Danza. Galicia
Creación, dirección e interpretación: Cris Balboa
Imaxinade que estou en escena soa co meu sinte e estou aterrorizada. En realidade, fago de tía moi nerviosa que se vai enfrontar a algo moi heavy. Non hai nada heavy na miña selección musical, pero intento ser un pouco punkarra porque iso sempre se aplaude nas performances. Penso no punk e só vexo ao tipo con crista que sempre se me quedaba mirando no Maycar. Estou en escena soa, sen crista, querendo que a xente diga: «esta tía é moi punki». Os punkis que coñecín non reciclaban, tiraban as cabichas ao chan e levaban pantalóns axustados con cadeas.
A min gústanme os pantalóns anchos tipo slouchy e reciclo ata a miña regra, así que renuncio definitivamente a ser punki. Imaxinade que empezo escusándome, como cando vas falar en inglés e dis sorry for my English, porque isto que me propoño é moi difícil. Entón, imaxinade que eu o sei e que vós o sabedes, pero todas somos moi educadas e asumimos que pode darse o acontecemento. Desexamos que suceda algo e que non nos entre o sono.
Obxectivo principal: que a miña audiencia non se durma. Entón, podo optar por facer algo entretido para que o público non se durma ou podo xerar un ritmo frenético ata provocarlles certa ansiedade. Isto último non é un desexo moi nobre para unha artista que se considera hedonista e que só quere que a xente o pase ben. O obxectivo podería ser que o público saíse de verme con ganas de bailar, e iso xa me gusta máis. Que digan: «saín de ver esa movida de Roland mon amour con ganas de montar unha boa e súper-concienciada».
Funboa Escénica
Cris Balboa, fundadora de Funboa Escénica, é unha creadora galega que ten como motor a presentación escénica do absurdo cotián na procura dun diálogo xeracional onde a palabra, a acción, a danza, o audiovisual e a música se mesturan na proposta artística. Investiga sobre a posibilidade de transformación social e persoal que ten a arte, atravesando a súa obra con elementos narrativos que oscilan entre a ironía, o humor, o hedonismo ou incluso a desesperación.
Os seus traballos escénicos desde a súa compañía Funboa Escénica son Technocracia (2020), O que segue (2019), Masa madre + sal marina (2018), Sushi Gratis (2015), Sigue Buscando (2013), Oiseau Rebelle (2011) e os monólogos Biolóxica (2013) e No me cuentes tu vida (2012). Son pezas de creación colectiva onde se desenvolven diferentes procesos de escritura e composición escénica, sempre desde a identidade, o contexto e a necesidade de infiltrarse en calquera linguaxe artística.