Cando un ser querido nos deixa, o baleiro que queda énchenos dun silencio que, ás veces, nunca conseguimos facer desaparecer. Un silencio que se aferra ao corazón apagando para sempre parte da súa luz.
Tromsø é unha reflexión en clave de humor dende a perda; sobre a vida, a morte e todo o que queda entre medias. É un canto á tristura, pero tamén á esperanza. Unha viaxe épica polos mares do norte, navegando entre tormentas, fiordes e enormes cardumes de arenque, na procura de respostas, nun lugar onde as candorcas, co seu canto, desgarran o silencio salvaxe da aurora boreal.
A compañía
Morraoconto somos Rafa Martínez, Lara Pouso e Miguel Gendre. A compañía nace como resposta á necesidade de crear unha plataforma de xestión propia coa que levar a cabo diferentes proxectos. Tentamos aportar valor engadido ás propostas escénicas, entendendo os procesos creativos como espazo de colaboración no que traballar con artistas e profesionais de diferentes disciplinas aos que invitamos a mergullarse no noso imaxinario. Sustentamos o traballo en tres piares fundamentais: liberdade creativa, experimentación e denuncia social.