Dirección e dramaturxia: AveLina Pérez
Por favor, tenteo novamente máis tarde é un intento de supervivencia, é querer fuxir do ruído, é compartir espazo sen ollarnos mentres morremos por facelo.
É buscarme e é buscarte.
En escena dúas persoas, cada unha co seu mundo, inmersas no ruído, transitan polas súas obsesións e desamparos.
A dramaturxia constitúese arredor do pensamento individual, anulando a posibilidade de comunicación inda que esteamos, paradoxalmente, propiciando o encontro.
Acompañando está individualidade: o ruído.
Con todo, queda lugar para a esperanza, quizais lonxe das promesas de felicidade que nos ofertan os mass media: Que tal se nos miramos aos ollos?
- - - - - - - - - - - - - - - - - -
Antes de escoitar Por favor, ténteo novamente máis tarde, é moi probable que un ordenador ou unha gravación telefónica nos indiquen que aconteceu un erro.
Interésame o erro.
Ese lugar que transita entre o imposible de controlar e un camiño que tira cara a unha dirección concreta.
O erro é o contrario do acerto? É iso? Realmente é iso?
O erro non pode ser unha posibilidade? Non pode ser unha opción?
Hai que tentalo máis tarde? Cando é máis tarde? Que é o que hai que tentar?
Tentar para conseguir que cousa?
Defínome farta da frialdade da acusación, farta da marcaxe a ferro e da doma á que mulleres e homes somos sometidos, farta da resignación e da asunción das consignas, farta da defensa e da loita contra direccións absurdas.
Defínome escéptica ante o éxito e os gañadores, tendo en conta o que se nos presenta como cumio.
E así, desde este cansazo e escepticismo, aparecen na sala de ensaios materias primas que me interesan: a vulnerabilidade, a incapacidade, a soidade, o fracaso... para continuar crendo en encontros pequenos, en miradas, en salvacións desconcertantes, que tamén teñen que ver coa vida e que se afastan de mensaxes de maquinas e persoas programadas.
Isto é Ténteo de novo máis tarde: un encontro arredor da vulnerabilidade, en contraste con todo iso que nos queren facer crer que é vivir.
Un erro, quizais.
AveLina Pérez