Dirección e dramaturxia: Miguel Canalejo
Elenco: Alba Bermúdez, Miguel Canalejo, Cris Iglesias e Tone Martínez
Existiu o teatro medieval en galego? A compañía Galeatro investiga en Arte sen guión sobre a posibilidade dun teatro clásico galego do que non existen obras escritas. Partindo do estudio das estruturas narrativas e dramáticas medievais e dos materiais en lingua galega previos ao Rexurdimento, e coas ferramentas da improvisación contemporánea, a comedia e a música, en Arte sen guión propón unha nova lectura do patrimonio cultural galego.
Catro comediantes representan as pezas recollidas nun estraño Códice da Idade Media. Arte sen guión é unha especulación improvisada, unha relectura dun tempo deostado e unha comedia que nos recorda que nin antes eran tan antigos, nin agora somos tan modernos.
Arte sen guión conforma o volume 4 do ciclo Clásicas desfeitas, coproducido pola Cidade da Cultura e o Centro Dramático Galego dentro do programa de residencias artísticas do Gaiás (REGA). En 2022, Clásicas desfeitas convídanos a redescubrir, baixo novas formas e linguaxes, textos clásicos da literatura medieval e renacentista galega e portuguesa. Un encontro con artistas que apostan por levar o teatro máis aló das táboas tradicionais, ocupando espazos arquitectónicos e naturais para a creación escénica.
GALEATRO
Galeatro é a primeira compañía de teatro profesional de Carballo. Fundada polos actores Tone Martínez e Alba Bermúdez, ten percorrido gran parte dos centros educativos de Galicia cos seus espectáculos didácticos De Leria con Castelao, O Contador de Contos, Contos no Faiado e O Xogo das Letras. En 2017, coproduce xunto co FIOT, o seu primeiro espectáculo de gran formato Muiñada. Esta colaboración afianzouse coa coprodución de Carabela no ano 2020.
Á súa vertente artística hai que lle engadir o seu labor de formación teatral, que no último ano chegou a máis de 200 estudantes. Galeatro nace coa intención de achegar as artes escénicas a un público familiar, contando para isto con dramaturgas galegas coma Ana Carreira ou Paula Carballeira.
Con Arte sen guión, a compañía pretende dar un paso máis achegándose ao público xuvenil e adulto sen esquecer as súas raíces.