Unha persoa con diagnose de enfermidade mental parece a piques de se suicidar. A modo de flashback, da man da protagonista faremos unha viaxe á súa vida, reflectindo o proceso da súa enfermidade, a súa historia de negación, de aceptación, de medo, lucidez, humor, rebeldía…
Riremos e choraremos con ela, percorrendo con ela o longo camiño da saúde mental, nun xogo escénico onde interactúan escenas ao vivo con outras gravadas, cunha linguaxe teatral próxima á arte da performance. Unha viaxe emocional, surrealista ás veces, que rematará volvendo ao momento no que comeza a obra, os instantes previos ao hipotético suicidio da protagonista. Suicidarase ou non? Non o fará, porque toma conciencia de que con ela desaparecería sen deixar rastro a memoria de quen quixo.
A ficción está zarrapicada de testemuños reais, uns ao vivo e outros gravados, que se fundirán coa trama principal sen rupturas, formando unha única narración, reivindicando para estas persoas con diversidade mental esa condición: persoas antes que enfermos. O elenco está formado por actores e actrices con e sen diagnose de enfermidade mental, e ten a cualificación de espectáculo inclusivo recomendado pola Rede Española de Teatros e Auditorios.
O texto está baseado no laboratorio creativo ‘Que nadie camine por mi mente con los pies sucios’ (Derechos Humanos a Escena 2019), no que traballamos cunha ducia de persoas con diversidade mental, e obtivo o apoio de Innova Cultural 2018.