Organiza: Xunta de Galicia | Cidade da Cultura | Centro Dramático Galego
Nunha experiencia escénica que mestura o falso documental co freak show, Laura Porto e Helena Varela reúnen as pezas sobre Medea que deixaron Eurípides, a poeta Chantal Maillard e a novela de Christa Wolf para tratar de dilucidar quen foi realmente a muller baixo o mito. Teremos tamén a oportunidade de escoitar o que dela contan veciñas e familiares, desde o seu ex-marido, Xasón, ata os seus avós e os seus fillos.
Á vez, xogando a ser doutoras Frankenstein, as dúas artistas intentarán devolvela á vida nun híbrido robótico con forma de paxaro, salvaxe, belo e violento como a personaxe mitolóxica. E buscarán implicar ao público na imposible decisión sobre o destino da súa creación, esta nova Medea. Un artificio que agocha unha revelación.
Medea-Mamá-Monstro configura o volume 13 do ciclo Clásicas desfeitas, co-producido polo Centro Dramático Galego e a Cidade da Cultura. As dúas primeiras representacións da obra serán os días 28 de febreiro e 1 de marzo no Centro de Emprendemento Creativo do Gaiás. As entradas poden adquirirse en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás a un prezo de 9 € (descontos aplicables).
Clásicas desfeitas é un ciclo impulsado polo Centro Dramático Galego coa Cidade da Cultura de Galicia para redescubrir os clásicos a través das linguaxes da escena contemporánea. O ciclo encádrase no programa de Residencias Artísticas do Gaiás (REGA).
Helena Varela
Actriz, formadora, produtora, distribuidora e lectora de audiolibros para a Once. Diplomada en dobraxe pola Escola de Salvador Arias (Madrid), titulada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia no ano 2009 e Máster en Artes Escénicas pola Universidade de Vigo (2010). No 2015 funda co artista e enxeñeiro Xosel Díez o colectivo Cinema Sticado. Actualmente imparte obradoiros dentro de diferentes programas de igualdade no territorio galego.
Realizou xiras a nivel nacional e internacional por festivais en Galicia, Polonia, Suiza, Portugal, Bulgaria e Turquía, entre outros. Recibiu o premio ao achegamento máis innovador ao arte do teatro de monicreques dentro do Festival AnimArt en Łódź (Polonia) no 2017; o premio á innovación tecnolóxica no desenvolvemento dunha nova linguaxe escénica no XXVI Inernational Puppet Theatre Festival de Bulgaria en 2021; e o premio especial do xurado no Festival Internacional de Maltepe de Turquía en 2022.
No 2025 fará o seu debut en solitario co espectáculo Oh, mammi blue, dirixido por Noemi Rodríguez.
Laura Porto
Traballadora cultural graduada en Arte Dramática pola ESAD de Galicia (2019) e con estudos de Filosofía na Universidade de Santiago de Compostela. Actualmente está a formarse como técnica superior en Mediación Comunicativa.
Desde 2019 desenvolve a súa actividade laboral nos ámbitos das artes escénicas, o xornalismo, a xestión cultural e a acción social. No eido das artes escénicas, foi seleccionada no I Laboratorio de creación SGAE Galicia, e finalista en 2024 aos Premios María Casares, na categoría "mellor texto orixinal", polo seu texto A Nai.