcional) dun ex soldado da Guerra Colonial que, dialogando coas súas pantasmas, se ve confrontado coa decadencia e a transformación do ideal de casa, de familia, de país e do canon da figura paterna. Un retrato do que foi, do que é e do que poderá ser (ou non ser) a célula familiar patriarcal por excelencia, a casa, tendo como pano de fondo os acontecementos recentes da democracia portuguesa e revisitando a máis dolorosa das feridas abertas da historia do país.
En data incerta, talvez ao final dos anos 40, nun bar dun hotel en Mozambique, tres portugueses escriben a canción Uma casa portuguesa, un fado pobre e alegre que reproduce un saudosismo estereotipado dunha idea de Portugal, ben ao gusto da ideoloxía do Estado Novo. Fado que, pasados 48 anos de vida democrática, aínda moitos portugueses saben de memoria.
En 1968, Joaquim Penim, parte, a contragusto e contra a súa ideoloxía, cara á Guerra Colonial en Mozambique, experiencia que servirá de materia, moitos anos despois, para o seu libro No Planalto dos Macondes. En 2021, Emanuele Coccia edita Filosofía Della Casa, un ensaio que describe a casa como un espazo en que inxustizas, opresións e desigualdades foron escondidas e reproducidas mecanicamente durante séculos. É na casa e a través da casa, por exemplo, que se xera a maior parte da violencia sexual, que se privilexia a heteronormatividade e o racismo. É da conxugación destes tres materiais - fado, diario de guerra e ensaio filosófico - que nace este espectáculo do Teatro Nacional D. Maria II.
ADVERTENCIA: Este espectáculo emprega nalgúns momentos efectos de luz estroboscópica que poden afectar a persoas con sensibilidade específica ou determinadas doenzas.