Xoves 21 ás 18:00h: Sesión especial
> Entre as actividades paralelas da MICE atópase esta sesión especial, a proxección do filme Os espazos en branco, do novísimo cineasta Bruno Arias.
Trátase do debut cinematográfico de Arias, quen fai parte da Asociación Memoria e Cinema e, entre outras facetas laborais, coordina xunto a Coral Piñeiro o programa didáctico MICEscola, no que guían a varios grupos de alumnado de colexios e institutos galegos no proceso creativo e técnico da realización cinematográfica.
A película é un achegamento de Bruno á figura da súa tía Xela Arias, falecida cando el era un neno. Mais non se trata tanto dun aproximarse á parte artística de Xela, senón á parte familiar e íntima onde outras persoas debuxan o baleiro de recordos do director. Nese achegarse, detrás do familiar, emerxe o público, a figura da poeta e o tempo en que viviu. Uns anos marcados pola política, nunha Galicia xa con contexto urbano pero que conserva a memoria da aldea, vivindo a Transición mentres se dan tamén profundas transicións democráticas, económicas, sociais e culturais.
OS ESPAZOS EN BRANCO
Bruno Arias
2023, Galicia
89 min. VO
Como podes amar a alguén que non coñeces? Que parte do que somos provén de imaxes que non temos? Canto hai de persoa nos recordos que quedan sobre ela? Preguntas universais que describen un conflito interno, unha contradición, unha ferida a curar a través da ferramenta que mellor explora os sentimentos humanos: o cine.
Xoves 21 ás 20:00h: Sección oficial Galicia
Proxección das curtametraxes A revolución (é) probable de María Ruido, Paula Barreiro-López e Lee Douglas, e Habitar de Anzos Fazáns
A REVOLUCIÓN (É) PROBABLE
María Ruido, Paula Barreiro-López, Lee Douglas
España / Portugal, 2022
30 min VOSG/SpX
Para que serve unha revolución? Unha revolución alumea outras posibilidades de vida. Esa é a premisa da que parte esta curtametraxe, que toma como caso de estudo a última das grandes revolucións europeas, a que tivo o seu comezo o 25 de abril de 1974 en Portugal, profunda nas súas raíces coloniais, e reflexiona sobre o seu final o 25 de novembro de 1975. Este ensaio audiovisual, construído con algúns dos traballos cinematográficos máis importantes do 25 de abril e con materiais de arquivo televisivo e das cooperativas cinematográficas xurdidas á calor do proceso revolucionario, é unha reflexión sobre a forza política destas imaxes, sobre o legado que nos deixan, e sobre o papel dos arquivos, o cinema, os medios de comunicación e a representación en xeral nas nosas loitas contemporáneas. A revolución (é) probable fálanos, ademais, do fráxil estatuto de documento das imaxes como "proba", e da posibilidade real de aprender da historia desde o presente.
HABITAR
Anxos Fazáns
Galicia / España, 2023
15 min VO/SpX
Pode un corpo ser unha casa? Que é un fogar? Habitar trata de responder estas preguntas sobre a construción das nosas identidades a través do retrato íntimo de persoas transxénero e non binarias de Galicia.
Xoves 21 ás 22:00h: Sección oficial Internacional
> Estrea en Galicia do filme Onde fica esta rua? de João Pedro Rodrigues e João Rui Guerra da Mata.
ONDE FICA ESTA RUA?
João Pedro Rodrigues, João Rui Guerra da Mata
Portugal, 2022
88 min. VOSE
Desde a nosa ventá pode verse un decorado do filme Los años verdes, dirixida por Paulo Rocha en 1963. Este foi o noso punto de partida: guiados pola mirada de Rocha, volvemos aos lugares desa película. Os sucesivos estratos xeológicos, urbanísticos e sociais de Lisboa, asediados pola pandemia que interrompeu a rodaxe, debúxanse ante a nosa cámara, como unha improvisación de jazz contemporáneo a partir dunha partitura escrita en 1963.
Venres 22 ás 20:00h: Sesión 3 da sección Trazas
> Proxección dos documentais Rocío e Andalucía 28F.
ROCÍO
Fernando Ruiz Vergara
España, 1980
69 min. VOSG/SpX
O censurado documental Rocío trata as bases económicas, de clase e de poder que subxacen na devoción rocieira, alienando toda unha comarca. Documento histórico que expón breve pero concisamente a penetración e evolución do catolicismo en España durante o golpe de estado e o franquismo, a razón e lóxica da fe mariana, así como a aparición das imaxes de virxes ao longo e ancho do país para centrarse na Virxe do Rocío.
ANDALUCÍA 28F
Nonio Parejo
España, 1981
15 min. VO
Unha curtametraxe documental sobre a celebración do Referendo pola Autonomía, que votou o pobo andaluz o 28 de febreiro de 1980.
Esta sesión contará coa presentación e coloquio posterior á proxección con Alejandro Alvarado, cineasta, docente e investigador, autor de La postcensura en el cine documental de la transición española (2018). Con el indagaremos no contexto do cinema daquel período histórico e nos procesos de censura que sufriron filmes como Rocío.
ALEJANDRO ALVARADO (Málaga, 1975). Cineasta, docente e investigador. Como profesional compaxinou a televisión cultural e divulgativa, como director-realizador do programa Tesis (2001-11) de Canal 2 Andalucía. Forma tándem creativo con Concha Barquero, coa que escribiu e dirixiu varias películas, entre as que destaca Pepe el andaluz (2012). Desde 2010 é profesor do Departamento de Comunicación Audiovisual e Publicidade da Universidade de Málaga, onde imparte a materia Produción Documental e coordina o Máster en Creación Audiovisual e Artes Escénicas. Desde 2014 forma parte do comité de selección da sección de curtametraxes do Festival de Málaga.