O Centro Dramático Galego cumpre 40 anos de historia no Día Mundial do Teatro do 20214 e, con este motivo, Galeatro deseña unha visita dramatizada polas entrañas da institución. Despois dunha serie de entrevistas con traballadores e traballadoras do CDG (actuais e anteriores), a compañía carballesa pretende achegarlles aos espectadores anécdotas, lendas e historias que aconteceron durante estas catro décadas. E todo isto dun xeito ameno e divertido, poñendo en valor os fitos conseguidos e subliñando os retos que aínda quedan por acadar.
Alba Bermúdez e Tone Martínez
DIRECCIÓN E DRAMATURXIA
Alba Bermúdez é licenciada en Interpretación Textual pola Escola Superior de Arte Dramático de Galicia. No 2013 realizou o Máster de Artes Escénicas na Universidade Rey Juan Carlos e no 2014 o Postgrado de Arte Cultura e Intervención Social. O seu percorrido profesional como actriz abrangue compañías como Triatreros, Contraproducións ou Galeatro, da cal é fundadora. No eido audiovisual participou en Serramoura, na webserie Dálle Jas ou na curta As Peixeiras. Como narradora oral, percorre as bibliotecas de Galicia coa súa sesión de contos Comechíns, segundo prato e As aventuras de Mariña. A súa labor como actriz e como narradora oral, compleméntase co desenvolvemento de obradoiros de artes escénicas. Actividade esta que leva exercendo na última década.
Tone Martínez é licenciado en Arte Dramática na ESAD de Galicia, este actor, formador e narrador oral especializouse na improvisación teatral con mestres como Gustavo Miranda ou Omar Argentino. Funda, xunto con Alba Bermúdez, a compañía Galeatro, coa que realiza varios espectáculos dirixidos ao público familiar e adulto. Ademais das montaxes propias, destacan os traballos realizados en compañías como Triatreros ou o Centro Dramático Galego onde formou parte do elenco dos espectáculos Divinas Palabras Revolution, dirixido por Xesús Ron e A Peste, de Cándido Pazó. No eido audiovisual, foi actor de reparto en series como Serramoura e Pazo de Familia. Como formador, imparte diversos obradoiros en distintas escolas de teatro de Bergondo, Oleiros, Coruña e Ordes.
Galeatro
A COMPAÑÍA
Fundada polos intérpretes Alba Bermúdez e Tone Martínez, Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo. Está especializada no público familiar e a súa liña de traballo esténdese desde a formación artística ata a produción de espectáculos de pequeno e gran formato. Algunhas das pezas que representaron son: Comechíns, segundo prato, Entre Bechos Anda o Conto, Muiñada ou Carabela. En 2022, Galeatro estreou o seu primeiro espectáculo para público adulto en coprodución co Centro Dramático Galego, Arte sen Guión, unha especulación escénica de como podería ter sido o teatro medieval en lingua galega.
No eido da formación, Galeatro está presente en escolas de teatro de Bergondo, Carballo, Coruña, Oleiros e Ordes. Conta con máis de 200 alumnos e alumnas que grazas a estas actividades xa forman parte, dalgunha maneira, do sistema teatral galego. Galeatro naceu coa vontade de promover a creación escénica contemporánea en lingua galega, contando para iso con dramaturgos e dramaturgas galegas vivas.
Mostra disto son os seus espectáculos de sala Muiñada, escrito por Ana Carreira, e Carabela e Wombo Combo, de Paula Carballeira.