Lorena Conde, dirección e dramaturxia
QUERES QUE CHO CONTE OUTRA VEZ?
Cando o lobo comía verzas e as vacas miañaban había casas nas que soñaban as crianzas con mesas que, só con mandarllo, se cubrían de manxares; ou burras que levantaban o rabo e cagaban ouro a moreas se sabías o que había que dicirlles nas orellotas.
As obreiras, nais das futuras obreiras, aínda hoxe tenden o pan con chocolate e énchense de dicirlles hai que traballar para vivir e tamén isto era un rei que tiña tres princesas, pechounas en tres artesas e botounas ao mar. Vólvocho contar?
Pero que sucede cando o traballo de fóra non dá abondo e invade tamén a mesa da cociña e a vida doméstica coma un gramón de raíz ávida?
Que pasa cando a mesiña dos manxares rompe, a burra escapa axitando as orellotas e o pau só obedece á voz da autoridade para bater no lombo das de sempre?
Pois vaite que este é o conto de fadas dunha familia obreira galega naqueles tempos nos que era máis doado crerlles os contos ás avoas que as promesas aos patróns...